Adeus a Xosé Neira Vilas

Redacción.- O escritor Xosé Neira Vilas finou onte na súa vivenda de Gres, Vila de Cruces. O autor de "Memorias dun neno labrego" mantiña unha carreira literaria ainda en activo, acababa de presentar a súa última novela o pasado día 15 e o seu próximo proxecto era a estrea da adaptación teatral de "Querido Tomás", prevista para o vindeiro 8 de xaneiro en Santiago de Compostela. Neira Vilas estaba pendente de falar o premio Arume de poesía para nenos, que concede a fundación que leva o seu nome.
Neira Vilas naceu en Gres o 3 de novembro de 1928. Aos 21 anos emigrou a Buenos Aires, onde coñeceu á escritora cubana Anisia Miranda. O matrimonio desenvolveu unha intensa labor cultural vinculada a Galicia tanto durante a súa estancia en Buenos Aires como posteriormente cando se trasladaron a Cuba. Xa jubilados, instaláronse na localidade natal de Neira Vilas en 1992, onde puxeron en marcha a citada Fundación Xosé Neira Vilas, unha das entidades máis dinamizadoras da comarca. Anisia Miranda faleceu en outubro de 2009.
Doctor Honoris Causa pola Universidade da Coruña, membro da Real Academia Galega, Premio da Crítica Española e da Crítica Galega, Medalla Castelao, Pedrón de Ouro, Celanova dos Poetas.... O autor do primeiro "best seller" gallego obtivo ao longo da súa traxectoria multitude de recoñecementos.

A homenaxe póstuma é no Panteón de Galegos Ilustres, onde o mundo da cultura e a política vela os seus restos mortais dende as seis da tarde de hoxe. O enterro terá lugar mañá ás 17:30 horas na súa parroquia de Gres (Vila de Cruces), onde o Concello declarou dous días de loito oficial.

28/11/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión