Aprender a soñar con María Xosé Lamas

Redacción.- Na tarde do pasado venres, a Casa da Cultura de Vilalba vestiu de gala para celebrar a presentación do poemario Cantigas para aprender a soñar, do que é autora a escritora chairega María Xosé Lamas. Xunta ela estiveron Miguel Toval, representando a Edicións Embora, editorial encargada de pór corpo de libro a este feixe de cantigas; o escritor Martiño Maseda, que esbozou unhas pinceladas do poemario; e José Antonio Pita, en representación do Concello de Vilalba, como concelleiro de Cultura.

Cantigas para aprender a soñar é o poemario gañador do Premio Arume de Poesía para nenos e nenas na edición de 2013, convocado pola Fundación Xosé Neira Vilas, e goza das ilustracións de Minia Regos Sanz.

O acto, con numerosa asistencia de público (incluso infantil), foi unha auténtica festa da palabra, na que os verdadeiros protagonistas, ademais da autora e o seu poemario, foron os nenos e nenas que se encargaron de ler uns cantos poemas para familiarizarse co ritmo e a musicalidade que percorre os versos deste libro de poesía infantil. 

Deixou dito o propio Xosé Neira Vilas, antes do seu pasamento hai tres meses, no limiar ao libro de María Xosé Lamas: “Cantemos e soñemos, pois a canción dignifica a alegría de vivir. Soñemos cada mañá cando o sol axexa, cando o vento arrola o curuto dos piñeiros, cando vemos sorrir a un neno ou unha nena.” Tal é o  que a autora nos propón ao longo dos versos de Cantigas para aprender a soñar.

27/02/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión