Fernández Abella e Baldo Ramos

Redacción.-

O vindeiro sábado, 2 de xaneiro, terá lugar ás 12 do mediodía na Casa da Cultura de Vilalba a presentación de dous libros do poeta Xoan Xosé Fernández Abella: Poemas de amor, loanza, condena e outros e Guardad mi voz, ámbolos dous editados en Compostela por Follas Novas con senllos limiares de Xesús Alonso Montero e ilustracións de Baldo Ramos.

O acto de presentación será toda unha festa en torno á poesía, pois nel participarán recitando poemas, xunto ao propio autor, Pilar Sampedro, Xulio Xiz e Baldo Ramos. Poderemos escoitar tamén as voces dos coñecidos antautores Miro Casabella e Manoele de Felisa, que musicaron varios textos do autor.

Ao mesmo tempo terá lugar a presentación da mostra pictórica do poeta e artista plástico de Celanova Baldo Ramos que leva por título “A árbore da cegueira” e que poderase ver nas dependencias da Casa da Cultura ao longo de todo o mes de xaneiro.

Xoan Xosé Fernández Abella (Monforte de Lemos, 1933), mestre xubilado e licenciado en Dereito emigrou a Venezuela do 1966 ao 1972. Durante aqueles anos colaboraría en Caracas coa revista Irmandade e na emisión Sempre en Galiza da Radio Difusora Venezolana. Tamén foi colaborador habitual en La hoja del lunes e La Región de Ourense. Textos seus foron incluídos en 1957 na Antología Poética de Ediciones Rumbos de Barcelona. Alén diso, ten publicado poemas e artigos en xornais e revistas como Ortegal, Ateneo Ferrolán, Poesía Galicia (Ferrol), Dorna, Encrucillada, Xistral, Irimia. Ten dado recitais individuais, por radio e televisión, e colectivos, en Venezuela, Galicia, Andalucía e Portugal. O seu "Canto á Terra" foi musicado por Martínez Vieito, e cantado pola soprano Dolores Cava, con López de Saa ó piano, no 1981 en Monforte. Na súa versión a cinco voces cantouno a Coral Polifónica Ortegana, dirixida por Hixinio Rodríguez López, no ano 1989 na Universidade Popular de Ortigueira. Do 89 ó 91 foi membro do Comité Organizador da Universidade Popular de Ortigueira e a súa labor está ligada tamén a diversas institucións como a Sociedade de Artistas Ferroláns, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Fundación Castelao, a Fundación Alexandre Bóveda, etc.
Ademais das dúas citadas ao comezo, entre as súas publicacións máis senlleiras destacan: Poemas galegos (1976), Espigueo lírico (1990), Poemas estradenses (2005), etc.

Baldo Ramos (Celanova, 1971) cultiva a súa vocación artística dende os 17 anos, cando comeza a escribir poesía. Remata a carreira de Filoloxía Hispánica na USC no ano 1994, na que tamén cursa o Doutoramento en Literatura Española e Hispanoamericana. Na actualidade adícase á docencia no Ensino Medio.
Como poeta ten publicado os seguintes libros: Raizames (2001), A árbore da cegueira (2002), Los ojos de las palabras (2002), El sueño del murciélago (2003), Diario de una despedida (2005), Escura e transparente (2005), O ourego e o compás (2006, (1ª ed.)/ 2007 (2ª ed.)), Branco sobre negro (2007), Monólogo do calígrafo (2008), Palimpsesto (2009), Palabras para un baleiro (2009), A ferida de comprender (2011), Os ollos das palabras (en coautoría con Daniel Caxigueiro, 2012) e Onde beben os cervos que amansou o calígrafo (en coautoría con Carlos González Villar, 2014).
Ten recibido os premios Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, María del Villar Berruezo, Ciudad de Tobarra, Arcipreste de Hita, Fiz Vergara Vilariño e un accésit do Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara.
A súa obra plástica ten sido exposta individualmente en galerías de Galicia, Portugal e Madrid. É autor de máis de douscentos libros de artista de exemplar único.


Participan no recitado:
Pilar Sampedro, expresidenta da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX), ten colaborado en diferentes guías de literatura infantil galega e en diversas obras como: Cunqueiro (1991), Aproximación didáctica á obra de Avilés de Taramancos (1995), Avilés de Taramancos (2003), Avilés de Taramancos. A pasión pola terra (2003) e Francisco Añón: aproximación didáctica (2005), etc.

Xulio Xiz, xornalista e director de Ophiusa e Galicia Dixital, traballou en Radio Popular de Lugo (1968-1985) e na delegación de El Ideal Gallego en Lugo (1968-1985). Tamén dirixiu programas culturais na Radio Galega e colabora en Radio Popular de Vilalba.

Miro Casabella (Ferreira do Valadouro, 1946) é un músico galego vencellado nos seus inicios ao colectivo Voces Ceibes e máis adiante ao grupo de folk Doa. Ten publicado máis de media ducia de discos en solitario e uns cantos máis entre recompilatorios e colaboracións), destacando entre os primeiros: Ti, Galiza (LP, Ariola, 1977), Treboada (LP, Ariola, 1978) e Orvallo (CD, Picap, 2004).

Manoele de Felisa, é un cantautor galego con 5 discos editados homenaxeando a Galicia e tamén musicalizando a grandes poetas como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, ao seu veciño Roberto Blanco Torres, a Xosé Neira Vilas ou a María Mariño, entre outros.

28/12/2015

0 comentários :

Danos a túa opinión