Presentouse DARDOmagazine en ARCO Lisboa

Redacción.-
O número 29 de DARDOmagazine presentouse estes días en Lisboa, na feira ARCO, que tén lugar do 25 ao 29 de maio.
Nesta ocasión e con motivo da celebración do dez anos de vida da revista, leva un agasallo especial, un logotipo de DARDO feito polo artista e instagramer José Lourenço.
Neste número fálase do tempo e os seus condicionantes e incidencias. Analízase a dimensión temporal da obra de Álvaro Negro, Gil Heitor Cortesão e Rui Toscano. Hai tamén unha entrevista a Helena Almeida con motivo da súa última exposición e faise un percorrido pola arquitectura de acuarios e esponxas de Lina Bo Bardi e no deseño de Martín Azúa. Ademais, pode lerse unha conversa con Carla Filipe sobre arte e proxectos alternativos e a revista adica un tempo ao traballo de pensar unha Bienal en Oslo.
Coma sempre, DARDOmagazine pode atoparse na tenda online dardostore.

29/05/2016

[S8] Mostra de Cinema Periférico

Redacción.-

O estadounidense Saul Levine e os británicos William Raban e Nicky Hamlyn, considerados tres nomes claves do cinema de vangarda, daranse cita na Coruña como convidados de honor da (S8) Mostra de Cinema Periférico, que celebrará a súa sétima edición do 1 ao 5 de xuño. A organización presentou hoxe os principais contidos desta programación, na que tamén destacan a ollada cara ao novo impresionismo cinematográfico, un especial sobre cineastas galegas e a segunda edición do encontro de programadores de festivais, entre outras citas.

O encontro coruñés é un dos seis eventos subvencionados este ano pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da convocatoria de axudas a festivais audiovisuais que mantén a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O apoio da Xunta de Galicia esténdese tamén á colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) como unha das sedes habituais da mostra.

Así o explicou hoxe na Coruña o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen participou nesta presentación xunto ao concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande; a vicepresidenta e deputada de Cultura da Deputación Provincial, Goretti Sanmartín; a directora da Área de Acción Cultural de Afundación, María Teresa Cores; e o director do festival, Ángel Rueda.

Súper 8
Jacobo Sutil destacou a consolidación do festival como unha das principais citas galegas coa vangarda cinematográfica e gabou a interesante programación deste ano, tanto para o público cinéfilo como para o xeral, que presenta por primeira vez en Galicia moitas das propostas seleccionadas. Así, por exemplo, a (S8) traerá á Coruña tres mestres internacionais, dos que se proxectarán diferentes sesións especiais no CGAI. É o caso do estadounidense Saul Levine, quen desde finais dos sesenta emprega como ferramenta fundamental o Súper 8, xuntando o chamado ‘cine diarístico’ coa busca formal e a militancia política.

Terán así mesmo un gran protagonismo dous creadores ligados á mítica London Filmmakers Co-op. Dunha banda, o veterano William Raban, quen ademais impartirá o sábado 4 no auditorio de Afundación unha clase maxistral sobre ‘Tempo e materialidade no cine’, que incluirá o filme-performance ‘Take Measure’. Doutra, Nicky Hamlyn, quen tamén estreará na Coruña outro filme-performance feito especificamente para o festival.

Baixo o título ‘Os novos impresionistas’, a (S8) reúne ademais unha serie de cineastas experimentados e emerxentes para os que resulta esencial a experimentación coa luz e a exaltación das calidades pictóricas do cinema. Xiran arredor deste tema os programas sobre o canadense Stephen Broomer, o francés Jaques Perconte ou a pioneira francesa Germaine Dulac, entre outras sesións.

Cinema galego
Este ano a Mostra de Cinema Periférico aposta igualmente polas creadores galegas a través do foco especial que lle dedica a Xiana Gómez-Díaz, co-fundadora da produtora Walkie Talkie Films, e dunha mesa redonda arredor do proxecto ‘Cinema e muller’, de Xisela Franco e Beli Martínez, na que participarán a propia Xiana Gómez-Díaz, Diana Toucedo, Carla Andrade, Jaione Camborda e Margarita Ledo. Este encontro culminará coa proxección do filme colectivo ‘Visións’, realizado como parte do devandito proxecto.

O cine galego tamén é obxecto da sección ‘Sinais en curto’, que exhibirá no CGAI unha escolma de curtametraxes entre as que se atopan os proxectos realizados dentro da segunda edición da iniciativa ‘Chanfaina Lab’, así como os últimos traballos de Xurxo Chirro, Gonzalo E. Veloso e Borja Santomé Rodríguez.

Martha Colburn, considerada a musa do collage fílmico; as sesións comisariadas polo festival L’Âge D’Or de Bruxelas e pola plataforma de creación artística canadense LIFT (Liaison of Independent Filmmakers of Toronto), ou a presentación da nova longametraxe documental de Andrés Duque, ‘Oleg y las raras artes’ son outras das citas desta sétima edición. Nela enmárcase, ademais, o II Encontro Internacional de Programadores de Festivais de Cine, que terá lugar no Palexco durante a última xornada da mostra.

Pola súa banda, a gala inaugural celebrarase o 30 de maio no Teatro Rosalía Castro cunha sesión de cine-concerto na que se proxectará unha copia restaurada de ‘O acoirazado Potemkin’, de Sergei M. Eisenstein, sonorizada en directo polo pianista Chris Jarrett.

24/05/2016

Cen anos das Irmandades

Redacción.-

Moitas das institucións e entidades da cultura galega presentaron a semana pasada o programa de actividades da conmemoración das Irmandades da Fala. Nun acto conxunto participaron o día 14 o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo galego, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, as Deputacións da Coruña e Pontevedra, a Fundación Alexandre Bóveda, a Fundación Vicente Risco, a Fundación Antón Losada Diéguez, a Fundación Penzol e a Asociación de Prensa da Coruña.

Exposicións
O acto inicial da programación será un acto de carácter cívico e literario-musical, que se celebrará na cidade da Coruña o 18 de maio para conmemorar a fundación das Irmandades.
Dous días despois, o 20 de maio, comezará a itinerar a mostra ‘Centenario das Irmandades da Fala’, organizada pola Deputación da Coruña, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego para difundir entre a cidadanía o labor deste colectivo a través de materiais audiovisuais, música, documentos orixinais, publicacións e unha selección de obras de arte e obxectos singulares que constrúen un completo relato da dimensión das Irmandades da Fala.

A mostra, que botará a andar en maio na sede da Fundación Barrié da Coruña, visitará, nunha primeira xeira, grazas á colaboración das catro deputacións provinciais, as sete cidades galegas para logo percorrer outros concellos da provincia da Coruña, nunha itinerancia que se alongará ata maio de 2017.

Xa no outono o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, dependente da Consellería de Cultura e Educación, acollerá unha exposición panorámica da memoria documental e bibliográfica do galeguismo ourensán que permitirá ao visitante achegarse aos momentos e persoas protagonistas dos inicios das Irmandades, singularmente, Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Risco, Otero Pedrayo e Xaquín Lorenzo. A apertura da mostra está prevista para o mes de outubro.

Pola súa banda o Consello da Cultura Galega prepara dúas exposicións que, ao igual que boa parte das actividades que organiza no marco deste centenario, se prolongarán ata o 2018, en consonancia coa expansión que as Irmandades da Fala protagonizaron entre 1916 e 1918.
A primeira delas está prevista para o ano próximo e, baixo o título de ‘As Sociedades corais nos tempos das irmandades da fala’, revisará este período a través das sociedades corais que impulsaron e promoveron para a normalización da lingua e a cultura de Galicia centrándose, principalmente, nos catro coros históricos que manteñen a súa actividade artística: a Coral de Ruada (Ourense), Cántigas da Terra (A Coruña), Cantigas e Agarimos (Santiago) e o coro Toxos e Froles (Ferrol).

Xa no 2018, e coincidindo co 70.º aniversario do célebre discurso político de Alfonso Castelao coñecido como “Alba de Gloria”, organizarase unha mostra de achegamento ás 64 personalidades que Castelao cita nesa alocución como as grandes figuras da historia de Galicia.

As Irmandades nas bibliotecas públicas
Como vén sendo habitual neste tipo de conmemoración, as bibliotecas públicas de xestión autonómica súmanse á celebración do centenario das Irmandades. Deste xeito, as bibliotecas de Santiago de Compostela, A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo realizarán nos seus centros mostras de publicacións sobre as Irmandades da Fala procedentes dos seus fondos bibliográficos e documentais ao longo de todo o ano 2016.

Novas tecnoloxías e audiovisuais
A Consellería prepara unha ampla actividade no eido das novas tecnoloxías e o audiovisual para conmemorar o centenario. Así, a Biblioteca de Galicia creará un novo micrositio en Galiciana no que se mostrarán, dixitalizadas, as publicacións históricas realizadas polas Irmandades da Fala (manifestos, revistas, panfletos etc.), que se fará público en maio, con motivo da celebración do centenario da súa fundación.

Ademais, a Secretaría Xeral de Cultura daralles difusión, a través das redes sociais e boletíns informativos, ao conxunto das actividades programadas polas institucións con motivo da celebración do centenario; mentres que a Rede de Dinamización Lingüística, coordinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, e integrada por 170 concellos de Galicia, realizará ao longo do ano unha serie de accións conxuntas para a difusión social das Irmandades nos medios dixitais.

Así mesmo o Centro Galego de Artes da Imaxe dependente da Agadic promove a proxección da curtametraxe recuperada de José Gil 'Miss Ledyia' (1916).

Pola súa parte o Consello da Cultura Galega albergará ao longo do 2016 un espazo web dedicado a esta organización, así como outro destinado a recoller as biografías dos seus principais protagonistas; mentres que a Real Academia Galega porá a disposición pública na rede, a través do seu espazo web, materiais do seu arquivo relacionados coas Irmandades da Fala, os seus principais persoeiros e as súas actividades.

Actividade académica e publicacións
Os cen anos da fundación das Irmandades serán a oportunidade para que o Consello da Cultura Galega celebre tres seminarios arredor deste colectivo. O primeiro deles, ‘As nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios a nacións: o contexto internacional das Irmandades da Fala’, analizará o seu papel en clave europea de forma conxunto co estudo das nacionalidades da época de entreguerras. Para o ano está previsto o desenvolvemento do seminario 'Cultura e política na España do primeiro terzo do século XX: nacionalismos culturais e políticos, o exemplo das Irmandades da Fala', co que se pretende afondar na cultura e na política deste período; mentres que no 2018 'Galicia-América, unha viaxe de ida e volta: Ecos das Irmandades da Fala fóra de Galicia' pechará o ciclo cunha análise da relación do colectivo co movemento migratorio.

No que atinxe ás publicación, a Real Academia Galega prepara a edición de catro antoloxías que verán a luz no segundo semestre do ano, estruturadas por xéneros: ensaio e oratoria, teatro, narrativa e poesía; así como dos relatorios que se presentarán no ciclo de mesas de debate 'No tempo das Irmandades fala, escrita e prelos'. A Consellería de Cultura e Educación colaborará na edición desta publicación.

Así mesmo a Asociación de Prensa da Coruña recuperará a vertente xornalística do labor dalgúns dos fundadores desta organización, como Manuel Lugrís Freire, Florencio Vaamonde Lores, Uxío Carré Aldao, Luis Porteiro Garea, Francisco Tettamancy e, principalmente, Antón Vilar Ponte, todos eles asistentes á asemblea fundacional do 18 de maio celebrada na Coruña e tamén participantes das distintas directivas da Asociación de Prensa da Coruña. Esta edición contará tamén co apoio económico da Consellería de Cultura e Educación.

19/05/2016

Cartas á carta

Redacción.-

Despois do éxito da iniciativa de Lareira de soños e NPG Nova Poesía Gutirica coas cartas e tarxetas postais para felicitar o cumpreanos aos nosos maiores con casi medio cento recibidas por Manuel de Lea a pasada fin de semana, que cumplía 93 años, seguimos con esta iniciativa.
A seguinte receptora de literatura por correo postal será Sara Lobeiras Roca, Sara de Roldán, que cumplirá 94 anos o vindeiro día 3 de Xuño.
Misturar literatura á carta, adaptada aos tempos festas persoas que recibían cartas e tarxetas postais, supón unha homenaxe aos depositarios da nosa memoria viva, facer unha labor social, agasallar felicidade e promover creación literaria personalizada.
Aquellas persoas que desexen enviar algunha carta ou tarxeta felicitando a Sara, poden solicitar a dirección a donde deben dirixila no noso correo electrónico, no Facebook ou no Twitter da Lareira de soños. Os datos seranlles enviados privadamente.
Adjuntamos foto de Sara de Roldán con Xelo Teijido, directivo da Lareira de soños e membro da NPG Nova Poesía Gutirica.

18/05/2016

Manuel María das Letras

Mario Paz González.-

Días atrás, nunha entrevista na Televisión de Galicia, Mini, ou Mero (un deles, siempre os confundo), dicía de Manuel María que era un "señor da palabra", da palabra poética, enténdese, pero, se cadra (permítome engadir eu), tamén da outra, da palabra cotía, da que forxamos no día a día e que tamén nos vai esculpindo a cada un de nós con firmeza.

En todo caso eles, Mini e Mero, saben moi ben do que falan. Toda a cara A do primeiro traballo discográfico de A Quenlla, editado en 1986, Os tempos inda non, non son chegados, abranguía un monográfico de textos do autor de Outeiro de Rei. Eran textos que amosaban unha crítica feroz e directa á situación socio-política do momento facendo unha clara defensa da terra e da lingua, razóns polas que, aínda hoxe (quen sabe se por ben ou por mal), manteñen plena vixencia.

Hai tamén uns anos, en 2010, o grupo volveu musicar textos do poeta nun marabilloso traballo que un non cansa de escoitar e que presentaron aquel mesmo verán no Festival de Pardiñas. Nesta ocasión o disco, titulado Os Irmandiños, reunía dez poemas escritos por Manuel María ao longo de varios anos, mais tamén todos eles cunha mesma temática común, o medievo galego. Estes textos foran recollidos na Historia compacta do Reino de Galiza e tiñan certa semellanza no contido coa súa peza teatral Unha vez foi o trebón. Neles o poeta fai un percorrido polas revoltas das irmandades que tiveron lugar no xa case extinto medievo do século XV. Desde a primeira Guerra Irmandiña alá polo 1.431 en terras dos Andrade, ata as loitas dos anos 1.467 e 1.469 e a derrota definitiva dos insurxentes na batalla da Almáciga a mans de Pedro Madruga. Por estes textos, magníficamente musicados por Mini e Mero, desfilan, xa que logo, moitos acontecementos e personaxes da época, como Roi Xordo e Nuno Freire de Andrade, e veñen rematando cunha “Canción da derrota e da esperanza” cuxa fondura épica ben nos podería lembrar as recreacións que un Chrétien de Troyes ou un Thomas Malory fixeron no seu día do ciclo artúrico. Ademais, na voz de Manuel María estes personaxes e acontecementos teñen algo máis en común, como dixo Alfonso Blanco de Xermolos naqueles días, o feito de seren "significativos" para as xeracións vindeiras.

A producción literaria do poeta de Outeiro de Rei e moita e moi complexa (pódese atopar unha ampla relación sen dificultade na Rede). Abrangue a poesía, a narrativa, o teatro, os estudos críticos, a edición doutros poetas, os artigos de prensa... Nós quixemos lembrar hoxe estes dous exemplos por reunir iso que ten tan fonda raigame na nosa literatura: a conxunción da palabra poética e a música. Mais é moita a obra que cómpre non esquecer deste poeta esgrevio, este poeta da memoria prodixiosa, colectiva e persoal, como testemuñan as moitas entrevistas que fixo ao longo da súa traxectoria e que estes días reprodúcense nalgúns medios. Poeta que tamén é poeta noso por ser, como o calificou recentemente Miguel Anxo Fernán Vello, o inventor da nosa patria poética: a Terra Chá. Tamén por ser o poeta do compromiso coa terra, co pobo, coa mesma poesía… Cunqueiro dixo de Manuel María que era capaz de andar a terra cos versos como "os chairegos a camiñan coas zocas chinelas", como un poeta capaz de ir poñendo versos “coma quen pon o arco dunha ponte dunha a outra beira do río”, un poeta, poderíase engadir por iso mesmo, como tamén dixeron Mini e Mero nesa entrevista da que falabamos ao comezo, das pequenas cousas, un señor da palabra.

17/05/2016

Ampliación horario Casa Manuel María

Redacción.-

Dado o grande interese que moitas persoas e entidades sociais e culturais de toda Galiza e mesmo do exterior están a mostrar, e para facilitar canto posíbel a programación de visitas, a Casa-Museo Manuel María amplía o seu horario de apertura ás xornadas festivas e aos domingos pola tarde.

Até o momento, a Casa-Museo viña mantendo un horario de visitas todos os sábados, de 11 a 14 e de 16.30 a 18.30 horas, e todos os domingos de 11 a 14 horas. Coa ampliación de horario, este amplíase aos domingos de 16.30 a 18.30 horas e tamén aos días festivos que coincideren durante a semana no mesmo horario xa sinalado. Durante os meses de xullo e agosto o horario das tardes será, como xa viña sendo, de 17 a 19.30 horas.

Como vén sendo norma desde que a Casa-Museo abriu ao público en setembro de 2013, todas as visitas son guiadas. Tamén será posíbel seguir concertando visitas de grupo calquera día da semana como até o de agora. Ditas visitas en grupo deberán ser concertadas previamente quer a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal quer a través do teléfono 698 177 621. As persoas que quixeren visitar a casa natal de Manuel María a título particular e precisaren de máis información poden contactar a través desta mesma vía.

A Casa-Museo Manuel María ofrece a través da súa páxina web, www.casamuseomanuelmaria.gal diferentes recursos que as persoas ou grupos que desexaren visitala poden consultar a fin de complementar a súa visita con percorridos pola contorna máis próxima, achegándose a algúns dos espazos e paisaxes da Terra Chá que o escritor tanto amou e tantas veces plasmou na súa extensa e variada obra literaria.

Bolsa Nacho Mirás para novos titulados

Redacción.- O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a entidade Abanca presentarán o vindeiro xoves 19 de maio a bolsa Nacho Mirás para novos titulados, en homenaxe ao xornalista de La Voz de Galicia que finou o pasado mes de outubro  tras loitar contra un cancro que relatou no seu propio blog e no libro "El mejor peor momento de mi vida".
A bolsa está dirixida aos graduados que desexen facer un proxecto xornalístico nunha ampla variedade de formatos, dese unha reportaxe, a posta en marcha dun blog ata unha creación audiovisual. Ademais, a Facultade de Ciencias da Comunicación, da que Mirás Fole foi profesor asociado durante varios anos, dedicarálle un aula ao lembrado xornalista.

No Día de Manuel María

Sempre interrogo ao fado prepotente
con incerto temor e verbo inquedo
e que me diga sen rubor nin medo
que porvir lle depara á casa e xente.

Coñezo o seu pasado. O seu presente.
E ignoro totalmente o seu futuro:
será desgraciado, triste, escuro
ou gozoso, feliz resplandecente?

Todo o que vive múrchase ou devece
vencido polo tempo traizoeiro.
Nós pasamos. A casa permanece.

Non queremos fogar perecedeiro
pois o solar dos Hortas non merece
rematar convertido en pardiñeiro!



(Manuel María, Sonetos á Casa de Hortas)

A FEGAMP na Casa-Museo de Manuel María

Redacción.-

A comisión executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) vén de escoller a Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei para celebrar unha xuntanza de traballo deste organismo o vindeiro mércores 18 de maio ás 12.30 da mañá. A institución supramunicipal galega quere así sumarse ás homenaxes que se están a tributar desde multitude de ámbitos do pobo galego ao escritor a quen este ano se dedican as Letras Galegas.

Previamente á xuntanza de traballo, os membros da executiva da FEGAMP farán unha visita guiada á Casa-Museo ás 11.30 da mañá. Nela as alcaldesas e alcaldes que fan parte do organismo coñecerán distintos aspectos da traxectoria vital e do compromiso cívico que Manuel María mantivo sempre con Galiza, coa súa lingua e coa súa cultura e con todas as causas que el considerou xustas no tempo histórico que viviu; unha consciencia ética plenamente retratada nunha moi extensa obra literaria, composta por máis dun centenar de títulos, que no percorrido pola casa natal do escritor tamén poderán coñecer.

A FEGAMP asinou un convenio de colaboración coa Casa-Museo Manuel María para contribuír á difusión e coñecemento da figura e da obra do escritor desde un ámbito tan importante e privilexiado como o dos concellos, que ao seren as institucións máis próximas á veciñanza son tamén as que desenvolven o maior número de actividades ou iniciativas que permiten achegar a Manuel María aos públicos máis diversos.

A visita das alcaldesas e alcaldes que integran o organismo de goberno da FEGAMP redundará tamén para que logo a veciñanza dos seus respectivos concellos poida coñecer a Casa-Museo a través da programación de visitas como as que, de feito, moitos municipios xa están a organizar.

16/05/2016

Portas abertas na Casa do Manuel

Redacción.- A Real Academia Galega escolleu a Casa-Museo Manuel María para desenvolver o seu acto oficial na mañá do día 17 de maio que, nesta ocasión, está destinado a homenaxear ao escritor chairego. Pola súa banda, a propia Casa-Museo quere convidar a todo o pobo galego a darlle continuidade á celebración na tarde dese mesmo día 17 levando a cabo unha xornada de portas abertas dirixida a todo tipo de públicos.

As visitas guiadas gratuítas ao legado de Manuel María a través da casa onde naceu e que tanto amou, tamén como xeito de aproximación a un mellor coñecemento da súa biografía, da súa obra e das diferentes facetas que conforman unha das personalidades máis senlleiras das nosas letras, iranse combinando durante toda a tarde con música, maxia, recitados poéticos, lecturas de textos, proxeccións audiovisuais... que a mesma Casa-Museo acollerá.

A Casa-Museo convida a todo o pobo galego a se achegar a Outeiro de Rei para festexar a vixencia da palabra poética e do exemplo ético dunha voz, a de Manuel María, que corresponde coa dun dos poetas galegos máis populares de todos os tempos. Así o testemuña a multitude de propostas e iniciativas que este ano das Letras está a traer.


10/05/2016

50 anos do IES Basanta Silva

Redacción.- Os actos de celebración dos 50 anos do instituto Basanta Silva en Vilalba que tiveron lugar ao longo da pasada fin de semana comezaron o venres ás oito da tarde no auditorio municipal, coa actuación de Os D´Abaixo. O afamado grupo de folclore presentou na capital chairega os seus novos temas e tamén coñecidas pezas populares, nunha escolma de música chea de enerxía que lembrou ás antigas foliadas.
E na mañá do sábado, os pasarrúas das bandas de Outeiro de Rei, Rábade e Begonte foron abrindo o apetito, xunto cos grupos vilalbeses de música tradicional, como as Pandereteiras de Andrade.
O xantar popular na Praza da Constitución reuniu a preto de trescentas persoas de distintas xeracións do instituto, que tiveron oportunidade de lembrar vellos tempos e moitas anécdotas dos seus anos mozos.      
Os grupos tradicionais ofreceron un novo pasarrúas pola tarde, despois actuou a Banda de Música de Vilalba, e o programa pechouse cunha verbea, amenizada pola orquesta Suaveciño. A celebración dos 50 años do  instituto continuarán nas vindeiras semanas con outras actividades.


09/05/2016

XIII Festival de Cans

Redacción.- 

O Festival de Cans presentou o programa da súa décimo terceira edición, que se desenvolverá do 18 ao 21 de maio na aldea do Porriño da que toma o seu nome con 18 curtametraxes e outros tantos videoclips galegos a concurso. Ademais, os concertos volverán ocupar un espazo destacado nesta carteleira, que lle ofrecerá aos asistentes máis de 20 actuacións e 30 horas de música.

Os responsables do encontro adiantaron hoxe as principais novidades e citas deste ano no transcurso dun acto no que estiveron acompañados polos representantes das diferentes entidades patrocinadoras e colaboradoras, como a alcaldesa do Porriño, Eva García; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

Na súa intervención, Sutil explicou que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve apoiar esta programación, á que achega 22.093 euros a través da última convocatoria de subvencións da Agadic a festivais audiovisuais. Subliñou igualmente a singularidade do Festival de Cans, que en cada nova edición consigue concitar o interese e a complicidade dos profesionais e dos espectadores arredor dun programa ao que se incorporan progresivamente novos contidos, sen perder de vista o seu obxectivo principal: “O da difusión, o impulso e o incentivo da realización de curtametraxes en Galicia, que actualmente son moitas e moi talentosas”, sinalou.

Implicación da veciñanza
O director da Agadic tamén gabou este encontro como exemplo do que debe ser a colaboración entre o sector público e o privado cara ao desenvolvemento e a consolidación de propostas culturais a longo prazo. “E isto –continuou– coa activa participación da cidadanía, unha implicación que, no caso de Cans, se eleva ao seu máximo expoñente, ata o punto de que nos veciños e veciñas deste lugar descansa o segredo do seu éxito”.

Entre as novidades desta décimo terceira edición, a organización incidiu nas funcionalidades e contidos que estrean varios dos seus espazos emblemáticos. A Leira de Alicia, por exemplo, pasa a ter programación continua nos dous días centrais do evento e acollerá diferentes actuacións musicais, entre as que destaca o concerto de Iván Ferreiro, así como encontros con todos os curtametraxistas da sección oficial.

Jaliñeiro Arena
Inaugurarase, ademais, o Jaliñeiro Arena cun espectáculo que combina música e danza contemporánea da man de Mercedes Peón e Janet Novás. Este novo escenario situarase na chamada Zona Multiúsos, que acolle a programación audiovisual, musical e as ‘performances’ do Jaliñeiro Clásico. Este ano haberá tamén unha nova sección gastronómica coa proxección de ‘El equilibrio de los opuestos’, un documental sobre as peripecias do cociñeiro Javier Olleros, quen preparará unha tapa especial deseñada para o festival e elaborada con produtos da parroquia.

En canto á sección oficial a concurso, entre as 18 curtametraxes seleccionadas atópanse os últimos traballos dalgúns creadores que xa son habituais do festival, así como de directores galegos asentados en Bruxelas, Londres, Lisboa, Madrid ou Barcelona, entre outras cidades.

Animación
Sobresae nesta escolma a recuperación da animación con filmes de realizadores e debuxantes consagrados ao carón dunha nova xeración de autores saídos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A selección de videoclips reflicte igualmente unha gran diversidade, entre a que este ano destaca unha ampla presenza de fitas asinadas por mulleres.

Haberá lugar, así mesmo, para as longametraxes coa estrea de ‘Psiconautas’, o filme de animación co que Alberto Vázquez e Pedro Rivero culminan o camiño iniciado coa curta ‘Birdboy’, gañadora en Cans en 2011 e Goya á mellor curtametraxe de animación en 2012. Completarán esta sección varios documentais e o filme de animación para público familiar ‘Maimiño’.

Como en anos anteriores, Cans reunirá destacados profesionais do audiovisual galego para compartir cos asistentes os seus proxectos inmediatos e despregará un amplo cartel musical, no que figuran ademais Os Diplomáticos de Monte Alto, Novedades Carminha, Delafé, De Vacas, Family Folks e Zurrumalla, Cintaadhesiva, Camarada Nimoy e Best Boy, entre outros.

07/05/2016

Ángel Felpeto entra no Goberno manchego

Redacción.- O presidente de Castilla-La Mancha, Emiliano García-Page, nomeou ao vilalbés Ángel Felpeto Enríquez como novo conselleiro de Educación, Cultura e Deportes en substitución de Reyes Estévez, ata agora no cargo.


Segundo informa o Goberno manchego, García-Page asinou hoxe o decreto de cese nas súas funcións da conselleira de Educación, Cultura e Deportes, Reyes Estévez, e, ao mesmo tempo, o de nomeamento do novo titular deste área, que tomará posesión mañá venres, a partir das 11 horas, no Pazo de Fuensalida de Toledo, sede da Presidencia do Goberno de Castilla-La Mancha.



Felpeto, nado en Vilalba en 1947, ademais de ser profesor durante toda a súa vida (agora xubilado), é un histórico na xestión da educación na Comunidade manchega. Así mesmo, é irmán de Chema Felpeto, directivo do Instituto de Estudos Chairegos e colaborador habitual de A Voz de Vilalba.

Foi delegado de Educación en tempos dos gobernos de José Bono e de José María Barreda na provincia de Toledo e logo Emiliano García-Page, sendo alcalde da capital rexional, incluino no seu executivo local outorgándolle nin máis nin menos que a vicealcaldía da cidade. 



Felpeto tamén foi concelleiro responsable nas áreas de educación e cultura e formou parte das quinielas para ser o candidato á alcaldía de Toledo polo PSOE nas pasadas eleccións de maio de 2015, algo que el mesmo rexeitou malia os desexos de moitos militantes socialistas e do propio secretario xeral do PSOE na rexión e hoxe presidente de Castilla-La Mancha.


05/05/2016

As orixes de Compostela

Redacción.-

O Consorcio de Santiago e Alvarellos Editora acaban de publicar unha nova edición actualizada e revisada de “Los orígenes de Compostela. Una historia dibujada” do arquitecto Arturo Franco Taboada. Mañá mércores, 4 de maio, preséntase na sede compostelá da Fundación Torrente Ballester, ás 19:30 horas. Ademais do autor, asistirán o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a xerente do Consorcio, Belén Hernández; e o director da editorial Alvarellos, Henrique Alvarellos.

03/05/2016

Axudas ás bibliotecas dos concellos

Redacción.-

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de convocar as axudas aos concellos para a dotación de novidades editoriais en galego e en formato físico nas bibliotecas e axencias de lectura municipais integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia.

Con esta liña de subvencións, o departamento de Cultura do Goberno galego axuda a que os concellos actualicen as súas coleccións bibliotecarias e as enriquezan coa incorporación de materiais novos que contribúen a mellorar a calidade do servizo e a satisfacer as demandas dos usuarios e usuarias destes espazos. Ademais, fomenta a edición de libros publicados en galego, así como a promoción da lectura entre a cidadanía.

En función do número de habitantes
Para tal fin a Consellería habilita este ano unha contía de 300.000, que se repartirá en función do número de habitantes de cada concello solicitante. Cómpre salientar que son axudas en concorrencia non competitiva, isto é, que se atenderán todas as solicitudes recibidas sempre que cumpran cos requisitos esixidos na Orde que se publica no DOG de hoxe (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160425/AnuncioG0164-110416-0001_gl.html) .

Poderán optar a estas axudas todos os concellos que sexan titulares de bibliotecas ou axencias públicas integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia e que estean ao día nas súas obrigas tributarias. Entre outros requisitos a cumprir tamén deberán abrir ao público un mínimo de 15 horas semanais e ter informatizada a súa xestión. Os fondos bibliográficos obxecto de subvención deberán estar incorporados á plataforma electrónica novidadeseditoriais.xunta.gal, e ser seleccionados e recibidos por cada concello beneficiario.

A presentación de solicitudes deberá formalizarse exclusivamente por medios electrónicos a través da sedehttps://sede.xunta.es, e o prazo remata o día 26 de maio.

Plataforma dixital
Así mesmo, o pasado venres publicouse no DOG (que pode consultarse no enlacehttp://www.xunta.es/dog/Publicados/2016/20160422/AnuncioG0164-110416-0003_gl.html ) a resolución para que as empresas editoras participen como entidades colaboradoras para dotar de novidades editoriais ás bibliotecas municipais.

A este respecto ponse en marcha un sistema de adquisición dos libros editados como novidades editoriais a través dunha plataforma dixital electrónica, que facilitará a imediatez da subministración do material bibliográfico ás entidades solicitantes.

Toas as entidades participantes deben ter a condición de editoras de libros e inscribirse na plataforma novidadeseditoriais.xunta.gal. As novidades editoriais ofertadas deben cumprir cunha serie de requisitos como que sexan publicacións en lingua galega en formato impreso, que teñan unha primeira edición entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 1 de outubro de 206, que non superen os 70 € (IVE incluído) de prezo de venda ao público, e que non sexan libros de texto.

A través da mencionada plataforma dixital tramitaranse os pedidos a cada unha das editoriais titulares de cada libro seleccionado polo concello respectivo, e serán as propias editoriais as que se encarguen do envío dos libros a cada solicitante, custos incluídos, nun prazo máximo de 15 días. Posteriormente, a Consellería -a través da Secretaría Xeral de Cultura- aboará ás editoriais os correspondentes pagos previa xustificación de gasto.

02/05/2016