Bendita radio

Iván García Calaza.- Hai unha semana París deixou de ser a capital de Francia para ser a “capital do mundo”. Os acontecementos, xa coñecidos por todos, levan unha semana abrindo os telediarios e protagonizando as portadas dos xornais en España. Non obstante, na noite do venres 13 de novembro a maioría das televisións españolas pasaron por alto a nova e seguiron ca súa programación habitual.

Menos mal que estaba a radio para contalo. Unha vez máis. Para organizar, analizar e informar nunha noite de desconcerto. Onde as informacións viñan polo vento e marchaban polo aire. Si, a radio. Aquel medio que daban por morto ca chegada da televisión. Mais non. A radio soubo reinventarse a si mesma e non perdeu azos. Ao contrario. Non hai ningún medio que o faga coma ela. Mentres vas no coche camiño da casa ou cando estás preparando o xantar. Un medio insubstituíble. Ademais, modernizouse. Aproveitou as posibilidades que da a rede para potenciar os seus contidos e facilitar a escoita aos seus oíntes.

O outro día, tomando un zume de laranxa na casa de miña veciña Marisa falamos da radio. Contoume a primeira vez que vira este aparello na súa parroquia natal, Carballido (Vilalba). Trouxérao o Darío do Pombeiro nunha das súas vacacións, xa que el vivía en Madrid. Recorda como todo o barrio se xuntou para ver o novo instrumento. A Marisa lembra como os cativos fochicaban no trebello para descubrir de onde viña aquela voz. Foi o primeiro capítulo da historia da radio pola zona. Un medio que chegou para quedarse. E que contribuíu o progreso da nosa sociedade. Unha historia que escribe todos os días sen perder a súa esencia.


Nos últimos tempos, a radio tamén se usou para tentar asustar o xabarín nas leiras de millo. Digo tentou porque, ao parecer, o xabarín converteuse nun oínte máis. No canto de afastarse, aínda se achegou máis a ela. Debeu quedar impresionado pola maxia da radio. Espero que non lle pase coma min e se quede durmindo escoitándoa.

21 de nov. de 2015

0 comentários :

Danos a túa opinión