Portas abertas na Casa-Museo Manuel María

Redacción.-

“Axudar a deseñar unha boa visita escolar á Casa-Museo Manuel María e á súa contorna, tirándolle o mellor rendemento posíbel”. Eis o obxectivo da xornada informativa de “portas abertas” que a Casa-Museo do escritor de Terra Chá ou Os soños na gaiola programa para este sábado 3 de outubro a partir das 10.30 da mañá. A iniciativa está especificamente dirixida ao profesorado de todas as etapas do ensino, en especial ao de departamentos de Lingua Galega, equipos de dinamización lingüística, aos responsábeis das saídas escolares ou ao dos clubes de lectura das bibliotecas.

A xornada, que se desenvolverá en horario de mañá e de tarde, incluirá visitas guiadas á Casa-Museo, coa fin de coñecer como se desenvolven habitualmente e como se poden adaptar a cada etapa escolar, e un achegamento aos diferentes recursos didácticos que o espazo ofrece como complemento, desde a música, o audiovisual ou as TIC até as posibilidades que a palleira, a aira ou a horta da Casa de Hortas ofrecen como espazo de xogos ou actividades que os mesmos centros poidan preparar previamente na aula.

A actividade incluirá tamén a visita a algúns dos espazos da contorna da casa natal que foron escenario esencial na vida ou na intimidade poética de Manuel María e conforman parte do seu universo literario máis persoal, o que el definía como a “tribo” de Outeiro de Rei: a Carballeira da Santa Isabel, a fonte comunal ou as Penas de Rodas. Xa de tarde, visitarase a olaría de Bonxe, derradeiro exemplo da cerámica artesá da Terra Chá, ou a Lagoa de Cospeito, a quen Manuel María dedicou un poemario completo: Poemas para dicirlle a dúas lagoas (Espiral Maior, 1994). Trátase de toda unha proposta de roteiro a través da que coñecer a rica biodiversidade chairega en diálogo directo coa obra do escritor ao que se dedican as Letras Galegas de 2016.

O profesorado interesado en participar na xornada ou en recibir máis información pode dirixirse ao teléfono 698 177 621 ou escribir ao correo-e  HYPERLINK "mailto:contacto@casamuseomanuelmaria.gal"contacto@casamuseomanuelmaria.gal.

01/10/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión