Contra a violencia de xénero

Redacción.-

Moitos homes e mulleres da Terra Chá, unidos pola indignación de ver como a violencia machista suma novos asasinatos en moi poucos días, entenden necesario contribuír a visualizar o rexeitamento da sociedade chairega a esta traxedia mil veces repetida.

É hora de tomar de novo as rúas e prazas para amosar con contundencia que unha sociedade que se reclama avanzada e democrática, non pode aceptar nin unha muller máis asasinada. A situación é grave e debería ser catalogada como de alarma social ; desde que se contabilizan estas mortes, o machismo cometeu máis de 1300 asasinatos , máis que o chamado terrorismo político. No que levamos de ano máis de 50 mulleres, 6 en Galicia.

O 25 de novembro, Día da Non Violencia contra as Mulleres, tamén nas vilas e en toda a Chaira, e non só nas cidades, cómpre saír á rúa para berrar alto e claro que imos rematar con esta lacra social e esixir das distintas Administracións medidas encamiñadas ao illamento e desaparición dunha concepción patriarcal da sociedade.

É hora de que o conxunto da sociedade se pregunte que podemos e debemos facer para transformar este panorama porque este é un fracaso de toda a sociedade.

Por estes motivos, e en réxime de autoconvocatoria, fíxose unha concentración o día 25 de novembro a partir das 20.15 h na Praza da Constitución en Vilalba.

23/11/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión