Premio Internacional Máximo Ramos 2016

Redacción.-

O obxectivo do 24 Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos 2016, que se realiza con carácter bianual, é dar testemuño do dinamismo e a pluralidade da gráfica actual desde a perspectiva da arte contemporanea múltiple e seriada. Esta convocatoria constitúe, así mesmo, unha oportunidade para a consolidación e enriquecemento dos fondos de arte do Centro Torrente Ballester. O carácter de convocatoria pública vén dado pola publicación das bases no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web www.ferrol.es.
Condicións de participación e procesos admitidos:
- Poderán participar no certame artistas de calquera nacionalidade e país de residencia.
- O certame está aberto a todos os procesos gráficos tradicionais ou experimentais, incluídos os dixitais, o vídeo, a fotografía e a instalación, con intervencións directas ou combinadas con calquera outro procedemento, sen condicións de tamaño. Admítense polípticos, obras seriadas, probas únicas, variacións...
- Cada participante poderá presentar de 2 a 6 obras pertencentes a unha mesma familia ou serie, ou unha soa obra seriada completa formada por varias pezas.
- Concederase un único premio de 7.000 euros (impostos engadidos). O xurado poderá outorgar unha ou varias mencións honoríficas.
Preselección: Os candidatos enviarán o formulario de participación ao correo electrónico premiomr@ferrol.es, do 15 ao 30 de marzo de 2016.
Para máis información descarga as bases completas e o formulario de participación en www.centrotorrenteballester.com ou en www.ferrol.es.
24 PMR 2016
Centro Torrente Ballester
Rúa Concepción Arenal, s/n
15402 Ferrol (A Coruña)
España

24/03/2016

Premio Trapeiro de Honra 2016

Redacción.-

Venres 25 de marzo ás 18:00 na Casa Habanera de Guitiriz coas intervencions de
Antón de Guizán, presentación do acto
Regina Polín Alcaldesa de Guitiriz
Pastora Veres, promotora do proxecto interdisciplinar Lareira de soños
Germán Castro Tomé, xornalista de orixes vilaregas autor do libro Orquestas de baile de Ferrolterra
Arantxa Alvarez, cantante vilarega da orquesta Los Satélites que entregará o premio
Música, Eladio Roca, acordeonista dos Vilares e Ricardo Rivera, antigo cantante da orquesta Armonía e compañeiro de Pepe de Cristos que tocará o saxo.
Homenaxe aos musicos e orquestas da posguerra personalizado na figura do saxofonista e clarinetista José López Díaz, Pepe de Cristos, das vellas orquestas Armonía e Chedeiro dos Vilares, que deleitaron aos nosos ancestros na comarca chairega e oitras próximas en tempos duros de traballo, miseria e emigración. Músicos vocacionais precursores das afamadas orquestas galegas actuais con grandes despregues de recursos técnicos.
Terceira edición do Premio Trapeiro de Honra que foi concedido no 2014 a Xosé María Díaz Castro e en 2015 á Romaría Labrega da Chaira.

Ramón Chao: "Sari salvou ao meu irmán"

Ramón Chao Rego (Vilalba, 1935) lembra a figura do seu irmán Xosé, desde a súa infancia na capital da Terra Cha, pasando pola difícil etapa en Ferrol nos estertores do franquismo e, finalmente, o afianzamento do seu compromiso coa nosa terra, trala publicación de Eu renazo galego.

Moncho Paz


- Cando Pepe marcha ao seminario de Mondoñedo e logo faise crego, prodúcese un fondo distanciamento entre vós.

- A nosa nenez foi moi doce. Durmiamos abrazados, e sempre estabamos xuntos xogando na rúa. Falabamos castelán, tamén na casa, e iso que o meu pai presumía de galeguista e republicano. De feito, nas tarxetas do hotel Chao poñía Vilalba (Galiza) e non España. A estadía de Pepe en Mondoñedo separounos, en moitos aspectos.

- O voso pai, anticlerical, intentou que Pepe non fose consagrado.

- Así o contou Pepe nalgunha entrevista. Os meus pais e máis eu fumos a Roma para asistir ao acto da súa ordenación sacerdotal. Correu o cargo do papa Pío XII, nas catacumbas de San Calixto. Eu tiña vinte anos e xa vivía en París; e gardo por algures unha foto na que estou chorando e bicándolle as mans. Ese día deume a comunión; foi a segunda e derradeira vez na miña vida. Naquela época non nos levabamos ben: o Pepe era moi conservador (o noso pai chamáballe Torquemada) e eu “compañeiro de ruta” dos comunistas. Estivemos alonxados unha ducia de anos, e retomamos a relación cando se convertiu nun home reivindicativo.

- Gabriel Pita da Veiga, o crego de Vilalba, tivo gran influencia en Pepe; pero tamén en Rouco Varela ou en Bernardo García Cendán.

- Queríaselle moito a don Gabriel na vila. A xente estaba dividida entre os seus partidarios e os de don Joseito, o coadxutor. A este último seguíanno as mulleres, pois era novo e ben prantado, e polo visto tiña tuberculose, o que lle engadía un certo morbo. Rouco para nós era Tucho, queriamolo moito por aquel entón; tiña un humor moi xovial e ía con frecuencia polo hotel Chao. A min non me parecía un rapaz con moita vocación, pero era traballador e perseverante. E Bernardo fora alumno de Pepe no seminario de Mondoñedo; cando o meu irmán viña a Paris, non se aloxaba na nosa casa, senon en Meudon co Bernardo, na parroquia de Rabelais, onde en 1551 o escritor francés bosquexou os seus personaxes Gargantúa, Pantagruel e outros. Naquel intre a parroquia estaba a cargo de André Aubry, terceiromundista que percorreu América Latina ata establecerse en Chiapas, onde creou o Instituto de Estudios Mayas, organismo básico para a actividade do Exército Zapatista. Bernardo fixo en Meudon unha gran amizade cunha monxa encantadora, que unha vez apareceu por Vilalba. Eu animábao moito para que se uniran, como o seu deus mandaba; pero iso non ocorriu nunca, lamentablemente.

- E como foi a vosa relación con Fraga, outro vilalbés?

- Cordial. Cando eu tocaba o piano de raparigo, Fraga viña pola casa a escoitar O lago de Como, de Gallas. Concedeume becas, para irme a Madrid e despois a Paris, sabendo que era fillo dun republicano e que a miña tendencia política tamén ía nesa liña. Viña a Paris e convidabanos a xantar  (á miña muller e a min), sen facer ningunha alusión sobre iso. En 1997 otorgoume o Premio Galicia de Comunicación, dotado cun millón de pesetas. Nunca fun da súa corda, e ben o sabía. Tampouco ignoraba que en Vilalba tiña dous opositores nos irmáns Chao; de feito, un acólito de Fraga pediulle unha vez a Pepe que, se non os votaba, alomenos non fixese propaganda contra eles.

- A etapa de Pepe en Santa Mariña do Vilar foi sorprendente, de xeito especial polo seu compromiso cos máis desfavorecidos.

- Aínda estabamos distanciados, tamén xeograficamente, pois eu residía en París. O ambiente que se respiraba en Ferrol naqueles anos era certamente duro, con enfrontamentos constantes entre os “grises” e o movemento obreiro, co cal moitos cregos amosaban a súa solidariedade, entre eles Pepe. Entereime cando o xulgaron e non o podía crer. Pepe sempre manifestou o seu desacordo co exceso de poder por parte dalgúns cregos; e predicaba co exemplo. Non quería cobrar nin polos bautizos nin por impartir os demais sacramentos. Botou dezasete anos en Santa Mariña e, ao pouco de morrer Franco, por fin deixou o ministerio sacerdotal.

- E regresou a Vilalba. Unha volta ás orixes. Que lembras daquel cambio radical que experimentou o teu irmán?

- Viámonos máis a miúdo, e tiñamos longas conversas; eu animeino a deixar todo o tinglado da Igrexa, pero seguía a ter a fe moi arraigada. Cando publiquei O lago de Como en 1983 deixei de frecuentar a vila, debido aos malentendidos que provocou o libro, e atopabámonos en Compostela e na casa de Bastavales. Por un xiro do destino, Pepe coñecera a Sari en Vilalba; a decisión de casar con ela supuxo un cambio radical no meu irmán, axudoulle a atopar o equilibrio vital. Sari traballaba nunha editorial e dedicábase á venda de libros de humanidades; e así chegou un día ata o lar da Chouzana, para ofrecerlle uns volumes da historia de Galiza. Coñecela foi a súa salvación. Foi na época na que Pepe estaba a organizar as romaxes, como a do Pedregal de Irimia –onde nace o Miño– e na que afianzou o seu compromiso galeguista, coa publicación de Eu renazo galego, que escribiu en Vilalba e que máis tarde completaría con Para comprendermos Galicia. Pensei que naquel intre deixaría a Igrexa para sempre, pero non foi así. Eu acababa de publicar Después de Franco, España na editorial Felmar e falei co editor para que fixesen o mesmo co libro do Pepe, La Iglesia en el franquismo. Tamén conseguín que colaborara na revista Triunfo, onde escribiu varios artigos. Cando Pepe se fixo profesor de galego, comezamos a entendernos na noso idioma, pois na nenez e mocidade empregabamos basicamente o castelán.

- A figura de Prisciliano foi unha reivindicación común.

- Pepe dedicoume o seu libro Prisciliano. Profeta contra o poder. A primeira vez que escoitamos falar del foi no hotel Chao. O noso pai invocaba a autoridade de Unamuno contra o mito de Santiago, cando o filósofo afirmaba que ningunha persoa culta, por moi católica que sexa, pode pensar que en Compostela están os restos do apóstolo. Desde entón, Prisciliano convertiuse para nós nunha figura familiar, pero mítica. Na actualidade estamos a promover a asociación Amigos de Prisciliano, que ten a Jean-Claude Carrière como presidente “herético” e conta con moitos apoios no mundo da cultura galega: Méndez Ferrín, Manolo Rivas, Alonso Montero, Magarita Ledo, Aurichu Pereira e Beiras, entre outros.


_____________________
Na fotografía, Ramón Chao con Ignacio Ramonet (ao fondo), Sari Quiñones e Pepe Chao.

20/03/2016

Non é un venres calquera

Iván García Calaza.- Para moitos será outro venres no almanaque, sen nada máis especial ca estar ás portas dunha fin de semana. Quizais nunca llelo dixeron (a min tampouco) e por iso agora non o saben. Xa é habitual que adoitamos valorar o de fóra e non o da casa. Pasa con todo: co cine, ca literatura, cos destinos de viaxe ou ata cos xogadores de fútbol. É certo que non hai que xeneralizar, pero haille que dar importancia o que si a ten.
Non sei se no 1916 o catro de marzo cadrou a venres, o que si é que hoxe hai cen anos naceu o Heraldo de Villalba. Non só Madrid tivo o seu heraldo. E naceu nunha das vilas máis xornalísticas da primeira metade do século XX. Vinte publicacións saíron a rúa neste período na capital da Terra Chá ata o estalido da Guerra Civil. El Eco de Villalba, El Ratón, La Voz Campesina, El Vigía Villalbés ou Azul y Blanco foron os antecedentes da publicación de máis duración por terras vilalbesas, Heraldo de Villalba (1916-1931).
Antonio García Hermida foi o fundador do xornal que hoxe está de aniversario. Aínda que xa fora o impulsor de Azul y Blanco, “o heraldo” constituíu a súa publicación máis relevante. Ademais coincidiu a súa fundación co ano no que xurdiron as Irmandades da Fala das que García Hermida foi secretario da Irmandade de Vilalba.
Supoño que García Hermida non contaba cando saíu o primeiro número do heraldo que aquilo ía dar para 285 números máis. O Heraldo de Villalba publicábase dúas veces ao mes e tiña por subtítulo na súa cabeceira “periódico defensor de los intereses de la comarca villalbesa”. Na vila vendíase a dez céntimos o número solto e a unha peseta o semestre.
Probablemente hoxe en ningunha escola, nin sequera nas de Vilalba, se mencionase esta data (ogallá que si). Sendo así tampouco se nos pode botar a culpa de que sexamos uns ignorantes da nosa historia, mais si que se nos ten que culpar de non facer nada para remedialo. Agardo que para o 2031, cando se cumpran cen anos do peche de Heraldo de Villalba (12 de abril), poidamos profanar nós mesmos algo similar ao que dicía a cabeceira de García Hermida “defensores dos intereses da comarca vilalbesa”.

04/03/2016

"Xornalismo na Escola" en Vilalba

Redacción.- O IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, foi o escenario do comezo dos obradoiros de ‘Xornalismo na Escola’, iniciativa organizada polo Colexio de Xornalistas e a Obra Social ‘la Caixa’ coa que se trata de amosar aos alumnos de 3º e 4º da ESO a importancia da figura do xornalista, o funcionamento dos medios de comunicación, determinar que é e que non é información, entre outros temas.
Durante os meses de marzo, abril e maio, seis xornalistas colexiados do CPXG, impartirán ata un total de 60 talleres, de 90 minutos de duración cada un, entre IES de toda a comunidade. Calcúlase que a iniciativa chegará a uns 2.400 rapaces e rapazas de centros de educación secundaria situados en poboacións cun número de habitantes reducido. Lugares como Arteixo, Arzúa, O Barco, Barro, Cambre, Monforte, Muros, Negreira, Sada ou Salvaterra son algunhas das localidades ata onde chegarán os talleres.
Juan Modesto del Río, Jesús Manuel García , Olalla Liñares, Rebeca Romero,  Mayte Silva e Víctor Sariego son os seis xornalistas encargados de impartir os obradoiros e de elaborar a unidade didáctica que se impartirá neles.  Juan Modesto del Río, licenciado en Xornalismo pola USC, traballou, entre outros medios, en La Voz de Galicia e varias televisións locais, ademais de colaborar na Televisión de Galicia e na Radio Galega. Jesús Manuel García, licenciado en Ciencias da Información pola Complutense de Madrid, traballou en La Voz de Galicia, Antena 3 Radio e Radiovoz Valdeorras. Olalla Liñares, graduada en Xornalismo pola USC, traballou como bolseira na Secretaría Xeral de Medios da xunta de Galicia, Radio Galega, Radio Negreira e colaborou con medios como España Exterior ou Compostimes. Rebeca Romero, licenciada en Xornalismo pola USC, traballou en gabientes de comunicación, en diferentes medios como La Voz de Galicia, Axencia EFE ou Infolibre e nestes últimos anos estivo en latinoamérica desenrolado a súa carreira profesional. Mayte Silva, licenciada en Xornalismo pola USC, desenvolveu a meirande parte da súa traxectoria profesional en gabinetes de comunicación como no Concello de Lugo ou na Xunta de Galicia. Víctor Sariego, licenciado en Xornalismo pola USC, traballou en Oviedo TV, no xornal ovetense La Capital, El Progreso Asturiano, Diario de Pontevedra, Xornal de Galicia, así como noutras publicacións.
Este proxecto foi posible grazas a un acordo acadado a finais do ano pasado entre o Colexio de Xornalistas e a Obra Social ‘la Caixa’. Asemade, a Obra Social ‘la Caixa’ está a levar esta iniciativa noutras cidades e comunidades autónomas, onde xa fai algúns anos que se puxo en marcha o proxecto. Cataluña, Sevilla e Madrid, son algúns deses lugares onde se ven celebrando talleres de similares características.

03/03/2016

Número 28 de Dardo Magazine

Redacción.-

O número 28 de Dardo Magazine vai adicado ao exceso, como tema, como forma, como particularidade. Nel Fernando Agrasar Quiroga fala sobre a exuberancia formal e a súa oposta no editorial, Omar-Pascual Castillo percorre en "Desintoxicar la belleza" o exceso nas estratexias artísticas barrocas e neobarrocas de hoxe, Cruz López Viso analiza a obra de Luis Barragán en "Barragán: Sentidos y límites". Tamén:
FIS(S)URAS
Entrevista con Enrique Marty. Mónica Maneiro
Enrtevista con Izaskun Chinchilla. Luz Paz Agras
Entrevista con Raul Mourão. Fernanda Lopes
ENTRE BASTIDORES
Entrevista con Adrián Villar Rojas. Ángel Calvo Ulloa
PERFIL Entrevista con Santiago Giralda. Sara Donoso e Numax, ECM Records, Do Design, Bar Project, Making Africa, Fermín Jiménez Landa, Arte en España, Sinestesia, Black Hole.

Pode adquirirse en: dardostore.com

02/03/2016

En todas as mans

Redacción.-

O vindeiro sábado, 05 de marzo ás 20:00 h, no C.E.N Casa das Insuas de Rábade (Lugo), proxectarase o documental "En todas mans", un traballo, no que os autores pretenden mostrar o mundo do monte veciñal, unha realidade próxima, escasamente coñecida e pouco valorada pola sociedade galega. Ao tempo, que queren sinalar as potencialidades que ten como ferramenta válida para a xestión e custodia do territorio próximo... 

Unha ocasión para o debate e a reflexión colectiva sobre o territorio e, particularmente, sobre os nosos "latifundios" de titularidade comunitaria que forman parte do noso patrimonio identitario, natural e cultural... 

Murais para Díaz Castro

Redacción.-

A NPG Nova Poesía Guitirica promoverá a realización duns murais/graffitis adicados a Díaz Castro en Guitiriz.

A NPG poñerase en contacto con artistas locais para o deseño dos murais e a parte poética do mesmo corresponderá ao grupo poético NPG.

Diaz Castro contará deste xeito con unha imaxe pública moderna, actual e urbana na súa vila nuns lugares aínda por definir e que estamos a localizar e do que se informará no seu momento, unha vez conseguidos os permisos públicos ou privados pertinentes.

A iniciativa pretende involucrar a artistas locais nas iniciativas poeticas de rúa para o que se solicitará a colaboración de outras entidades e institucións.

Deste xeito, a NPG Nova Poesía Guitirica sigue a desenvolver actividades actuais, de rúa, chamadas a normalizar a poesía na vida das persoas esta volta con imaxes de gran formato, despois de iniciativas tan novidosas como as de comenzos de ano de "poemas pendurados das farolas".

Outra iniciativa que pretende trasladar a poesía e o seus referentes e simbolismo á rúa dunha maneira actual.

Fallado o I Premio de Poesía Díaz Castro

Redacción.-

O poeta e tradutor, nado en Ourense, con residencia en Brión (A Coruña) RAÚL GÓMEZ PATO resultou gañador do primeiro PREMIO DE POESÍA DÍAZ CASTRO, convocado polo Concello de Guitiriz. O fallo foi dado a coñecer este mediodía na sede consistorial guitiricense coa presenza dos membros do Xurado, Anxela Gracián, vogal, Miguel Anxo Fernán Vello, presidente, e Armando Requeixo, secretario.
A alcaldesa, REGINA POLIN, destacou o alto número de obras presentadas, en total 61, e loubou e agradeceu o labor "dun xurado de luxo".
ARMANDO REQUEIXO manifestou "estamos realmente felices por esta fermosa aventura que comeza hoxe formalmente e á que sucederán xornadas de gloria para Guitiriz". Deu lectura ao texto da acta, salientando que este acontecemento coincidía co 102 aniversario do natalicio de Díaz Castro. Precisou que o volume elixido respondía ao título de "Máscaras de espellos" baixo o lema "sólido niquel". Nese momento a alcaldesa Regina Polín procedeu a apertura do sobre que contiña os sinais de identidade do gañador, Raúl Gómez Pato.
O Xurado, continuou Requeixo, considera que o traballo merecedor do premio ofrece unha escrita de grande altura estética "que amosa un excelente dominio da fórmula versal e o emprego dunha imaxinería neosurreal que abisma na interioridade de universos líricos e fascinantes, atento tanto as escenas do mínimo cotián como aos grandes sucesos do devir colectivo". O secretario do Xurado rematou expresando os parabéns a Gómez Pato.
MIGUEL ANXO FERNAN VELLO dixo "É hoxe un día de felicidade no que se leva a cabo un acto de máxima honra a Xosé María Díaz Castro". Destacou do autor gañador que xa ten catro libros de poesía publicados, o último no 2009, e chamou a atención da "magnífica relación de "Gómez Pato, poeta e tradutor con Díaz Castro, poeta e tradutor". Fernán Vello rematou cunha referencia explícita ao movemento poético que desde hai uns meses faise visible na terra chairega (Nova Poesía Guitirica) "e que cada vez -recalcou-cobra máis resonancia na comunidade galega".
ANXELA GRACIAN evocou o poema que Díaz Castro dedica a Castroverde. "Eu son castroverdense e é para min unha honra estar hoxe aquí formando parte do Xurado".

01/03/2016