Finou Xosé Chao Rego

Redacción.- Hoxe pola mañá finou en Compostela o escritor Xosé Chao Rego (Vilalba, 1932). Estudou filosofía en Salamanca e Madrid e teoloxía en Roma. Consagrouse sacerdote en 1956 na basílica de San Pedro de Roma. Foi profesor do seminario de Mondoñedo e párroco de Santa Mariña do Vilar en Ferrol (1959-1976), tras secularizarse foi profesor de instituto en Vilalba e a partir de 1982 en Santiago de Compostela. Foi un dos propulsores das revistas Irimia e Encrucillada e do movemento de renovación cristiá e galeguismo que se artellou en torno a elas. É irmán do escritor residente en Francia Ramón Chao. Desde 2002 é socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Deixou unha abondosa obra, fundamentalmente no eido do ensaio. 

28 de nov. de 2015

Adeus a Xosé Neira Vilas

Redacción.- O escritor Xosé Neira Vilas finou onte na súa vivenda de Gres, Vila de Cruces. O autor de "Memorias dun neno labrego" mantiña unha carreira literaria ainda en activo, acababa de presentar a súa última novela o pasado día 15 e o seu próximo proxecto era a estrea da adaptación teatral de "Querido Tomás", prevista para o vindeiro 8 de xaneiro en Santiago de Compostela. Neira Vilas estaba pendente de falar o premio Arume de poesía para nenos, que concede a fundación que leva o seu nome.
Neira Vilas naceu en Gres o 3 de novembro de 1928. Aos 21 anos emigrou a Buenos Aires, onde coñeceu á escritora cubana Anisia Miranda. O matrimonio desenvolveu unha intensa labor cultural vinculada a Galicia tanto durante a súa estancia en Buenos Aires como posteriormente cando se trasladaron a Cuba. Xa jubilados, instaláronse na localidade natal de Neira Vilas en 1992, onde puxeron en marcha a citada Fundación Xosé Neira Vilas, unha das entidades máis dinamizadoras da comarca. Anisia Miranda faleceu en outubro de 2009.
Doctor Honoris Causa pola Universidade da Coruña, membro da Real Academia Galega, Premio da Crítica Española e da Crítica Galega, Medalla Castelao, Pedrón de Ouro, Celanova dos Poetas.... O autor do primeiro "best seller" gallego obtivo ao longo da súa traxectoria multitude de recoñecementos.

A homenaxe póstuma é no Panteón de Galegos Ilustres, onde o mundo da cultura e a política vela os seus restos mortais dende as seis da tarde de hoxe. O enterro terá lugar mañá ás 17:30 horas na súa parroquia de Gres (Vila de Cruces), onde o Concello declarou dous días de loito oficial.

Cultura alimentaria

Redacción.-

Existe unha relación directa entre o consumo de carne procesada e carne roxa e o risco de cancro. Unha evidencia que chega da man de numerosos estudos realizados por diferentes entidades a nivel internacional que tamén indican que se trata dun risco baixo. O consumo moderado de carne, no marco dunha cultura alimenticia saudable e exercicio físico son algunhas das claves da prevención. Esta é a mensaxe que se repetiu ao longo da tarde no marco da xornada “Os pecados da carne?” coordinada por Anxo Carracedo e Rafael Tojo. “O problema da dieta cárnica é un asunto científico pero tamén ten que ver coa cultura alimentaria e cómpre unha reflexión sobre a realidade” apuntou Ramón Villares na inauguración dunha xornada que se abordou o tema desde a necesidade dunha difusión rigorosa ata a dieta actual.

A xornada está enfocada en poñer sobre a mesa a vantaxe e os problemas da dieta cárnica e a súa relación coa saúde. O xornalista especializado Antonio Martínez Ron abriu a sesión falando da divulgación, de achegar a mensaxe a sociedade sen ideoloxías nin matices e axustado á verdade. No seu relatorio explicou de xeito práctico o contexto no que se elaboraron as informacións que deron lugar a esta controversia. “Tratábase dun informe rutinario, xa programado, que revisaba unha serie de estudos científicos que establecían unha correlación entre o consumo de carne e o cancro, e a letra pequena dese anuncio estaba nos niveles de risco” indicou. Ademais, na súa intervención reivindicou a necesidade dunha información rigorosa, acundindo ás fontes para evitar inexactitudes.

Da epidemioloxía á dieta
Alberte Ruano Raviña, profesor titular de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, falou da epidemioloxía da dieta e do cancro. Fixo un repaso polas características dos diferentes estudos que levou á Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC, en inglés), parte da axencia sanitaria de Nacións Unidas, a publicar o panel que deu lugar á controversia. Ruano destacou as conclusións de cada un dos estudos, o número de persoas sobre os que se fixo a mostra e o período de tempo de análise. “Son mostras representativas, prospectivas, que se fan nun período elevado de tempo e que empregan cuestionarios validados” apuntou como mostra da calidade destas investigacións. Todos eles establecían unha relación directa entre o consumo de carne e cancro colorrectal.

O xefe do Servizo de Oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Rafael López, fixo unha relación de factores de risco do cancro. “O consumo de tabaco, o sobrepeso, o emprego de máquinas bronceadoras, as enfermidade infecciosas, a polución do aire” son, nesa orde, os principais factores de risco no noso país. Ademais, engadiu unha nova relación: a riqueza e a supervivencia do cancro. “Un estudo epidemiolóxico centra que a supervivencia en cancro vai parello ao nivel económico de país” indicou ao tempo que puxo sobre a mesa un aspecto positivo: están mellorando as taxas de supervivencia ao cancro.

Completou a sesión a xefa da Unidade de Alimentación de Pediatría do CHUS, Rosaura Leis Trabazo, cunha intervención sobre patróns alimenticios e saúde, que alertou dos altos índices de obesidade infantil. “É importante porque a obesidade a baixas idades supón un risco que, ademais ten repercusión para toda a vida”. Dedicou parte da súa intervención a falar do caso galego, onde un neno de dez anos aumentou unha media de 10 quilos desde 1979 e, aínda que ese incremento se difumina co incremento da talla, evidencia un incremento da adiposidade que cambiar a composición corporal pero tamén o nivel de resposta do organismo.

A orixe da xornada
O pasado mes de outubro un panel de expertos da Organización Mundial da Saúde afirmou, baseándose en estudos científicos publicados, que o consumo de carnes procesadas (embutidos, salchichas ou hamburguesas) aumenta o risco de sufrir cancro e que a carne vermella (porco, vacún…) é probablemente carcinóxena. Ante este asunto de actualidade que causou gran controversia, a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) organizou unha xornada concibida para falar de como se divulga a través dos medios de masas e chega ao gran público unha nova científica e de como deben interpretarse determinados datos e conclusións que afectan a tradicións moi arraigadas nos costumes do país.

A Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade
A organización desta xornada de carácter didáctico entronca cunha liña de traballo recoñecida da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade quen ten por obxecto elaborar materiais e recursos didácticos en ámbitos da natureza. Dentro desa liña de traballo encádrase o proxecto Álbum da Ciencia, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegos, así como a publicación de varias bandas deseñadas como O sabor das mazás, De quen é o solo ou De quen é a auga, editadas polo Consello da Cultura Galega. Esta sección está coordinada polo profesor Francisco Díaz-Fierros.

26 de nov. de 2015

Contra a violencia de xénero

Redacción.-

Moitos homes e mulleres da Terra Chá, unidos pola indignación de ver como a violencia machista suma novos asasinatos en moi poucos días, entenden necesario contribuír a visualizar o rexeitamento da sociedade chairega a esta traxedia mil veces repetida.

É hora de tomar de novo as rúas e prazas para amosar con contundencia que unha sociedade que se reclama avanzada e democrática, non pode aceptar nin unha muller máis asasinada. A situación é grave e debería ser catalogada como de alarma social ; desde que se contabilizan estas mortes, o machismo cometeu máis de 1300 asasinatos , máis que o chamado terrorismo político. No que levamos de ano máis de 50 mulleres, 6 en Galicia.

O 25 de novembro, Día da Non Violencia contra as Mulleres, tamén nas vilas e en toda a Chaira, e non só nas cidades, cómpre saír á rúa para berrar alto e claro que imos rematar con esta lacra social e esixir das distintas Administracións medidas encamiñadas ao illamento e desaparición dunha concepción patriarcal da sociedade.

É hora de que o conxunto da sociedade se pregunte que podemos e debemos facer para transformar este panorama porque este é un fracaso de toda a sociedade.

Por estes motivos, e en réxime de autoconvocatoria, fíxose unha concentración o día 25 de novembro a partir das 20.15 h na Praza da Constitución en Vilalba.

23 de nov. de 2015

Homenaxe a D. Uxío García Amor

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos organiza para o vindeiro venres, día 27 de novembro de 2015, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, un acto de homenaxe a D. Uxío García Amor, sacerdote, músico e profesor, que se artellará tendo en conta o seguinte programa:

• PRESENTACIÓN DO SEU POEMARIO “VERSOS EN MI VIDA”, libro que, según palabras do propio autor, recolle “pequenas sementes que condensan as vivenvias relixiosas e festivas polas que pasei, e que tiven a oportunidade de cultivar co meu pobre carisma poético”.

• ACTO DE ENTREGA DA PLACA E DIPLOMA DE SOCIO DE HONRA DO INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS, tralo acordo to-mado por unanimidade na Asemblea Xeral Ordinaria que o Iescha levou a cabo o pasado mes de marzo.

No acto intervirán o propio homenaxeado, Uxío García Amor, Félix Villares Mouteira e Manuel Castro Santamariña.

UXÍO GARCÍA AMOR
Sacerdote da diócese de Mondoñedo-Ferrol. O 19 de marzo de 1953 foi ordenado. Estudou Humanidades no Seminario de Mondoñedo. É licenciado en Filosofía e Teoloxía na Universidade Gregoriana de Roma e en Ciencias Bíblicas no Instituto Bíblico de Roma. Desempeñou os seguintes cargos: Superior e profesor no Seminario de Mondoñedo (1956-66). Mestre de Capela na Catedral de Mondoñedo (1956-71). Secretario xeral do Bispado (1966-80). Delegado diocesano de Cáritas (1964-70). Administrador diocesano do Bispado, sede vacante (1985-87). Vigairo xeral do Bispado (1987-93). Párroco das Pontes (1993). Director do Orfeón de Mondoñedo (1968-82). Profesor no Seminario de Mondoñedo (1956-80). Profesor na Escola Diocesana de Teoloxía e no Instituto Universitario de Ciencias Relixiosas. Traballou na acción pastoral como encargado de diversas parroquias rurais e como responsable das Delegacións do clero, Cáritas, Apostolado da Oración, Patrimonio Artístico... Dende hai varios anos exerce esta labor en Vilalba, onde tamén dirixe á Coral Polifónica Vilalbesa.
En xuño de 2011 foi nomeado polo Papa Prelado de Honor da Súa Santidade.
Foille outorgado o título de Chairego de Honra no ano 2012 nun acto organizado en Vilalba pola Irmandade Manuel María e a AC Xermolos.
Publicou numerosos artigos sobre temas bíblicos, estudos biográficos e algúns poemas.

21 de nov. de 2015

Vilaregos do ano

Redacción.-

Os Vilares, lareira de soños' destaca ás 19 persoas ou colectivos destacados do ano (ao igual que o pasado ano) pola súa relación coa parroquia:

Despois de ter destacado á Romaría Labrega da Chaira como "Trapeiro de Honra 2015" no 25 cabodano da súa andadura e polo tanto para ela o maior recoñecemento deste ano, agora nomeamos outros persoeiros, colectivos, lugares ou iniciativas destacadas da parroquia neste 2015 que está para rematar.

Entre elas atópase Luz Campello, de Labrada pero con orixes vilaregas, autora do poemario "inventario do prohibido" editado este ano por Espiral Maior.

A listaxe de persoeiros destacados este ano increméntase con Manuel de Lea, veciño nativo dos Vilares  hai 93 anos, residente en Momán, polas súas valiosas aportacións ao libro e proxecto dos Vilares.

Raúl Río como mellor no apartado audiovisual, polos seus numerosos videos da actividade da parroquia.

No caso de mellor artigo xornalístico, Xulio Xiz pola súa crónica do XXV cabodano do pasamento de Díaz Castro no Galicia Dixital e no Xornal de Lugo.

A distinción como mellor valedor dos Vilares a nivel social, a Man Castro xornalista ferrolán de orixe vilarega que leva a parroquia como bandeira alí onde se atopa.

  O mellor discurso recae, en Armando Requeixo pola seu "manifesto da Nova Poesía Guitirica" publicado en Criticalia e lido na igrexa dos Vilares.

Noutro eido, destacamos novamente Joserra Quintela como mellor deportista polos destacados triatlóns e probas de resistencia realizadas, especialmente a de longa distancia das Pontes, na que acadou un destacado 19 posto entre especialistas de todo o estado.

Moza vilarega do ano, Judiña de Lea, poeta, estudiosa da nosa historia, comprometida coa parroquia e todo o que representa.

Como mellor empresa a cooperativa CODEGUI dos Vilares con instalacións no Merendeiro e Guitiriz e por ser un verdadeiro hipermercado para a parroquia.

En iniciativas emprendedoras, o I Premio de Poesía Díaz Castro, convocado polo Concello de Guitiriz.

Lugar do ano, a Pena de Roldán, lugar mitolóxico vilarego recollido nos mitos da Galicia Encantada de Reigosa.

Monumento ou elemento patrimonial destacado, este ano resaltamos os cobertizos da feira do Sete, nas Reixas como reclamo para a súa restauración dado o seu deterioro e abandono.

No eido cultural cremos que a mellor organización dun evento foi desenvolta por Pastora Veres na xuntanza da Memoria Viva na que participaron 40 maiores vilaregos intercambiando historias e memoria da parroquia na escola da Conchada.

O recoñecemento a mellor iniciativa cultural recae na ceación do grupo poético NPG Nova Poesía Guitirica, creada nos Vilares e composto maioritariamente por poetas dos Vilareg@s.

No apartado de personaxe destacadoa da historia vilarega, este ano recoñecemos a Nicolás Castro, coñecido como Nicolás dos Manchás, persoa de moita influencia na parroquia entre finais do s.XIX e comenzos do s.XX.

No apartado do coñecemento, José Luís Teijido Comba, Luís de Fabete, grande coñecedor do territorio dos Vilares, necrsario para calquer consulta da parroquia que sempre atende coa súa tradicional bonomía.

Como mellor asociación ou entidade, a Comunidade de Montes en Man Común dos Vilares pola súa actividade e iniciativas e a importancia na directiva galega de comunidades de montes.

E tamén o noso recoñecemento aos finados este ano da parroquia entre eles a colaboradores do noso proxecto como Pilar Losada, Antón María Villar Cancelo ou Isaura da Cotena...

Bendita radio

Iván García Calaza.- Hai unha semana París deixou de ser a capital de Francia para ser a “capital do mundo”. Os acontecementos, xa coñecidos por todos, levan unha semana abrindo os telediarios e protagonizando as portadas dos xornais en España. Non obstante, na noite do venres 13 de novembro a maioría das televisións españolas pasaron por alto a nova e seguiron ca súa programación habitual.

Menos mal que estaba a radio para contalo. Unha vez máis. Para organizar, analizar e informar nunha noite de desconcerto. Onde as informacións viñan polo vento e marchaban polo aire. Si, a radio. Aquel medio que daban por morto ca chegada da televisión. Mais non. A radio soubo reinventarse a si mesma e non perdeu azos. Ao contrario. Non hai ningún medio que o faga coma ela. Mentres vas no coche camiño da casa ou cando estás preparando o xantar. Un medio insubstituíble. Ademais, modernizouse. Aproveitou as posibilidades que da a rede para potenciar os seus contidos e facilitar a escoita aos seus oíntes.

O outro día, tomando un zume de laranxa na casa de miña veciña Marisa falamos da radio. Contoume a primeira vez que vira este aparello na súa parroquia natal, Carballido (Vilalba). Trouxérao o Darío do Pombeiro nunha das súas vacacións, xa que el vivía en Madrid. Recorda como todo o barrio se xuntou para ver o novo instrumento. A Marisa lembra como os cativos fochicaban no trebello para descubrir de onde viña aquela voz. Foi o primeiro capítulo da historia da radio pola zona. Un medio que chegou para quedarse. E que contribuíu o progreso da nosa sociedade. Unha historia que escribe todos os días sen perder a súa esencia.


Nos últimos tempos, a radio tamén se usou para tentar asustar o xabarín nas leiras de millo. Digo tentou porque, ao parecer, o xabarín converteuse nun oínte máis. No canto de afastarse, aínda se achegou máis a ela. Debeu quedar impresionado pola maxia da radio. Espero que non lle pase coma min e se quede durmindo escoitándoa.

Natureza en familia

Redacción.-

O vindeiro sábado 21 de novembro entre as 11:00 e as 14:00 h, dende a Casa das Insuas, desenvolveremos unha nova xeira de Natureza en familia, esta vez centrada nos morcegos das Insuas. Principalmente revisaranse as caixas refuxo instaladas nas insuas do Miño, anelaranse os individuos atopados e faranse tarefas de mantemento das caixas.

A actividade está dirixida por Roberto Hermida, Doutor en Bioloxía, presidente da AGCT e membro do equipo técnico de Drosera onde desenvolve a sua actividade profesional centrada no estudo e conservación dos morcegos.

Podedes anotarvos en casadasinsuas@gmail.com ou no tfn. 680127190.

20 de nov. de 2015

Xurxo Souto e os “Contos do Mar de Irlanda”

Redacción.- Maná xoves, ás 20 horas, terá lugar en Outeiro de Rei a proxección do documental “Dos gaiteiros do mar” e a presentación musical de “Contos do Mar de Irlanda”, a cargo de Xurxo Souto (A Coruña, 1966), artista polifacético: cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor.

Un día Xurxo sentiu unha terrible falta de ignorancia. A pesar de vivir nunha cidade-barco, A Coruña, nunca ninguén lle tiña falado do mar. Decidiu facer algo elemental: preguntar. E axiña apareceu o océano por todos os currunchos. Desta descuberta xurdiu  “Contos do Mar de Irlanda”. E deste libro, un documental “Dos gaiteiros do mar”, realizado na compaña de Martín Rodas e Daniel Lavesedo.

“Océano para terrícolas” é unha sesión de iniciación atlántica. Inclúe, alén da proxección, un espectáculo radicalmente interactivo, porque os asistentes coñecen e –inmediatamente- interpretan cancións que naceron no Gran Sol e Terranova. Corpus sonoro da Galicia do mar que comeza a arribar a porto.

Até o momento Souto ten realizado unhas setenta representacións por todo o país. Tamén en xeografías máis distantes como Lisboa, Bruxelas ou Barcelona.  Agora –con humildade e vehemencia- recala na casa do autor de “Mar Maior, o poeta Manuel María.

Da Coruña á Terra Chá, MEDRE O MAR!

18 de nov. de 2015

David Otero, Chairego de Honra

Redacción.-

O sabado pasado 7 de novembro, a Irmandade Manuel María e a Asociación Xermolos nomearon a David Otero, escritor e colaboradorde A Voz de Vilalba, “Chairego de Honra”, un recoñecemento polo seu labor de espallador das esencias da Terra Chá por todas as comarcas do país. Os actos comenzaron, ás 12, na Casa da Cultura de Vilalba, cunha Táboa Redonda na que interviron Helena Villar, Xoán C. Garrido, Heitor Picallo, Mini e Mero, Xabier P. Docampo, Alfonso Blanco e Xulio Xiz...

Imaxe: Heitor Picallo

9 de nov. de 2015

Presentación de Cerna de Carballo

Redacción.-
A Asociación Cultural Xermolos, a Irmandade Manuel María e o Instituto de Estudos Chairegos presentaron ontevvenres, día 6 de novembro,
ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, o libro:
CERNA DE CARBALLO, Xosé Manuel Carballo Ferreiro visto por 200 amigas e amigos.
No acto, que foi presentado polo presidente do Iescha, Manuel Castro
Santamariña, interviron tamén o propio Xosé Manuel Carballo, Xulio
Xiz, Alfonso Blanco, María Xosé Lamas, Xosé Antonio Pombo e Antonio
Domínguez.
Neste libro CERNA DE CARBALLO, publicado en homenaxe ao crego, ilusionista, profesor e escritor Xosé Manuel Carballo Ferreiro, participan
duascentas persoas a través de 162 colaboracións, proporcionando unha ben variada visión da súa vida e obra.
Escritores, xornalistas, profesores, debuxantes, magos, antigos compañeiros, cregos, fregueses, veciños e sobre todo amigas e amigos expresan a súa admiración e o seu agarimo pola persoa e pola súa dedicación aos demais a traveso das súas múltiples facetas vocacionais, artísticas e persoais.
Esta publicación foi coordinada por Xulio Xiz, e editada pola Asociación cultural XERMOLOS e a IRMANDADE MANUEL MARÍA DA TERRA CHÁ

7 de nov. de 2015