Homenaxe a Manuel María no Día do Libro

Redacción.-

A Coruña, Vigo, Lugo, Ferrol, Santiago de Compostela, Pontevedra, Xinzo de Limia, Lalín, Carballo, Betanzos, Vilalba, Outeiro de Rei, Carral, Ortigueira, Rodeiro, Ribeira, Xermade, A Laracha, San Sadurniño, Cedeira, Arteixo, Bueu, Boiro, Redondela, Cambre, Oleiros, A Pobra do Caramiñal, Cedeira… son algunhas das localidades que se están a sumar estes días á actividade Manuel María na túa voz. Actividade esta que se desenvolverá ao redor do día 23 de abril, día do libro, e que tenta ser unha homenaxe pública, popular e literaria a Manuel María, autor homenaxeado nas Letras Galegas deste ano.

Á espera de que máis localidades vaian confirmando a hora das súas lecturas públicas, que nalgúns lugares irán acompañadas de música, proxeccións, pequenas representacións…., a Fundación Manuel María anima e convida ás galegas e galegos a que asistan a estes actos, organizados por Concellos, Bibliotecas Municipais, entidades culturais…, quer como público, quer lendo ou recitando algún dos poemas ou textos da prolífica e polifacética obra creativa do escritor chairego.

Alén do evento físico, a Fundación Manuel María convida a aquelas persoas que queiran, sobre todo a aquelas galegas e galegos que moran en localidades onde non se desenvolve esta actividade ou residan fóra da Galiza, a que fagan a súa particular homenaxe a Manuel María e partillen na páxina web da fundación (http://www.casamuseomanuelmaria.gal/manuel-maria-na-tua-voz/subir-video.htm) un video de elaboración propia no que lean ou reciten un poema ou un pequeno fragmento dunha peza teatral, dun artigo xornalístico ou dunha obra narrativa de non máis de un minuto e quince segundos.

22/04/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión