Nace "Olga", voceiro do Grupo Bilbao

Manuel París.- O Grupo Bilbao de escritores galegos afincados en Madrid ultima a xestación de Olga, a súa Revista de poesía galega na capital do Estado. Hai uns días, o equipo responsable da súa edición e redacción daba luz verde á impresión do seu primeiro volume, que constitúe unha antoloxía da obra literaria dunha quincena de poetas galegos residentes na capital de España.

Todos eles son membros do faladoiro mensual que o Grupo Bilbao realizou ininterrumpidamente no emblemático Café Comercial de Madrid -radicado na Glorieta de Bilbao, da que toma o seu nome o grupo- desde 1996 ata o 27 de xullo de 2015. Entón, o grupo asistiu á sorprendente pechadura deste emblemático local, fundado en 1887 e outrora frecuentado por escritores tan ilustres como Antonio Machado, Blas de Otero, Gabriel Celaya, Gloria Fuertes, José Hierro, José Manuel Caballero Bonald, Luis García Montero ou Ana Rosseti. Tras o peche do Comercial, as xuntanzas continuaron cada último sábado de mes; agora, na Cafetería Santander, moi próxima á Glorieta de Bilbao.

Nas páxinas da revista Olga fan uso da lingua galega como antorcha os seguintes escritores galegos afincados en Madrid: os chairegos Miguel Barrera e Rafael Yáñez, Vicente Araguas, Fermín Bouza, Xosé Galán, Yolanda López, Verónica Martínez, Pilar Mera, Claudio Pato, Manuel Pereira Valcárcel, Luz Pichel (no seu día Premio Esquío de Poesía), Begoña Regueiro, Xosé Soto, Lidia Teixeiro e Sabino Torres. A nova publicación nace coa pretensión de que a literatura galega deixe a súa impronta -a pegada na neve que significa "olga" en galego- na vida cultural madrileña.

29/06/2016

A viaxe a Santo André da Xeración Nós

Manuel París.- O restaurante compostelán Mesón de Lázaro acollerá o vindeiro xoves 30 de xuño a presentación do libro De camiños, viaxeiros e caminantes (Vigo, Editorial Galaxia, 2016), de Santiago Lamas e Alfonso Mato. Este último será o protagonista das Noite(s) Xove(s), un evento no que diserta un convidado de prestixio sobre cultura e actualidade informativa, cun produto gastronómico de tempada como desculpa para a xuntanza e mailo posterior debate. O prezo do menú, elaborado especialmente para a ocasión, é de vinte euros.
Esta “maridaxe de gastronomía e cultura”, así calificada por Pepe Mata, propietario do Mesón de Lázaro, está coordinada polos xornalistas Moncho Paz e Fermín Galindo, e nesta ocasión contará coa presenza do escritor e filósofo Antón Baamonde, que será o encargado de presentar a Alfonso Mato e contextualizar a época histórica do primeiro terzo do século XX.
Alfonso Mato (Ribadavia, 1956) é historiador e documentalista. Traballou no Instituto Galego de Información, baixo a dirección de Isaac Díaz Pardo e actualmente colabora en varios proxectos da sección de Ciencias do Consello da Cultura Galega. É autor de diversas publicacións sobre a historia cultural galega do primeiro terzo do século XX, como O Seminario de estudos Galegos (2001) e a edición do libro Ánxel Casal: un editor para un país: Catálogos de Lar e Nós (2007).
En xullo de 1927, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Ben-Cho-Shey camiñaron dende Ourense a Santo André de Teixido, no cabo do mundo. En De camiños, viaxeiros e caminantes, galardoado co premio de ensaio Ramón Piñeiro 2015, os autores desenvolven unha reflexión suxerente sobre o significado cultural das viaxes, sobre a relación entre camiño e literatura, movemento e lectura. E tamén sobre os peregrinos, paseantes, guías de viaxe, turistas e vagabundos literarios, ademáis das actuais e, nalgúns casos, perversas formas de camiñar. Desde a actualidade, o libro dialoga coa Galicia de comezos do século XX mediante un estilo aberto e rico, seguindo o ronsel do ensaio e da digresión e da digresión que descubriu e practicou con singular brillantez Michel de Montaigne.

28/06/2016

Crise política na Deputación de Lugo


Redacción.- Compareceron hoxe en rolda de prensa, diante da Deputación de Lugo: Antonio Veiga, vicepresidente da entidade; Xosé Ferreiro, voceiro do BNG; Bieito Lobeira, responsábel da área do organización do BNG e Noa Presas, responsábel da área de política institucional da forza nacionalista, para dar conta da decisión adoptada onte pola executiva nacional do BNG e para informar da entrega dun escrito na secretaría da Deputación de Lugo na que os deputados do BNG renunciaban a todos os cargos e reponsabilidades de goberno nesta Deputación e nos órganos correspondentes.
Antonio Veiga sinalou que os orzamentos aprobados onte son “as prevendas do PP apoiados polo PSOE e polo tránsfuga Manuel Martínez” e engadiu que “a provincia estivo paralizada polos intereses dun partido político e dun tránsfuga”. O BNG está nas institucións para favorecer o interese xeral “dende o gobernó ou dende a oposición”. Veiga indicou que “o BNG non estivo na fotos das Azores que se produciu onte na Deputación e non imos ser participes da política de chantaxes que algún pretenden imponer”.
Xosé Ferreiro afirmou “a satisfacción polo traballo feito na Deputación durante estes anos” e aclarou que “o BNG está nas institucións para tentar transformar a sociedade e non para ocupar sillas nin pisar moquetas”. Ferreiro indicou que “os papeis quedaron nas mesas e os ordenadores acesos porque o BNG non ten nada que ocultar sobre a súa acción de goberno” e recalcou que “nós non formateamos nin pisoteamos os discos duros como fixo o PP despois do seu paso polo goberno provincial”. Ademais Ferreiro destacou a coherencia do BNG na Deputación de Lugo e dixo que “defenderemos o mesmo na oposición que defendemos no goberno”.
Bieito Lobeira, responsábel da área do organización do BNG, manifestou o “respaldo político da dirección á decisión do grupo provincial na Deputación de Lugo” e puxoos como “exemplo de coherencia e dignidade” ademais de indicar que “o BNG non participa en repartos de cartos e sillóns”. Lembrou que “o pacto asinado polo BNG e o PSOE ficou en papel mollado e por iso o BNG tomou esta decisión”.

________________________
Antonio Veiga, á dereita, o día da toma de posesión (Arquivo AVV)

"Sorpasso" popular

Manuel París.- Incrible, pero certo. Ao final o "sorpasso" foi de Mariano; e o tanto ao seu favor vai para Moragas, o seu xefe de gabinete e tamén de campaña, que negociou ben o debate a catro e as sondaxes previas. Non esquezamos que as enquisas inflúen no resultado e no electorado; en concreto, serviron para mobilizar aos seus votantes e insuflar medo aos indecisos. A estratexia de sempre. No caso de Galicia, os resultados foron unha vitoria persoal de Feijóo, aínda que atendendo á extrapolación de datos precise do apoio de Ciudadanos para gobernar. E a situación de Andalucía, xa non digamos: Susana Díaz terá que tragarse as súas palabras e os seus xestos, mentres Pedro Sánchez sae reforzado, a pesar de obter o peor resultado da historia do PSOE. A esquerda terá que reflexionar (e moito, ademais). De novo, esquecéronse de mobilizar aos seus insistindo na importancia de votar na elección do Senado, mentres os militantes e simpatizantes do PP acudiron en masa, outorgándolle unha nova maioría absoluta á forza conservadora na Cámara Alta.

Os vellos comunistas non lle perdoaron a Pablo Iglesias que falase en nome da "nova" socialdemocracia durante toda a campaña; tampouco que non baixase á rúa, obsesionado con facer campaña desde as televisións. De feito, o primeiro que fixeron a noite electoral en Atocha foi amosarlle a bandeira coa fouce e o martelo, xunto á tricolor republicana. A sorpresa -e certa incomodidade- foi patente nalgúns dirixentes de Podemos, non afeitos nos seus mitins a estes emblemas, que colisionan coa estética e a posta en escena dos seus actos, afastada da identificación na esquerda e baseada no concepto "transversalidade". Hai que lembrar agora o aviso de Cayo Lara a Garzón, tralo pacto con Podemos: “Alberto, vaime a custar votar nestas eleccións”. Esta coalición resultou unha auténtica decepción: nin multiplicou o número de votos -ao contrario, perdeu  no camiño máis dun millón- nin gañou un escano adicional aos que tiñan antes por separado. Un complexo encaixe de bolillos que terán que resolver; de entrada, xa encargaron un estudo demoscópico. Estanse a parecer máis aos representantes da “vella política” do que eles pensan.

Helena Villar escritora na súa terra

Redacción.-

A Asemblea de Socias/os da AELG aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2016 a Helena Villar Janeiro. Entregaráselle en Rianxo o 25 de xuño, na que será a vixésimo segunda edición.

Escribir, tirar do fío para dispoñelo en urdas, para pasar a trama, para facer a tea: tecer. Tecer a vida cara adiante como as hedras da clepsidra poboan o tempo que flúe. Tecer a vida cara atrás como quen remonta o río e volve a onde só a palabra recupera os instantes. Recoller palabras de noso, tal abelorios, e nomear o mundo igual que se bordara as formas dos soños que fabula. Tiña que ser así porque Helena medrou entre fíos na xastrería familiar, primeiro ensino, primeiro ateneo, onde se recitaban os clásicos, se interpretaba bel canto e desfilaban historias e personaxes, segundo ela mesma refire. 

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega en 2016 á súa XXII edición recaendo na figura de Helena Villar Janeiro, que será homenaxeada no Concello de Rianxo, a terra que ela elixiu para vivir os solpores da ría de Arousa.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as  procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Caxigueiro), a plantación dunha árbore simbólica (un loureiro elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.

 

Programa

11.30h (Paseo Marítimo no Peirao de Sete Fogas)

Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do loureiro (árbore simbólica da escritora). Interveñen:

Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELGAdolfo Muíños Sánchez, Alcalde de RianxoHelena Villar Janeiro

 

Acto de entrega da "Letra E" (Escola da I República - Cuartel vello) Interveñen:

Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde de RianxoMercedes Queixas Zas, Secretaria xeral da AELGCesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELGMarica Campo: Laudatio

Entrega da peza escultórica do artista Caxigueiro

Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de Helena Villar Janeiro     

 

14.00h Xantar no Pazo de Rianxiño

Xantar de confraternidade. Aberto aos/ás socios/as da AELG, á veciñanza de Rianxo e demais persoas interesadas.

O prezo por persoa é de 30€, que se pagarán no propio restaurante nunha mesa que habilitaremos ao efecto. As prazas no restaurante son limitadas: agradecemos que fagas a túa reserva canto antes. De estardes interesados/as en asistir ao xantar confirmádenolo chamando até as 14.30 do venres 17 de xuño ao teléfono 981 133 233 ou enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org.

 

Nota: O traxecto desde o Peirao de Sete Fogas  até o Pazo Rianxiño pódese facer a pé en 15 minutos 

 

23/06/2016

Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

Redacción.-

A Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia presentou a programación da súa trixésima segunda edición, que se desenvolverá do 15 ao 24 de xullo coa participación de 20 compañías procedentes de Lituania, Francia, Arxentina, Chile e diferentes puntos de Galicia e do resto de España. Ademais de reforzar a súa dimensión internacional, este ano o encontro concederá un especial protagonismo ás olladas femininas a través dos traballos de actrices como a arxentina Laura Nevole, a madrileña Eva Rufo, a sevillana Carmen Gallardo ou as galegas Mabel Rivera, Belén Constenla e Patricia de Lorenzo.

O encontro volve contar co apoio, entre outras entidades, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O seu director, Jacobo Sutil, participou xunto co alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, e o director artístico da MIT, Roberto Pascual, na presentación que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, e na que se detallaron os principais eixos desta carteleira.

A Xunta de Galicia mantén a súa achega de 60.000 euros a través dun convenio de colaboración asinado co Concello de Ribadavia, mediante o que se recoñece o carácter histórico da mostra, así como a súa capacidade para se adaptar tanto ás demandas do público como ás propostas escénicas do século XXI. Así o explicou o director da Agadic, quen subliñou así mesmo o labor da MIT no ámbito da produción, que se materializará na coprodución galego-portuguesa de ‘O conto de inverno’, de William Shakespeare, baixo a dirección de Marcos Barbosa e coa participación do Centro Dramático Galego. Este espectáculo, que ten prevista a súa estrea no mes de outubro en Aveiro, poderá verse en Ribadavia en 2017.

Resolución da convocatoria de subvencións
Jacobo Sutil enmarcou a colaboración coa Mostra Internacional de Teatro no programa de apoio da Agadic a eventos considerados estratéxicos para as industrias culturais, do que tamén forma parte a convocatoria anual de subvencións para festivais de artes escénicas e de música. Neste sentido, anunciou que hoxe tamén se fixo pública na web www.agadic.gal a resolución destas axudas, a través das que se adxudica un total de 170.000 euros a outras nove mostras: o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, o Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), o Festival Internacional de Títeres Galicreques, o Festival de Títeres de Redondela, o Festiclown de Vilagarcía, o Corpo(a)terra de Ourense, o Festival de Teatro Galego do Carballiño e a Mostra de Teatro de Cariño.

A memoria, a violencia, a palabra e a arte son os principais eixos temáticos ou motivos recorrentes a partir dos que a organización da MIT deseñou a súa programación de 2016, na que un dos pratos fortes será a presentación en Galicia do traballo de Oskaras Koršunovas, director do Teatro Municipal de Vilna, en Lituania. Koršunovas dirixe a posta en escena de ‘A gaivota’, de Chejov, espectáculo xurdido a raíz dos laboratorios desenvolvidos tanto no seu espazo como no Colexio de Teatro da Bienal de Venecia.

Nesta oferta internacional, destaca tamén a mestura de cómic, vídeo e teatro da veterana formación chilena TeatroCinema, dirixida por Juan Carlos Zagal, que chegará a Galicia coa montaxe ‘Historia de amor’.

Aniversario de Matarile Teatro
Como en edicións anteriores, a escena galega continuará tendo unha importante presenza nesta carteleira, que este ano concede un especial protagonismo a Matarile Teatro con motivo do seu trixésimo aniversario. A compañía de Ana Vallés e Baltasar Patiño exhibirá en Ribadavia ‘El cuello de la jirafa’, ‘Teatro invisible’ e ‘Antes de la metralla’. Esta última proposta está pensada como un encontro escénico entre diferentes profesionais do panorama artístico estatal, que se concretará nun espectáculo aberto e en evolución para se adaptar aos espazos e festivais nos que se presente trala súa estrea en Ribadavia.

Cada 1 de xuño...

Moncho Paz.- Cada 1 de xuño sempre lembro o mesmo día, pero do ano 1976. Non sei cal é a razón, pero todos os primeiros días de xuño son soleados, non me estraña que o declarasen “mes do medio ambiente”. O 1 de xuño de 1976 saín de casa para dirixirme ao colexio e, como cada mañá, parei na tenda do meu pai a buscar o avituallamento de media mañá, que nesa ocasión era un paquete de galletas sandwich recheas de fresa, non caio agora na marca. 

O colexio era o único que tiñamos en Vilalba naquela época, que despois sería coñecido como o nº 1 e máis tarde rebautizado como o Mato Vizoso, en recoñecemento da figura do erudito local e fundador de El Eco de Villalba. Todos os anos, cada 1 de xuño, revivo aquela mañá luminosa que anunciaba o verán, pois achegábase o final de curso e as agardadas e case interminables vacacións, que remataban coas festas de San Ramón. Unha infantil sensación de felicidade elevada á X potencia, coma se dun cálculo matemático se tratara.

Choveu moito desde entón. Tanto que hoxe, corenta anos despois, parece un día apropiado para bucear no tempo e facer un 'revival' do que aconteceu naquel afastado 1976:

· Juan Carlos e Sofía visitaban Vilalba no mes de xullo e tamén caía na nosa vila o premio Gordo (número 49764) da Lotería de Nadal 
· Jimmy Carter gañaba as eleccións en Estados Unidos
· Tras realizar o seu primeiro voo, entraba en servizo o Concorde, avión supersónico
· Peter Piot analizaba nun laboratorio belga as primeiras mostras do virus Ébola, procedente de Zaire
· Morrían máis de 500 manifestantes nunha protesta en Soweto contra o Goberno do Apartheid
· Adolfo Suárez era nomeado presidente do Goberno español
· Alzamento militar en Arxentina contra María Estela Martínez de Perón, asumindo a presidencia Jorge Rafael Videla, por medio dunha xunta golpista
· Inauguración en Toronto da CN Tower, unha das máis altas do mundo
· Fundación de Apple Computer Company por Steve Jobs, Stephen Wozniak e Ronald Wayne
· A nave estadounidense Viking1 chegaba a Marte
· O terremoto de Tangshan en China deixaba 242.000 mortos; está considerado o segundo máis letal da historia
· Fidel Castro chegaba á presidencia en Cuba, tras 17 anos como primeiro ministro
· Descubrían en Kenia o cráneo dun Homo Erectus de máis de 1,5 millóns de anos de antigüidade
· Diego Armando Maradona debutaba en Primeira División con Argentinos Juniors, cuxo estadio leva hoxe o seu nome
· Nadia Comanecci lograba o seu primeiro 10 perfecto nos Xogos Olímpicos de Montreal
· As sex symbol do momento eran Farrah Fawcett, Faye Dunaway, Lynda Carter, Cheryl Tiegs e Christie Brinkley
· As películas máis vistas foron Rocky, Taxi Driver, Todos os Homes do Presidente, Alguén voou sobre o niño do cuco, A fuga de Logan, A Profecía, Carrie, Casanova e King Kong
· O gran Raymond Carver publicaba "Queres facer o favor de calar, por favor?"
· Still Crazy After All These Years, de Paul Simon, levou o Grammy ao mellor álbum
· Formábanse as bandas U2 e The Clash
· Escoitábanse os "hits” de ABBA, con Dancing Queen e Money, money, money; Dirty Deeds Don´t Dirty Cheap, de AC/DC; Desire, de Bob Dylan; Take the heat off me, de Boney M; Hotel California, de Eagles; Oxygène, de Jean-Michel Jarre; Somebody to Love, de Queen; e Blitzkrieg bop, de Ramones
· As series de TV con máis audiencia eran Os Anxos de Charlie, Baretta e MASH
· Nacían Tim Duncan e Kevin Garnett, famosos xogadores da NBA
· Deixábanos Agatha Christie
· Triunfaban os chicles Cheiw
· Adeus a Mao Zedong e á súa “Revolución Cultural”.


Iso é todo, amigos (“That's all folks”, Bugs Bunny dixit). Madrid, 1 de xuño de 2016.

P.D.- Tras publicar esta reflexión en Facebook, Sabela Núñez Singala mandoume a seguinte mensaxe: “Se cadra lembras especialmente o 1 de xuño porque supoñía tamén un cambio de horario na xornada escolar, clases só pola mañá e unhas tardes longas e libres para xogar. Sen pretendelo, leváchesme ata a miña infancia tamén. Grazas, Moncho”. Deches no cravo, Sabela; por fin sei cal é a razón. Grazas a ti. Bicos.

22/06/2016

XVI Ruta Chairega

Redacción.-

O domingo, día 19 de xuño de 2016 o Iescha organiza a XVI RUTA CHAIREGA que percorrerá nesta ocasión as terras de Begonte, Rábade e Outeiro de Rei pola Ruta das Insuas. Haberá servizo de guía contratado polo Iescha.

A ruta das Insuas de Rábade, Outeiro de Rei e Begonte comezariámola no Centro de Interpretación da Casa das Insuas; camiñariamos pola beira do Miño para introducírmonos nas Insuas; chegariamos a Cela, atravesariamos as Insuas, visitariamos a desembocadura do Támoga no Miño, e volveriamos a Rábade polo camiño agrícola e por pistas, chegando ao punto de inicio. Logo, poderemos ver a fonte da Pinguela, o Pazo de Mirapeixe, as casas grandes de Santa Mariña, o Pazo dos Gaioso, o cemiterio onde está o Manuel María soterrado, ata chegar á Carballeira de Santa Isabel. Case todo o percorrido é pola zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño.
Ao finalizar a ruta, na propia Carballeira de Santa Isabel e sobre as tres da tarde, terá lugar a comida, nesta ocasión servida polo Catering Terra Chá, a base de entrantes variados, churrasco, sobremesa, cervexas, viño, gasosa…
A media tarde, efectuaremos a visita á CASA-MUSEO MANUEL MARÍA, en Outeiro de Rei. A cuota que haberá que pagar será de 25 € por adulto (menores acompañados, 5€) (inclúe a comida, autobús, guía…).

O traslado dos participantes farase en autobús dende Vilalba deica o inicio da ruta, saíndo das inmediacións da Pravia (Casa da Cultura) ás 9:30 horas e retornando á tardiña.

Os/as interesados/as poden apuntarse contactando con calquera membro da Xunta Directiva do IESCHA (directamente ou por teléfono), ou por correo electrónico (estudoschairegos@gmail.com), como moito.

17/06/2016

Biblioteca "Agustín Fernández Paz"

Manuel Bragado.-

Viaxei na tarde do luns 6 de xuño a Vilalba para participar no acto de inauguración da Biblioteca Agustín Fernández Paz do IES Basanta Silva que este ano celebra o seu cincuentenario. Un acto escolar ben fermoso, unha homenaxe literaria ao autor das Fontiñas no seu propio barrio, coa memoria das abidueiras sempre presente. As intervencións musicais e literarias do alumnado debuxaron un retrato humano e literario moi atractivo e acaído de Agustín, a quen o centro acordou poñer o nome da súa revitalizada biblioteca. Emocionante foi a atención coa que o alumnado seguiu a mensaxe gravada na que Agustín en cinco minutos expresou a súa gratitude e contou algunha das súas andanzas de pícaro nas terras onde se construíu o edifico do instituto nos anos sesenta. O magnífico acto do IES Basanta de Vilalba, onde só escoitei falar galego, algo hoxe sorprendente, amosa que como dixo Agustín “unha biblioteca é unha luz”; como demostra o papel dinamizador da biblioteca escolar na vida dun centro e a gran calidade de moitos dos traballos literarios que se realizan nos nosos centros educativos. Cando saín, chamei decontado a Agustín para contarlle esta marabilla.

Texto lido na rede en Aelg.

13/06/2016

Presentouse 'Valuria' de Xosé Otero Canto

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos organizou o vindeiro venres, día 10 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do poemario de Xosé Otero Canto“Valuria”, editado pola AC Xermolos e a Irmandade Manuel María, con prólogo de Felipe Arias e ilustracións de Anxo Grande.

No acto interviron:
Xosé Otero Canto
Xulio Xiz Ramil
Alfonso Blanco Torrado
Xosé Manuel Carballo Ferreiro
Manuel Castro Santamariña

En palabras de Felipe Arias, prologuista do libro: “(…) estamos diante dun autor e dun home que, como vulgarmente se di, “non para”; trátase dun coñecido, e recoñecido, poeta chairego pero é moito máis que iso; un escritor prolífico, un argalleiro das palabras, un profesor vocacional e, ademais, un impagable recitador e estupendo orador. Xosé Otero Canto, aínda por riba, segue a riola de tantos ilustres paisanos seus das beiras do Alto Miño, algúns deles da mesma Ponte de Outeiro coma el, e é, por tanto un referente literario da comarca -a xeográfica e real non a administrativa- da Terra Chá. (…)
Para Xosé Otero Canto, todo este mundo da Valuria sérvelle, e ben ó xeito, para compoñer un rico poemario, cheo de referencias históricas, patrimoniais e etnográficas que veñen moi a conto, e que nos introduce na chamada intrahistoria dunha comarca como a Terra Chá. Unha ollada ó índice desta obra comprobaranos este aserto.”

BioBlitz Insuas do Miño

Redacción.-

O 18 de xuño do 2016 calquera que o desexe pode participar no BioBlitz das Insuas do Miño, un dos maiores espazos en custodia do territorio de Galicia.

Un BioBlitz (BioLóstrego) consiste nunha xornada de campo co obxectivo de descubrir a maior cantidade de especies que habitan un determinado lugar. As Insuas do Miño son un lugar excepcional para realizar esta actividade debido á gran biodiversidade que se pode atopar nas súas ribeiras, bosques e prados, xa que se encadra na cunca alta do río Miño, cerne do ZEC Parga-Ladra-Támoga e da Reserva da Biosfera de Terras do Miño.

As Insuas do Miño son un dos maiores espazos en custodia do territorio de Galicia con máis de 100 ha de bosques e prados propiedade da Deputación Provincial de Lugo e que a AGCT xestiona mediante un acordo de custodia.

Durante esta actividade, os participantes poderán ir na procura da maior cantidade de especies de flora e fauna que habitan as Insuas e realizarase un inventario completo da súa biodiversidade. Tamén faranse fotografías das especies que non se poidan identificar para poder subilas á plataforma de Biodiversidade Virtual para a súa identificación por expertos.

Inscricións en:
http://bit.do/BioBlitzInsuas
Máis info en: custodiadoterritorio@gmail.com/630-94.82.93.

10/06/2016

As Irmandades da Fala en Vilalba

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), ORA Galega e iFala propoñen unha xornada de celebración con motivo do centenario da fundación das Irmandades da Fala.

Será o vindeiro sábado, 11 de xuño, cando o bus das Irmandades da Fala (iFala) se achegue a Vilalba - onde se constituira en novembro de 1916 a quinta Irmandade da Fala, seis meses despois da primeira na Coruña- para ofrecer a posibilidade de visitar unha exposición conmemorativa das Irmandades ou acceder mediante as novas tecnoloxías a diferentes actividades: unha aplicación móbil, unha páxina web… Tamén se poderá escoitar unha canción interpretada en clave colectiva por Isabel Risco, Sés, Poetarras, De Vacas, Leo e David Amor, entre outras persoas.

O bus de dous niveis situarase ao pé do templete da Praza da Constitución e poderá visitarse, de balde, entre as dez da mañá e as dúas do mediodía e dende as cinco da tarde ás oito do serán.

Completan as actividades culturais diversas propostas do IESCHA. Pola mañá intercalaranse as actuacións de Buxos Verdes coa lectura continuada de poemas e outros escritos de varios "irmáns da fala". Á unha do mediodía será a quenda da actuación do grupo vilalbés Irmandades do Falo.

Xa pola tarde, entre as seis e as sete, desenvolverase o "Paseo das Irmandades" visitando as casas nas que viviron os confundadores da Irmandade da Fala de Vilalba, Lois Peña Novo e Antón García Hermida; e Manuel Mato Vizoso e Carmiña Prieto Rouco.

09/06/2016

'Rara avis' na Casa das Insuas

Redacción.-

O vindeiro venres 10 de xuño ás 20:30 horas na Casa das Insuas, Lila Teatro presentan a súa función "Rara Avis", un diálogo teatralizado, apto para todos os públicos, que ten como fío argumental ao cuco (Cuculus canorus), unha especie de ave, moi coñecida por todos, que co seu canto pon son á primavera, pero cunhas pautas de comportamento moi especiais no mundo animal.

Este evento non conta con ningún tipo de financiamento polo que establecemos un donativo mínimo de 5 euros por asistir, 3 euros para os nenos.

Ao final do espectáculo, poderase charlar coas artistas, compartindo uns petiscos aportados por todos os asistentes...

08/06/2016

Perigo para os frescos dos Vilares

Redacción.-

A Asociación Sociocultural "Lareira de soños"  alerta sobre o perigo de desaparición definitiva dos frescos da igrexa dos Vilares. Por iso, presentará unha memoria da preocupante situación das pinturas á igrexa e á Deputación e un proxecto de restauración elaborados por expertos.

Incidirá en que se acometan os traballos o antes posible debido ao lamentable estado das importantes pinturas murais.

Estado de conservación:

San Vicenzo dos Vilares é unha igrexa coñecida por celébrar a popular romaría da Virxe dos desamparados.

As orixes do templo datan do s. XII, se ben os restos románicos redúcense aos muros laterais da nave con varios canecillos, sendo a fachada principal do XVIII.

No exterior o conxunto está formado un atrio murado con baixo muro de pedra granítica, con cruceiro, dúas pilas bautismales e un sarcófago. Támén existe un Calvario nas inmediacións.
No interior ten catro retablos neoclásicos e un barroco con tallas dos ss. XVII e XVIII, aínda que destacan especialemnte os restos de pintura mural ó fresco do S.XVI, que forman un ciclo ó longo dos muros da nave, con distintos temas, como o do enterro do Conde Orgaz.

O estado xeral de conservación é verdadeiramente moi malo. A gravedade acelerada e activa dos axentes de deterioro, provoca en primeiro lugar o risco de desprendemento das pinturas murais, polo que urxe imperiosamente proceder á sua restauración, xa que de acabar caendo, a súa pérdida sería irreversible.
Ademáis deste perigo urxente de resolver, o seu aspecto sucio e abandonado desvirtúa a súa calidade como elemento singular e moi visible de este templo de San Vicenzo dos vilares, centro de peregrinaxe senlleiro.
En conclusión podemos dicir que se está a perder un ciclo mural ao fresco de gran relevancia artística é histórica para a provincia de Lugo.

É por esto que a Asociación Sociocultural Lareira de soños puxose xa en contacto cos responsabeis da diócese Mondoñedo-Ferrol e coa área de Cultura da Deputación de Lugo para presentarlles un proxecto de restauración dos frescos antes de que cheguen a un estado que faga imposible a súa recuperación. Ademáis da iconografía relixiosa nomeada antes, a contorna da igrexa conta con importantes elementos patrimoniais como a casa escola habanera, os vellos cobertizos da antiga Feira do Sete, o pozo de Tabaco, a taberna do sindicato, o castro...

Faise urxente, polo tanto, acometer con urxencia a restauración dos frescos da igrexa para continuar despois con outros elementos fundamentais para esta parroquia e para a comarca chairega. A Lareira de soños ten encargado tamén un proxecto para a restauración dos cobertizos da feira que presentaremos tamén ás institucions cando esteña rematado.

07/06/2016

14ª Mostra de Arte Gas Natural Fenosa

Redacción.-

Xa están dispoñibles na web do Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa (MAC) as bases da 14ª Mostra de Arte Gas Natural Fenosa, unha cita bianual que desde 1989 deu forma á colección de arte contemporánea do museo e apostado polos novos valores artísticos.

Presentándoa á Mostra, a obra de calquera artista podería incluírse nunha exposición colectiva que se inaugurará en setembro de 2016, e optar ademais a un dos catro importantes premios que están en xogo: un primeiro de 15.000 euros, un segundo de 10.000 euros, un terceiro de 7.000euros e o Premio Julián Trincado, de 6.500 euros, outorgado polo Concello da Coruña á mellor obra de artista galego.

Os participantes dispoñen de completa liberdade temática e serán admitidas todas as técnicas, procedementos e tendencias artísticas.

Sen rural non hai futuro

Antón de Guizán.-

O outro día, conversando co polifacético vilarego Xosé Antón Cascudo, este poeta, cineasta e librepensador chairego incidía na idea do grande pacto politico e social ao que se debera chegar no nóso país:  o acordo polo rural.

Máis aló da evidente necesidade de invertir a tendencia da despoboación e o avelloamento do nóso rural, ese grande acordo faise necesario porque sen rural, básicamente o país desaparece.

Para manter a lingua e a identidade, para manter as tradicións, e para preservar a paisaxe, a cultura e o patrimonio... pero para todo iso hai que xerar economía, emprego, fixar poboación moza e incrementala pero as politicas realizadas até o de agora teñen fracasado.

O nóso campo non pode ser un territorio de expolio e de intereses de parte, precisa de politicas consensuadas a longo prazo e pensadas desde a nosa propia realidade, no forestal,no agrícola, no gandeiro,nos servizos e na aposta polo I+D.

As forzas políticas, os sindicatos, as asociacións, cooperativas... a sociedade galega debe tomar conciencia de que sen o rural non hai futuro e tomar medidas mais aló de liortas e consensuar un modelo. O noso rural pre isa dun grande debate sobre o modelo e non pequenas liortas sobre fracasos.

Con cada explotación que pecha, con cada mozo que abandona a aldea, con cada vello que morre, o rural enferma, o país esmorece.

Castelao ou Manuel María incidían na importancia da língua para o noso existir como pobo, para a nosa identidade colectiva, esa lingua que mantiverone manteñen fundamentalmente no noso rural, a verdadeira esencia do que somos e de onde viñemos, tradicións, costumes, patrimonio material e inmaterial...

Pero non só eso. O rural ten futurono económico, na xeración de riqueza e emprego, para ser referencia de calidade e poder traballar e vivir nas mellores condicións, e para eso hai que darlle a volta a todo canto se ten demostrado un fracaso. Ahí están as estadisticas da evolución negativa...

Non se trata de aplicar medidas cortopracistas, senón de todo o contrario,de ter unha visión de futuro e aplicar un deseño e un modelo estable e asumido polo conxunto da sociedade galega, porque si hai futuro, ese futuro debera comenzar agora...

06/06/2016

Con-fío en Galicia, do 6 ao 9 de xuño

Redacción.-

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aborda no Gaiás a relación entre moda, arte e téxtil no marco das Xornadas Académicas da mostra ‘Con-fío en Galicia’. Será do 6 ao 9 de xuño no Museo Centro Gaiás e contará con personalidades de diferentes ámbitos como Guillermo Solana, director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid; o recoñecido fotógrafo Manuel Outumuro, a directora do estudo londinense Pinaki Studios, Arantza Vilas; ou a CEO de Latitude, María Almazán.

No marco da exposición ‘Con-fío en Galicia’, a Cidade da Cultura pon en marcha do 6 ao 9 de xuño estas xornadas, totalmente gratuítas, coas que reflexionar sobre o mundo da moda desde múltiples vertentes: expositiva, artística, económica e social.

A nova mostra do Museo Centro Gaiás, en exposición ata o 11 de setembro, convértese así na excusa perfecta para reflexionar sobre a relación da moda coa arte: o seu papel de fonte de inspiración para diferentes creacións, a súa conversión en obxecto artístico e, polo tanto, en elemento central do discurso expositivo, facendo habitual a súa presenza en grandes museos. Figuras como Guillermo Solana, director artístico do Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid, ou Juan Gutiérrez, comisario de exposicións e conservador das coleccións contemporáneas do Museo del Traje de Madrid serán os encargados de reflexionar sobre esta perspectiva artística da moda.

A produción téxtil da man de Elvira Lindoso, Cointega ou Lola Dopico
As xornadas académicas abordarán tamén os aspectos máis materiais da moda, como a produción téxtil, o deseño e a comercialización. Así, o Museo Centro Gaiás contará coa presenza da deseñadora galega e artista multidisciplinar Sara Coleman ou da responsable do estudo londinense Pinaki Studios, Arantza Vilas, que diseñou o vestiario da exitosa serie ‘Xogo de Tronos’.

Nas xornadas tamén participarán Elvira Lindoso, profesora doutora de Historia e institucións económicas, que abordará o papel da industria téxtil na historia contemporánea; o secretario xeral de Cointega, Alberto Rocha; Lola Dopico, directora da Esdemga; o arquitecto Iago Seara, responsable de tendas de moda para Adolfo Domínguez e Antonio Pernas; ou María Almazán, CEO de Latitude.

A moda como creadora de imaxe e de identidades persoais e colectivas tamén estará presente nas Xornadas Académicas a través dunha master class co recoñecido fotógrafo de moda Manuel Outumuro, creador das imaxes de marca e a comunicación visual de numerosos deseñadores; así como dos relatorios da ilustradora Marta Riera ou a directora da axencia de comunicación e publicidade Unconventional London, Nuria Carballo.

Orixe, deseño e montaxe de Con-fío en Galicia
As xornadas tamén terán un oco para coñecer máis polo miúdo a mostra ‘Con-fío en Galicia’. Ademais de facer un percorrido guiado polas 300 pezas que compoñen esta viaxe pola historia da moda galega, os participantes poderán coñecer máis polo miúdo a súa orixe, o concepto, o deseño ou a montaxe da man dos seus responsables.

Coa directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira, á cabeza; polo Museo pasarán o comisario da mostra, Miguel Anxo Seixas Seoane; o responsable do deseño da montaxe e do catálogo, Pepe Barro, e os arquitectos co-deseñadores da montaxe expositiva: Olivia Fernández Feijóo e Javier Rodríguez García, do estudo Oja Arquitectura.

22 horas e ETCS pola USC
As Xornadas Académicas ‘Con-fío en Galicia’: Moda, arte, téxtil están dirixidas por Fátima Díez Platas, Profesora Doutora en Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
De balde previa inscrición en cidadedacultura.gal, as xornadas terán lugar do 6 ao 9 de xuño no Museo Centro Gaiás cunha duración total de 22 horas. Todos aqueles que asistan ao 85% das xornadas recibirán un ETCS da Universidade de Santiago de Compostela.

01/06/2016