A biblioteca, lugar de saber e facer

David Otero.-

Lugar de saber porque alí nese espacio, controlando  sempre por onde está a saída,  coa mesma claridade de como entramos, imos todas e todos polos camiños que nos explican  os nosos desexos. Imos cos amores fáciles e tamén cos difíciles. Atopámonos. E alí explicámonos podendo sufrir alegremente moitas metamorfoses.Alí podemos viaxar ás orixes e coñecer segredos de todos os tamaños e de todas as formas.Alí sentimos o amor doce da lectura. Da lectura  que nos busca por todos os lugares da man dos soportes que alí hai ( sobre todos os libros).Nese taller de soños, díghoche, que a lectura nola poñen doada. E nola poñen , no ler primeiro e no reler, as bibliotecarias, os bibliotecarios, as bibliocolaboradoras, os bibliocolaboradores, Todo a unha oferta xenerosa, curiosa, preciosa…amorosa. In situ e on line.E é así porque alí na lectura como bomba de reparación intensa , anunciando e denunciando, escribindo e reescribindo nos nosos pensamentos, recreando e creando,  na forza e sinxeleza de todo o que vivimos, debuxamos imaxes multiplicadas, portentosas ou espantosas. Sempre   marabillosas.

Lugar de facer porque alí xogarás seriamente sen pretensións de lle gañar a ninguén.Sen romper con ninguén.Farás dos desexos unha necesidade interior.Buscarás sempre e moitas veces atoparás algo porque alí están os libros eses soportes inmedibles para vivir as vidas que queiramos porque cos libros teremos e notaremos presenzas, recordos e ausenzas.Cantos modos de ver… !. E sempre costa arriba ou abaixo, sen ou con freos.Como amantes. Pois cada quen é quen é… para ser mellor, para non falsear nada, pois afondamos nas nosas emocións a toda pastilla coas autoras e cos autores para vivirmos intensamente nos libros os acordes das palabras activadas polas forzas das nosas lecturas.Abrázanse os corazóns. E cantas mentiras marabillosas confesamos… !

Na Biblioteca o noso mundo non se acaba.Sempre haberá unha lectura útil.Mesmo cando peches o libro na segunda páxina porque non che gusta.Pero…hai que ver como quedarán os libros logo de lelos…!

7 de out. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión