Ramón Chao: "Sari salvou ao meu irmán"

Ramón Chao Rego (Vilalba, 1935) lembra a figura do seu irmán Xosé, desde a súa infancia na capital da Terra Cha, pasando pola difícil etapa en Ferrol nos estertores do franquismo e, finalmente, o afianzamento do seu compromiso coa nosa terra, trala publicación de Eu renazo galego.

Moncho Paz


- Cando Pepe marcha ao seminario de Mondoñedo e logo faise crego, prodúcese un fondo distanciamento entre vós.

- A nosa nenez foi moi doce. Durmiamos abrazados, e sempre estabamos xuntos xogando na rúa. Falabamos castelán, tamén na casa, e iso que o meu pai presumía de galeguista e republicano. De feito, nas tarxetas do hotel Chao poñía Vilalba (Galiza) e non España. A estadía de Pepe en Mondoñedo separounos, en moitos aspectos.

- O voso pai, anticlerical, intentou que Pepe non fose consagrado.

- Así o contou Pepe nalgunha entrevista. Os meus pais e máis eu fumos a Roma para asistir ao acto da súa ordenación sacerdotal. Correu o cargo do papa Pío XII, nas catacumbas de San Calixto. Eu tiña vinte anos e xa vivía en París; e gardo por algures unha foto na que estou chorando e bicándolle as mans. Ese día deume a comunión; foi a segunda e derradeira vez na miña vida. Naquela época non nos levabamos ben: o Pepe era moi conservador (o noso pai chamáballe Torquemada) e eu “compañeiro de ruta” dos comunistas. Estivemos alonxados unha ducia de anos, e retomamos a relación cando se convertiu nun home reivindicativo.

- Gabriel Pita da Veiga, o crego de Vilalba, tivo gran influencia en Pepe; pero tamén en Rouco Varela ou en Bernardo García Cendán.

- Queríaselle moito a don Gabriel na vila. A xente estaba dividida entre os seus partidarios e os de don Joseito, o coadxutor. A este último seguíanno as mulleres, pois era novo e ben prantado, e polo visto tiña tuberculose, o que lle engadía un certo morbo. Rouco para nós era Tucho, queriamolo moito por aquel entón; tiña un humor moi xovial e ía con frecuencia polo hotel Chao. A min non me parecía un rapaz con moita vocación, pero era traballador e perseverante. E Bernardo fora alumno de Pepe no seminario de Mondoñedo; cando o meu irmán viña a Paris, non se aloxaba na nosa casa, senon en Meudon co Bernardo, na parroquia de Rabelais, onde en 1551 o escritor francés bosquexou os seus personaxes Gargantúa, Pantagruel e outros. Naquel intre a parroquia estaba a cargo de André Aubry, terceiromundista que percorreu América Latina ata establecerse en Chiapas, onde creou o Instituto de Estudios Mayas, organismo básico para a actividade do Exército Zapatista. Bernardo fixo en Meudon unha gran amizade cunha monxa encantadora, que unha vez apareceu por Vilalba. Eu animábao moito para que se uniran, como o seu deus mandaba; pero iso non ocorriu nunca, lamentablemente.

- E como foi a vosa relación con Fraga, outro vilalbés?

- Cordial. Cando eu tocaba o piano de raparigo, Fraga viña pola casa a escoitar O lago de Como, de Gallas. Concedeume becas, para irme a Madrid e despois a Paris, sabendo que era fillo dun republicano e que a miña tendencia política tamén ía nesa liña. Viña a Paris e convidabanos a xantar  (á miña muller e a min), sen facer ningunha alusión sobre iso. En 1997 otorgoume o Premio Galicia de Comunicación, dotado cun millón de pesetas. Nunca fun da súa corda, e ben o sabía. Tampouco ignoraba que en Vilalba tiña dous opositores nos irmáns Chao; de feito, un acólito de Fraga pediulle unha vez a Pepe que, se non os votaba, alomenos non fixese propaganda contra eles.

- A etapa de Pepe en Santa Mariña do Vilar foi sorprendente, de xeito especial polo seu compromiso cos máis desfavorecidos.

- Aínda estabamos distanciados, tamén xeograficamente, pois eu residía en París. O ambiente que se respiraba en Ferrol naqueles anos era certamente duro, con enfrontamentos constantes entre os “grises” e o movemento obreiro, co cal moitos cregos amosaban a súa solidariedade, entre eles Pepe. Entereime cando o xulgaron e non o podía crer. Pepe sempre manifestou o seu desacordo co exceso de poder por parte dalgúns cregos; e predicaba co exemplo. Non quería cobrar nin polos bautizos nin por impartir os demais sacramentos. Botou dezasete anos en Santa Mariña e, ao pouco de morrer Franco, por fin deixou o ministerio sacerdotal.

- E regresou a Vilalba. Unha volta ás orixes. Que lembras daquel cambio radical que experimentou o teu irmán?

- Viámonos máis a miúdo, e tiñamos longas conversas; eu animeino a deixar todo o tinglado da Igrexa, pero seguía a ter a fe moi arraigada. Cando publiquei O lago de Como en 1983 deixei de frecuentar a vila, debido aos malentendidos que provocou o libro, e atopabámonos en Compostela e na casa de Bastavales. Por un xiro do destino, Pepe coñecera a Sari en Vilalba; a decisión de casar con ela supuxo un cambio radical no meu irmán, axudoulle a atopar o equilibrio vital. Sari traballaba nunha editorial e dedicábase á venda de libros de humanidades; e así chegou un día ata o lar da Chouzana, para ofrecerlle uns volumes da historia de Galiza. Coñecela foi a súa salvación. Foi na época na que Pepe estaba a organizar as romaxes, como a do Pedregal de Irimia –onde nace o Miño– e na que afianzou o seu compromiso galeguista, coa publicación de Eu renazo galego, que escribiu en Vilalba e que máis tarde completaría con Para comprendermos Galicia. Pensei que naquel intre deixaría a Igrexa para sempre, pero non foi así. Eu acababa de publicar Después de Franco, España na editorial Felmar e falei co editor para que fixesen o mesmo co libro do Pepe, La Iglesia en el franquismo. Tamén conseguín que colaborara na revista Triunfo, onde escribiu varios artigos. Cando Pepe se fixo profesor de galego, comezamos a entendernos na noso idioma, pois na nenez e mocidade empregabamos basicamente o castelán.

- A figura de Prisciliano foi unha reivindicación común.

- Pepe dedicoume o seu libro Prisciliano. Profeta contra o poder. A primeira vez que escoitamos falar del foi no hotel Chao. O noso pai invocaba a autoridade de Unamuno contra o mito de Santiago, cando o filósofo afirmaba que ningunha persoa culta, por moi católica que sexa, pode pensar que en Compostela están os restos do apóstolo. Desde entón, Prisciliano convertiuse para nós nunha figura familiar, pero mítica. Na actualidade estamos a promover a asociación Amigos de Prisciliano, que ten a Jean-Claude Carrière como presidente “herético” e conta con moitos apoios no mundo da cultura galega: Méndez Ferrín, Manolo Rivas, Alonso Montero, Magarita Ledo, Aurichu Pereira e Beiras, entre outros.


_____________________
Na fotografía, Ramón Chao con Ignacio Ramonet (ao fondo), Sari Quiñones e Pepe Chao.

20/03/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión