A rosca de Pierre Menard

Mario Paz González.-

Agora que se achega o cuarto centenario da morte de Cervantes e Shakespeare, comezan a abundar as homenaxes a ambos os dous creadores e todo o mundo, en maior ou menor medida, quere sumarse á festa.

Cómpre lembrar, malia todo, que, con aniversario ou sen el, as referencias a estes dous grandes mestres da literatura universal foron unha constante ao longo destes catro séculos. Cancións de rock, óperas, películas, cadros, cómics, adaptacións, ensaios, estudos eruditos… Desde o momento da súa aparición no longo decurso da historia literaria, a importancia de ambolos dous foi crecente até hoxe. Algunha das referencias máis orixinais atopámola na obra do arxentino Jorge Luis Borges, quen publicou en 1983 un depurado relato, “A memoria de Shakespeare”, pechando o libro homónimo. Nel Borges fantasea con que o seu protagonista obtivese por casualidade a memoria do vate de Stratford. Tamén anos antes, en 1941, como parte do seu libro O xardín dos carreiros que se bifurcan, publicou un relato datado en Nîmes en 1939 e titulado “Pierre Menard, autor do Quixote”, e é precisamente deste texto do que queremos falar aquí.

No conto borxiano, un crítico literario laméntase do inxusto que fora un diario francés cando, tras a morte do simbolista Pierre Menard, inventariou a súa obra esquecendo a parte máis importante, aínda que incompleta, “a subterránea,” –di o narrador– “a interminablemente heroica, a impar”. Menard propuxérase, no París dos anos trinta, escribir de novo O Quixote, é dicir, “producir unhas páxinas que coincidisen –palabra por palabra e liña por liña– coas de Miguel de Cervantes”. Para iso empapouse do español do século XVII e de todo o relacionado coa época tentando esquecer a historia de Europa entre 1602 e 1918, data esta última do inicio da súa utópica obra. Decontado decatouse de que non era posible ser Cervantes e que, en troques, sería moito máis meritorio chegar ao Quixote sendo Pierre Menard, autor francés tres séculos posterior. Finalmente só chegou a rematar os capítulos noveno e trixésimo oitavo da primeira parte e un fragmento do capítulo vinte e dous. Malia iso, no que poderiamos cualificar como un exercicio de modestia, decidiu destruír todos os borradores previos para non deixar rastro do proceso que o levara a escribilos. Iso si, o texto escrito por Menard non difire o máis mínimo do cervantino, até o punto de que o narrador do conto de Borges sente como o estilo do francés está presente en todo o Quixote orixinal e non só nos breves fragmentos que chegou a escribir.

Vén todo isto a conto dunha nova lida hai un par de meses na prensa e que tivo certa repercusión nas redes sociais. Nela falábase da creación e da pomposa presentación en sociedade dun novo doce, a rosca de Ribadeo, coma se fose o anuncio dun gran descubrimento científico. Nada se dixo da homenaxe implícita a Pierre Menard e, por tanto, tamén a Cervantes no seu 400 aniversario que tal acto ocultaba. Mesmo á Terra Chá. Explícome. Do mesmo xeito que o simbolista borxiano empapouse de todo o referente ao mundo cervantino, o confiteiro ribadense autor dese doce debeu mergullarse nos aires da Chaira e dos seus ceos de chumbo, enchéndose da frescura dos seus robledais, soutos e fragas vizosos de salgueiros, bidueiros, castiñeiros e piñeiros para, a partires de aí, crear ese novo doce tan semellante ao roscón de Vilalba. En realidade é idéntico, dirán non sen razón moitos dos abraiados lectores. Os mesmos ingredientes, a mesma forma, o mesmo sabor… Con todo, como no caso de Pierre Menard, o pasteleiro de Ribadeo, lonxe da pedantería dun Ragueneau de opereta calquera, actuou coa mesma modestia do poeta simbolista creado polo arxentino, ocultando todo rastro da orixe do doce, toda posible similitude, todo parentesco, o que implica non só unha homenaxe a Borges ou a Cervantes, senón tamén, como xa dixemos, á Chaira enteira e, xa que logo, á súa industria confiteira. Celebrémolo, pois.

Imaxe: © La Voz de Galicia

22 de abr. de 2016

2 comentários :

Danos a túa opinión