Bases do Premio Modesto Figueiredo

1.FINALIDADE DO PREMIO

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de TEO ( A CORUÑA) organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de "Premio Modesto R. Figueiredo”. Este certame organízase coa finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o pontevedrés Modesto R. Figueiredo.

2.REQUISITOS PARA PARTICIPAR

Poderán participar todos os autores e todas as autoras de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro certame literario.

3.TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR

Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas
mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.

4.TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN

As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado
sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 16 DE NOVEMBRO de 2015 a algún destes enderezos:

FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Apdo. de Correos,627. Santiago de Compostela

CONCELLO DE TEO. CONCELLARÍA DE CULTURA.
Travesía da Ramallosa, nº 38, cp 15883
Lucía, Teo


Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e o currículo vitae se o considera oportuno.No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.

(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de
publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.


5.PREMIOS

A obra gañadora será premiada con 1000€ ( suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada un ( e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais) . Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico).

(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento dos seus autores ou autoras.

6.XURADO E DECISIÓN

O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria
designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións de Escritores ( AELG e PEN CLUBE DE ESCRITORES DE GALICIA )e do Concello de TEO ( A CORUÑA).Así, a Fundación do Pedrón de Ouro reservarase os postos de presidente/a, e secretario/a (este último con voz, pero sen voto). 

(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.

O Xurado reunirase na segunda quincena do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.

7.ENTREGA DE PREMIOS

Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto
organizado polo Concello de Teo ( A Coruña) en día e data que se dará a coñecer oportunamente. Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.

8.OBXECCIÓNS E NORMAS DE INTERESE

A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R.Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.


A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con
capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.

O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as presentes bases deste.


7 de out. de 2015

A biblioteca, lugar de saber e facer

David Otero.-

Lugar de saber porque alí nese espacio, controlando  sempre por onde está a saída,  coa mesma claridade de como entramos, imos todas e todos polos camiños que nos explican  os nosos desexos. Imos cos amores fáciles e tamén cos difíciles. Atopámonos. E alí explicámonos podendo sufrir alegremente moitas metamorfoses.Alí podemos viaxar ás orixes e coñecer segredos de todos os tamaños e de todas as formas.Alí sentimos o amor doce da lectura. Da lectura  que nos busca por todos os lugares da man dos soportes que alí hai ( sobre todos os libros).Nese taller de soños, díghoche, que a lectura nola poñen doada. E nola poñen , no ler primeiro e no reler, as bibliotecarias, os bibliotecarios, as bibliocolaboradoras, os bibliocolaboradores, Todo a unha oferta xenerosa, curiosa, preciosa…amorosa. In situ e on line.E é así porque alí na lectura como bomba de reparación intensa , anunciando e denunciando, escribindo e reescribindo nos nosos pensamentos, recreando e creando,  na forza e sinxeleza de todo o que vivimos, debuxamos imaxes multiplicadas, portentosas ou espantosas. Sempre   marabillosas.

Lugar de facer porque alí xogarás seriamente sen pretensións de lle gañar a ninguén.Sen romper con ninguén.Farás dos desexos unha necesidade interior.Buscarás sempre e moitas veces atoparás algo porque alí están os libros eses soportes inmedibles para vivir as vidas que queiramos porque cos libros teremos e notaremos presenzas, recordos e ausenzas.Cantos modos de ver… !. E sempre costa arriba ou abaixo, sen ou con freos.Como amantes. Pois cada quen é quen é… para ser mellor, para non falsear nada, pois afondamos nas nosas emocións a toda pastilla coas autoras e cos autores para vivirmos intensamente nos libros os acordes das palabras activadas polas forzas das nosas lecturas.Abrázanse os corazóns. E cantas mentiras marabillosas confesamos… !

Na Biblioteca o noso mundo non se acaba.Sempre haberá unha lectura útil.Mesmo cando peches o libro na segunda páxina porque non che gusta.Pero…hai que ver como quedarán os libros logo de lelos…!

Ferror Records preséntase en sociedade

Redacción.-

Unha festa na Sala Super 8 servía o pasado sábado para a presentación de sociedade de Ferror Récords. Este selo discografico, nado da man do músico Serxio Peck e do divulgador Fernando Fernández Rego, presentaba hai uns meses o seu primeiro lanzamento co single e vídeo Bombas de Cristal da banda Carrero Bianco. O proxecto, que quere dar a coñecer as bandas da escena local, daba a coñecer este sábado un CD que recolle cancións de dezaseis grupos de Ferrol. Alarido Mongólico, Cable, Carrero Bianco, Cuerpo Astral, Espejos y Diamantes, Jamie Fifthring, Klute Band, Koroiev, Korokati, Kurwa!, Os Gru, Quant, Rubén Artabe, Síndrome Winona, Skyhooks e Weather Underground fan parte deste primeiro álbum colectivo, ao que, segundo adiantan os responsables da discográfica, seguirá outro en breve.

6 de out. de 2015

A Vaca de Fisterra

Helena Villar Janeiro.-

Á tradición de El Toro de la Vega, que debeu ser hai tempo abolida por maltrato con saña contra un animal, quero opoñer un uso que cómpre recuperar pola simboloxía de auxilio e comunicación emotiva nas terras máis occidentais de Galicia, A Vaca de Fisterra. Entre nós, sempre se viu a vaca como ben nutricio. Á Vaca de Fisterra, que é metafórica, acaeulle moi ben este nome non só polo bruído senón tamén polo significado do animal que sacaba, canda o porco e a galiña, a fame das casas, aínda en lugares onde entraba o peixe que esta vaca fisterrá axudaba a traer ata o porto. Ser era un nautófono, un faro sonoro, que aínda conserva as buguinas ao aire ben semellantes ás cornas dunha vaca. Instalouse no faro en 1889 porque os sinais lumínicos eran insuficientes cando se perdían entre as brétemas, que alí din borraxeiras. Foi ela quen pasou a orientar co seu compás os mariñeiros mostrándolles cos seus bramidos unha especie de mapa virtual de colocación que facía posible que os barcos se orientasen, garantíndolles o bo tránsito ou a chegada a porto. O seu bruído lanzado ao aire para que sobrevoase o mar, chegaba tamén á terra dos arredores do cabo fisterrán. Así que non só os navegantes, aos que ela dirixía as advertencias, senón tamén as xentes da contorna recibían aqueles avisos en días e noites de borraxeira, por iso se converteu nun son ambiental que, segundo di Xosé Iglesias nun dos seus traballos, é parte do ADN das xentes dunha gran contorna que o escoitou ata o ano 1999, pois a Vaca de Fiesterra quedou muda cando acabou o século XX.

O aparello do faro de Fisterra foi o primeiro e case único en Europa das súas características. Pero a obsolescencia chegou aos seus mecanismos cando o sistema de navegación adoptou as novas tecnoloxías que o fixeron innecesario para o seu labor. Non obstante, a memoria do seu son é un patrimonio inmaterial daquela xente que o leva incrustado na memoria de varias xeracións constituíndo un compoñente de colectividade. Mais tamén é patrimonio material, porque pode volver poñerse en uso simbólico para o converter nun atractivo particular da comarca. E, como o seu recordo xa figura na obra de poetas que sempre a sentiron dentro, o pasado día 19, organizado polos poetas Francisco X. Fernández Naval, Modesto Fraga e Xosé Iglesias, investigador e divulgador da historia deste nautófono, tivo lugar un acto cultural no que vates e intérpretes musicais tomaron o papel reivindicativo de gabar tan singular patrimonio e de pedir que o faro recupere a voz. A marcha desde a lonxa da vila ata o faro, cos catro recitais que se desenvolveron ao longo do acto, demostraron o interese da xente convidada a participar e, sobranceadamente, a da vencidade e arredores. Agora procede a negociación que queda nas mans do Concello de Fisterra –que colaborou na organización do acto- e da autoridade portuaria. Entre ambos poden facer deste desexo unha realidade. Medre o mar e volva a Vaca de Fisterra!

Texto e imaxe: © Helena Villar Janeiro

Lido na rede en: helenavillarjaneiro.blogaliza.org

Tamén publicado en El Correo Gallego (25-09-15).

2 de out. de 2015

Portas abertas na Casa-Museo Manuel María

Redacción.-

“Axudar a deseñar unha boa visita escolar á Casa-Museo Manuel María e á súa contorna, tirándolle o mellor rendemento posíbel”. Eis o obxectivo da xornada informativa de “portas abertas” que a Casa-Museo do escritor de Terra Chá ou Os soños na gaiola programa para este sábado 3 de outubro a partir das 10.30 da mañá. A iniciativa está especificamente dirixida ao profesorado de todas as etapas do ensino, en especial ao de departamentos de Lingua Galega, equipos de dinamización lingüística, aos responsábeis das saídas escolares ou ao dos clubes de lectura das bibliotecas.

A xornada, que se desenvolverá en horario de mañá e de tarde, incluirá visitas guiadas á Casa-Museo, coa fin de coñecer como se desenvolven habitualmente e como se poden adaptar a cada etapa escolar, e un achegamento aos diferentes recursos didácticos que o espazo ofrece como complemento, desde a música, o audiovisual ou as TIC até as posibilidades que a palleira, a aira ou a horta da Casa de Hortas ofrecen como espazo de xogos ou actividades que os mesmos centros poidan preparar previamente na aula.

A actividade incluirá tamén a visita a algúns dos espazos da contorna da casa natal que foron escenario esencial na vida ou na intimidade poética de Manuel María e conforman parte do seu universo literario máis persoal, o que el definía como a “tribo” de Outeiro de Rei: a Carballeira da Santa Isabel, a fonte comunal ou as Penas de Rodas. Xa de tarde, visitarase a olaría de Bonxe, derradeiro exemplo da cerámica artesá da Terra Chá, ou a Lagoa de Cospeito, a quen Manuel María dedicou un poemario completo: Poemas para dicirlle a dúas lagoas (Espiral Maior, 1994). Trátase de toda unha proposta de roteiro a través da que coñecer a rica biodiversidade chairega en diálogo directo coa obra do escritor ao que se dedican as Letras Galegas de 2016.

O profesorado interesado en participar na xornada ou en recibir máis información pode dirixirse ao teléfono 698 177 621 ou escribir ao correo-e  HYPERLINK "mailto:contacto@casamuseomanuelmaria.gal"contacto@casamuseomanuelmaria.gal.

1 de out. de 2015