Presentación na Casa das Insuas

Redacción.-

O vindeiro sábado, 23 de abril, no C.E.N Casa das Insuas de Rábade (Lugo), contaremos coa presenza do ornitólogo e divulgador ambiental Antonio Sandoval que nos presentará o seu novo libro “ Las aves marinas de Estaca de Bares, un diario personal”

Este libro sintetiza os resultados de miles de horas de censos de aves mariñas desde Estaca de Bares durante varias décadas. Voan polas súas páxinas palleiras, furabuchos, mascatos, carráns, araos papagaios, gavinas, gaivotas, negróns... Pero sobre todo, é un delicioso relato das vivencias ornitolóxicas e familiares do autor durante seis meses nese lugar. Tamén unha chamada de atención sobre a necesidade de que o espectáculo natural que alí se contempla poida ser mellor coñecido e gozado por todos. E unha celebración daquela paisaxe única, chea de historias.

O cabo de Estaca de Bares (Mañón, A Coruña) é unha das mellores atalaias para estudar as migracións das aves mariñas do Atlántico norte. Fronte a el pasan cada ano decenas de especies que suman máis dun millón de exemplares. As súas orixes ou destinos son tanto as costas europeas como as de Canadá, Arxentina, Siberia, Terranova, Chile, Sudáfrica ou a Antártida. Por este motivo, as augas que o rodean foron declaradas Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) en 2014 polo Goberno de España, pasando así a integrarse na Rede Natura 2000 da Unión Europea. Previamente foran xa identificadas como IBA (Important Bird Area) por SEO/BirdLife.

22/04/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión