Xurxo Souto e os “Contos do Mar de Irlanda”

Redacción.- Maná xoves, ás 20 horas, terá lugar en Outeiro de Rei a proxección do documental “Dos gaiteiros do mar” e a presentación musical de “Contos do Mar de Irlanda”, a cargo de Xurxo Souto (A Coruña, 1966), artista polifacético: cantante, acordeonista, escritor, actor, director e locutor.

Un día Xurxo sentiu unha terrible falta de ignorancia. A pesar de vivir nunha cidade-barco, A Coruña, nunca ninguén lle tiña falado do mar. Decidiu facer algo elemental: preguntar. E axiña apareceu o océano por todos os currunchos. Desta descuberta xurdiu  “Contos do Mar de Irlanda”. E deste libro, un documental “Dos gaiteiros do mar”, realizado na compaña de Martín Rodas e Daniel Lavesedo.

“Océano para terrícolas” é unha sesión de iniciación atlántica. Inclúe, alén da proxección, un espectáculo radicalmente interactivo, porque os asistentes coñecen e –inmediatamente- interpretan cancións que naceron no Gran Sol e Terranova. Corpus sonoro da Galicia do mar que comeza a arribar a porto.

Até o momento Souto ten realizado unhas setenta representacións por todo o país. Tamén en xeografías máis distantes como Lisboa, Bruxelas ou Barcelona.  Agora –con humildade e vehemencia- recala na casa do autor de “Mar Maior, o poeta Manuel María.

Da Coruña á Terra Chá, MEDRE O MAR!

18/11/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión