Inauguración da sala de lectura "María Prieto"

Redacción.- O martes 29 de decembro tivo lugar a inauguración da sala de lectura "María Prieto Carreira", na Casa da Cultura de Vilalba. Leva o nome da nai de Darío Villanueva Prieto (Vilalba, 1950), actual director da Real Academia Española e ex-rector da Universidade de Santiago de Compostela, quen formalizou a doazón de 2.500 exemplares de libros e revistas literarias da súa  biblioteca persoal. No mesmo acto tivo lugar a presentación da páxina web do Certame Literario de Vilalba, que o ano pasado acadou a súa XL edición. O acto estivo moi concurrido e contou coa asistencia de preto de cen persoas, entre os que se atopaba o cardeal Rouco Varela; o ex-alcalde e ex.presidente do Parlamento de Galicia, Xosé María García Leira; e o tamén ex-alcalde e actual parlamentario, Agustín Baamonde Díaz.

31/12/2015

Fernández Abella e Baldo Ramos

Redacción.-

O vindeiro sábado, 2 de xaneiro, terá lugar ás 12 do mediodía na Casa da Cultura de Vilalba a presentación de dous libros do poeta Xoan Xosé Fernández Abella: Poemas de amor, loanza, condena e outros e Guardad mi voz, ámbolos dous editados en Compostela por Follas Novas con senllos limiares de Xesús Alonso Montero e ilustracións de Baldo Ramos.

O acto de presentación será toda unha festa en torno á poesía, pois nel participarán recitando poemas, xunto ao propio autor, Pilar Sampedro, Xulio Xiz e Baldo Ramos. Poderemos escoitar tamén as voces dos coñecidos antautores Miro Casabella e Manoele de Felisa, que musicaron varios textos do autor.

Ao mesmo tempo terá lugar a presentación da mostra pictórica do poeta e artista plástico de Celanova Baldo Ramos que leva por título “A árbore da cegueira” e que poderase ver nas dependencias da Casa da Cultura ao longo de todo o mes de xaneiro.

Xoan Xosé Fernández Abella (Monforte de Lemos, 1933), mestre xubilado e licenciado en Dereito emigrou a Venezuela do 1966 ao 1972. Durante aqueles anos colaboraría en Caracas coa revista Irmandade e na emisión Sempre en Galiza da Radio Difusora Venezolana. Tamén foi colaborador habitual en La hoja del lunes e La Región de Ourense. Textos seus foron incluídos en 1957 na Antología Poética de Ediciones Rumbos de Barcelona. Alén diso, ten publicado poemas e artigos en xornais e revistas como Ortegal, Ateneo Ferrolán, Poesía Galicia (Ferrol), Dorna, Encrucillada, Xistral, Irimia. Ten dado recitais individuais, por radio e televisión, e colectivos, en Venezuela, Galicia, Andalucía e Portugal. O seu "Canto á Terra" foi musicado por Martínez Vieito, e cantado pola soprano Dolores Cava, con López de Saa ó piano, no 1981 en Monforte. Na súa versión a cinco voces cantouno a Coral Polifónica Ortegana, dirixida por Hixinio Rodríguez López, no ano 1989 na Universidade Popular de Ortigueira. Do 89 ó 91 foi membro do Comité Organizador da Universidade Popular de Ortigueira e a súa labor está ligada tamén a diversas institucións como a Sociedade de Artistas Ferroláns, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Fundación Castelao, a Fundación Alexandre Bóveda, etc.
Ademais das dúas citadas ao comezo, entre as súas publicacións máis senlleiras destacan: Poemas galegos (1976), Espigueo lírico (1990), Poemas estradenses (2005), etc.

Baldo Ramos (Celanova, 1971) cultiva a súa vocación artística dende os 17 anos, cando comeza a escribir poesía. Remata a carreira de Filoloxía Hispánica na USC no ano 1994, na que tamén cursa o Doutoramento en Literatura Española e Hispanoamericana. Na actualidade adícase á docencia no Ensino Medio.
Como poeta ten publicado os seguintes libros: Raizames (2001), A árbore da cegueira (2002), Los ojos de las palabras (2002), El sueño del murciélago (2003), Diario de una despedida (2005), Escura e transparente (2005), O ourego e o compás (2006, (1ª ed.)/ 2007 (2ª ed.)), Branco sobre negro (2007), Monólogo do calígrafo (2008), Palimpsesto (2009), Palabras para un baleiro (2009), A ferida de comprender (2011), Os ollos das palabras (en coautoría con Daniel Caxigueiro, 2012) e Onde beben os cervos que amansou o calígrafo (en coautoría con Carlos González Villar, 2014).
Ten recibido os premios Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, María del Villar Berruezo, Ciudad de Tobarra, Arcipreste de Hita, Fiz Vergara Vilariño e un accésit do Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara.
A súa obra plástica ten sido exposta individualmente en galerías de Galicia, Portugal e Madrid. É autor de máis de douscentos libros de artista de exemplar único.


Participan no recitado:
Pilar Sampedro, expresidenta da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), ten colaborado en diferentes guías de literatura infantil galega e en diversas obras como: Cunqueiro (1991), Aproximación didáctica á obra de Avilés de Taramancos (1995), Avilés de Taramancos (2003), Avilés de Taramancos. A pasión pola terra (2003) e Francisco Añón: aproximación didáctica (2005), etc.

Xulio Xiz, xornalista e director de Ophiusa e Galicia Dixital, traballou en Radio Popular de Lugo (1968-1985) e na delegación de El Ideal Gallego en Lugo (1968-1985). Tamén dirixiu programas culturais na Radio Galega e colabora en Radio Popular de Vilalba.

Miro Casabella (Ferreira do Valadouro, 1946) é un músico galego vencellado nos seus inicios ao colectivo Voces Ceibes e máis adiante ao grupo de folk Doa. Ten publicado máis de media ducia de discos en solitario e uns cantos máis entre recompilatorios e colaboracións), destacando entre os primeiros: Ti, Galiza (LP, Ariola, 1977), Treboada (LP, Ariola, 1978) e Orvallo (CD, Picap, 2004).

Manoele de Felisa, é un cantautor galego con 5 discos editados homenaxeando a Galicia e tamén musicalizando a grandes poetas como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, ao seu veciño Roberto Blanco Torres, a Xosé Neira Vilas ou a María Mariño, entre outros.

28/12/2015

Medrar, medrar...

David Otero.-

Medrar, medrar...
non é a solución
que é o problema.
O afogo.

Non lle digamos
decadencia
a poñer as cousas 
no seu lugar.

Vivamos as conquistas,
a prosperidade,
sen medrar tanto.
Nesa felicidade.

Poñamos os límites
frescos,
os máis ecolóxicos,
da natureza.

Compartamos,
no saber elaborado,
as capacidades
do Planeta.

Exerzamos decididos
o poder que temos
nas nosas mans.
Esa soberanía.

A pola transición
do valer dos pobos.
Tezamos as redes
do novo mundo.

POR UN ANO ACORDE CO QUE DESEXAMOS

26/12/2015

Poemas nas farolas

Redacción.-

A NPG Nova Poesía Guitirica iluminará con versos os núcleos de Guitiriz e Parga que a partir do día 3 de xaneiro quedarán expostos nas farolas das principais rúas para a súa lectura por parte de tódolos veciños e veciñas.

11 poetas, 22 poemas, en 66 farolas convertirán os dous principais núcleos urbanos do concello de Díaz Castro nunha singular publicación, un enorme libro aberto que achega a poesía á xente alí onde se atopa, nas rúas...

O día antes no histórico mesón Gaibor, a NPG Nova Poesía Guitirica terá un xantar de aninovo que servirá para planificar novas actividades orixinais encamiñadas a acegar a poesía á maior parte da xente, normalizala no concello e convertir Guitiriz nun concello-poesía.

Despois de 3 exitosos recitais colectivos en menos de tres meses de existencia, a novidosa proposta de POEMAS PENDURADOS DE FAROLAS, a NPG aborda xa o ano 2016 pensando en numerosas e novidosas actividades que se darán a coñecer.

Mar Beres, Xosé Antón Cascudo, Fátima Fernández, Jaki Quintela, Pas Veres, Antón de Guizán, Luz Campello, José Andrê Lôpez Gonçâlez, Judiña de Lea, Xelo Teijido e Adriana Quijada conforman hoxe o grupo poético que ademáis de escribir, levan adiante accións dirixidas a popularizar e socializar a poesía, sacar os versos do armario literario e facelos promiscuos.

O día 31 de decembro remata o prazo de entrega dos traballos para o I Premio de Poesía Díaz Castro, o día 2 xantar da NPG e o día 3 a acción poetica das farolas... Sen dúbica a poesía e Guitiriz conviven xa a diario.

XXX Festival de Polifonía e Panxoliñas

Redacción.-

O sábado, día 2 de xaneiro de 2016, no Auditorio Municipal de Vilalba, a partir das 20:30 horas, terá lugar o XXX FESTIVAL DE POLIFONÍA E PANXOLIÑAS que organiza a CORAL POLIFÓNICA VILALBESA en colaboración co CONCELLO DE VILALBA.
Participan as seguintes corais: 
-CORAL POLIFÓNICA "FRANCISCO AÑÓN" DA SERRA DE OUTES (A Coruña)
-CORO "LAS ALMENAS" DE PUERTO DE VEGA (Asturias)
-CORAL POLIFÓNICA "LUAR" DE VILALBA
-CORAL POLIFÓNICA VILALBESA
Adxuntamos cartaz e tríptico informativos do referido concerto.

22/12/2015

Nace O-Xan, para a xestión do lobo

Redacción.-

Como punto de partida consideran primordial que a Xunta de Galicia se poña ao día nos pagos das axudas de danos que levan máis de dous anos de atraso. O grupo integra a gandeiros, cazadores entidades conservacionistas e investigadores.

Despois da xornada celebrada o pasado 20 de xuño en Rábade baixo o título “O lobo e o seu conflito: da normativa ao diálogo” (http://www.campogalego.com/es/desarrollo-rural/pueden- coexistir-lobo-y-ganado-con-una-baja-conflictividad/), onde se reuniron membros de todos os grupos de interese na xestión e conservación do lobo. De aquí xorde O-Xan - grupo de opinión sobre a xestión do lobo en Galicia - cuxo obxectivo principal será fomentar o diálogo para minimizar a conflitividade social e favorecer os acordos a prol da coexistencia entre o lobo e a sociedade galega, así como propoñer, debater e estudar medidas para unha correcta xestión do lobo en Galicia.

O-Xan é un grupo aberto, no que esperamos agrupar cada día máis entidades, integrado por agrupacións gandeiras (ACRUGA, OVICA, PURAGA, SGPF) e gandeiros a título individual, cazadores (UNAC, UNITEGA), entidades conservacionistas (AGCT), investigadores (CIAM, USC, Universidade de Oviedo) e técnicos vinculados coa xestión e conservación do lobo en Galicia. Todos os integrantes estamos unidos baixo un ideario común sustentado na afirmación de que “queremos e aceptamos o lobo en Galicia nunha coexistencia corresponsable” e sobre o que estanse a desenvolver unhas liñas de traballo que tentarán aportar o diálogo e acordo necesarios para a conservación do lobo e da actividade humana a longo prazo.

Os primeiros puntos que definen O-Xan, acordados entre tódolos integrantes, foron os seguintes:
1- O lobo formou, forma e formará parte do patrimonio natural e cultural de Galicia e, coma tal, debe ser conservado e correctamente xestionado.
2- A presenza do lobo nun ambiente natural profundamente humanizado, pola súa condición de depredador, xera conflitividade social debido á afectación ao gando e á competencia polos recursos cinexéticos, dos que depende como fonte de alimento. No contexto galego, os gandeiros son os principais afectados pola presenza do lobo e entendemos que deben ser compensados, axudados e orientados para acadar unha convivencia pacífica sen menoscabar un dos sectores económicos máis importantes en Galicia, como é a gandería.
3- Para a correcta xestión desta especie, é necesario o acordo de tódalas partes implicadas e a correcta acción da Xunta de Galicia, responsable da súa xestión.
Para reducir a conflitividade e iniciar o traballo de diálogo no grupo considérase primordial resolver un problema de base que está a envelenar tódalas discusións sobre o tema do Lobo: A Xunta de Galicia debe poñerse ao día nos pagos das axudas de danos que levan máis de dous anos de atraso. Está claro que se non se fan os deberes, non se poderán acadar acordos no futuro.

Por outra banda, O-Xan segue a traballar para integrar cada día máis entidades, para atopar os puntos de encontro entre todas elas e para aportar novos enfoques sobre a xestión do Lobo en Galicia.

Opirata e o e-commerce galego

Redacción.-

Opirata.com é un dos primeiros e-commerce que se crearon en Galicia, leva no mercado online 10 anos vendendo informática e electrónica tanto a nivel nacional como internacional. Con máis de 15.000 referencias á venda na web e 500.000 clientes satisfeitos, centenares de paquetes saen a diario desde Beluso (Bueu) para todo Europa.

O pasado 27 de novembro foi Black Friday, unha tradición estadounidense que chegou con forza a España en 2014 pero que este ano 2015 está na fala da xente. Para unha empresa como Opirata.com é un dos días con maior previsión de vendas de todo o ano. Ademais de estar logísticamente preparados, é necesario que toda a infraestrutura tecnolóxica funcione para ser capaces de dar resposta á cantidade de usuarios que interaccionan durante ese día e durante todo o fin de semana coa web.

Desde aquela semana, a cantidade de usuarios que se conectaron a www.opirata.com cuadriplicou a media de usuarios dunha semana normal e espérase que a partir das doce da noite do venres a cantidade habitual de usuarios que se conecten á web multiplíquese por 10. A expectativa creada por este día fixo que os usuarios cheguen á web buscando os mellores prezos e as últimas novidades en tecnoloxía, que en moitos casos converteranse nos agasallos para o próximo Nadal, pois Smartphones, tablets ou portátiles estarán no top vendas deste ano, seguidos polos reloxos intelixentes (smartwatch) e os dispositivos de audio e vídeo.

20/12/2015

Homenaxe a Pepe Chao Rego

 
Helena Villar Janeiro.-

Palabras pronunciadas na inauguración do IX Hectómetro Literario, 
dedicado a Xosé Chao Rego no “Paseo dos Soños” 
(Vilalba, 19 de xullo de 2014)

Para falar de Pepe Chao teño que remontarme a 1979, ano en que o coñecín aquí en Vilalba e nos levou á Chouzana. Alí preparabamos a miña participación da I ROMAXE DE CRENTES CRISTIÁNS na que se ían introducir novidades litúrxicas que incidirían na miña fe devota e tradicional. Ía ter a sorte de representar a Galicia na celebración eucarística onda o cura Raña e unha canción de roda de O libro de María sobre o conde de Fenosa, que Suso e eu fixeramos para a nena –o único conde que coñezo, dixera Suso- co asulagamento de lugares e vilas de Galicia como protagonista, sería o canto coral do Ofertorio.

“A casa de Chouzana”
Igual que na pasaxe de Emaús,
ía eu cara a Chouzana cun Xesús escondido
en solemnes roupaxes e pregos de artificio.
Alí Pepe espurgábamo da metáfora escura
e tomaba o sentido que perdera
nos libros alterados.
Eu sentíao entre nós,
que viña presidir a mesa da palabra
nunha liturxia viva en fraternal convivio
falando a nosa lingua,
sentindo a nosa chuvia,
a calor ou o frío.
Tamén estaba no verdor dos nabos
ou no esplendor do trigo,
na caída das follas
e no espido.
Dicía un “ecce mulier” tremecente
e contaba comigo
para ir falar da nova ao pedregal de Irima,
nacencia do pai Miño
e devolver aos crentes
a frescura do rito.
A casa da Chouzana
o mesmo que Emaús, é lugar bíblico.

Hoxe quero falar aquí coa voz deste poema datado nunha etapa importante das nosas vidas. Vai falar a muller como muller, ademais da amiga. Pepe Chao contou con todo o marxinal dunha Igrexa desfasada no tempo para elevalo á normalidade relixiosa: as mulleres, os homosexuais, a lingua dominada, a nación negada e o medio natural do que formamos parte. Foi un faro encamiñando a moita xente que agardabamos algo nunha época que fixo cambiar cousas, aínda que non todas nin como quixeramos. Pero aí estivo a súa voz, moi particular, entre outras moitas voces imprescindibles para unha reflexión actualizadora do Evanxelio. As mulleres debémoslle moito a esa xeración de “Encrucillada” que el axudou a construír.

Pero fago tamén aquí a conmemoración dun aspecto do traballo de Pepe Chao que é moi de salientar: a súa pedagoxía como ensinante duna lingua problematizada nun centro no que a súa presenza de uso era meramente testemuñal, o Instituto Rosalía de Castro de Santiago. Traio comigo, como adhesión a este acto, a palabra dunha das súas alumnas, aquela María do Cebreiro que coñeceu tan meniña cando el e o Suso opositaban xuntos a profesores: “Lembro o seu aire máis franciscano que apostólico entre as mesas de formica do Rosalía e a súa convicción (que comparto plenamente hoxe xa máis consciente) de que a aprendizaxe de calquera lingua se debe basear na motivación. Pepe Chao traballaba aí onde a política lingüística aínda falla e creo que entre o seu alumnado fixo moito máis ca esta pola valoración do galego como un patrimonio de todos e non únicamente dos que o falabamos na casa”. Esta valoración é compartida totalmente por seu irmán, Abelardo, e estou segura de que representa o sentir de moitísima xente que lle pasou polas mans.

Parabéns, Pepe, e grazas por tantas cousas importantes que trouxeches ás nosas vidas.

Fotografía: Helena Villar Janeiro

03/12/2015