Recital de Xoán Xosé Fernández Abella

Redacción.-

O pasado 2 de xaneiro, tivo lugar na Casa da Cultura de Vilalba a presentación de dous libros do poeta Xoan Xosé Fernández Abella: Poemas de amor, loanza, condena e outros e Guardad mi voz, ámbolos dous editados en Compostela por Follas Novas con senllos limiares de Xesús Alonso Montero e ilustracións de Baldo Ramos. No acto participaron recitando poemas, xunto ao propio autor, Pilar Sampedro, Xulio Xiz e Baldo Ramos. Tamén os coñecidos cantautores Miro Casabella e Manoele de Felisa, que musicaron varios textos do autor.

Ao mesmo tempo tivo lugar a presentación da mostra pictórica do poeta e artista plástico de Celanova Baldo Ramos que leva por título “A árbore da cegueira” e que pode visitarse nas dependencias da Casa da Cultura ao longo de todo este mes de xaneiro.

Estes foron algúns dos textos recitados ou cantados aquel día:


NAI (Recita Pilar Sampedro)


Se digo aquí bondá, non digo nada.
Se digo aquí tenrura, nada digo.
Direi auga fresquiña, mel, pantrigo,
rosa, fada, i estrela, e alborada.

Xoia digo. A meirande. Atarefada
no fogar. E del luz, quentura, abrigo,
agarimo e ledicia, sol amigo...
amor, amor total, ¡nai adourada!

Alto exemplo a imitar, perla preciosa,
que as feras gadoupadas, coidadosa,
escondíchenos, sempre, da dolor.

E puxéche-lo mel nas nosas vidas,
e tragáche-lo fel das túas feridas,
e nos deches, a todos, teu amor.

Rociana del Condado, 1975


SE DEUS NON FOSE AMOR, NON FOSE NADA (Recita Pilar Sampedro)


Se Deus non fose amor, non fose nada;
se non fose xustiza, nada fora;
se non fose bondá, acusadora
voz certa lle chamase gran farsada.

Pero Deus é amor. E canallada
é pretender facelo durmideira
da alma nobremente xusticieira,
pedíndolle que sexa "resignada".

Nada de resignarte, non, irmán,
que, realmente, ti serás cristián
cando xustiza esixas con valor.

Porque Deus é xustiza verdadeira,
alicerce da paz, non tapadeira,
opio xamáis, porque é verdá e amor.

Ortigueira, Nadal 1999


FALADE GALEGO (Recita Xulio Xiz)
(Dedicado a David Otero)


A todos vos falo,
maduros ou vellos,
rapazas, rapaces,
e nenas e nenos:
quixese alentase
o sol nos meus versos,
e neles a lúa,
paxaros e ventos
súas verbas dixesen...
porque é que vos quero
-con voz como espada-
falar do galego.
Idioma aldraxado
por propios e alleos,
flor como ningunha
pra levar no peito,
herdo sacrosanto
dos nosos antergos,
da nosa Galicia
carne, sangue, alento...
por iso, ¡faládeo!,
¡falade galego!


Ortigueira,1976


NADAL (Recita Xulio Xiz)


Xesús, eu xa non teño
-ai, que gastado vou!-
a fe dos nenos...

Teño os soños lixados
polas loitas do peito,
e nel soio me queda
-herdanza daquel tempo!-
o anceio de ser bo
sen conquerilo. Teño
apagada a estreliña
-estreliña dos nenos!-
que a Belén me guiaba
co seu fulgor inxenuo...

E agora, no Nadal,
saudosamente, quero,
como aquel de noutrora,
voltar a aquel vieiro,
levándoche, amantiño,
o bico dos meus beizos,
e nel, o corazón,
¡coma nos vellos tempos!...

Ou, Santa Virxe, Nai
do Rei da Terra e Ceo;
ou, San Xosé, bendito
e nobre carpinteiro;
ou, doces Reis Magos,
pastoriños sinxelos,
mula e boi que lle destes
quentor ó noso neno;
canto de bo había
naquel Nadal eterno:
dade ós homes de hoxe,
dádenos, milagreiros,
a xustiza anceiada,
a bondá que non temos,
bágoas para chorar
tantos males que vemos,
o nos sentir persoas
pra poñerlles remedio...

Anceios sementainos
de tal bondá no peito
que ó Carrapucheiriño
que é Rei da Terra e Ceo
poidamos achegarnos,
¡¡coma nos vellos tempos!!


Pontedeume, 21/12/1976

PROCURA (Recita Baldo Ramos)


¿Con que verbas dicir,
sincero, o meu anceio?
¿Que vieiro tomar
que leve á luz do certo?

Sempre dándolle voltas
e voltas ó segredo,
e sempre noite escura,
sen amencer, no peito.

Fóra de min hai cas
ós que lle teño medo;
dentro de min, tamén.

Ceibarme deles quero,
pois quero camiñar,
sen medos, meu vieiro,
rompendo a sombra mesta,
¡a sombra do misterio!


Os Tilos, Setembro/2001

AMAR, AMOR (Recita Baldo Ramos)
(A Mercedes, + 8/10/1991)


Amar é compartir todo na vida,
xa sexa na ledicia ou na tristura,
vivir a realidade da dozura,
achar a plenitude apetecida.

Amar... a seguir sempre nos convida,
non sabe de cansazo ou de fartura.
Se é lume de verdade, sempre dura.
Fronte a trebóns é luz inextinguida.

Dúas vidas son, no amor, plena unidade,
que, claridade ou escuridade,
non son quen de tirarlle o resplandor.

Que é luminoso o camiñar fecundo
do milagre meirande deste mundo,
infinito milagre, infindo amor.


Os Tilos, 9 de Xullo de 2004

ELEXÍA POR UN PAXARIÑO MORTO (Recita Xoán Xosé Fernández Abella)
(A César Rodríguez Fernández)


A aquel paxariño morto
que atopei, indo prá casa,
dinlle a vida do relembro
nun currunchiño da ialma.

Non se apagou a túa música,
nin as túas escalas máxicas.
Olla, meu rei, no meu peito
¡que ben cantas!


Ourense 1956


OS NENOS E O FUTURO (Recita Xoán Xosé Fernández Abella


Dentro de ti, Galicia,
antes que nada, os nenos.
Eles son o futuro.
Traballemos arreo
pra un fermoso mencer
sobre o pobo galego.

Debemos de ser todos
patriotas enteiros,
amando á nosa Terra
non con verbas, con feitos.
que non é con palabras,
senon que é con exemplos
como se gaña o limpo
corazón dos pequenos.

Se dos nosos traballos
a xustiza é vieiro,
se sentímo-la fala
cal tesouro no peito,
se contra a emigración
e o caciquismo negro
se ergue o noso sangue
con todos seus latexos...

Se estas cousas que digo
por Galicia facemos,
máis, o día de mañán,
farán os nosos nenos.


Ortigueira, 1976





A UN ADULÓN (Canta Miro Casabella)

Caciquiño habitual
e pasteleiro menor.
Tolerado mediador.
Celestino natural.
Adulón reverencial
de quen estea no poder
ou coide se vai poñer.
Amigo do trapicheo,
do conto e do comadreo,
¡Por culpa do non poder!


Ortigueira, 1973




CALADO (Canta Manoele de Felisa)
(Para Isaac Díaz Pardo)

Estiven tantos anos, ¡ai!, calado,
en terror patolóxico sumido
e en desacordo non comprometido,
que o debo confesar como pecado.

Tiven meu corazón crucificado
polo silencio, pero non vendido.
Foi meu estar en contra precavido,
ás veces entre lobos disfrazado.

Hoxe miro ó futuro con nobreza,
tentando non me luxe a vileza
xamais do odio, cego e inhumano.

E rexeito calquera ditadura,
sempre no corazón a arela pura
dun mundo máis fraterno e máis humano.


Ortigueira, 1991

14/01/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión