Crise política na Deputación de Lugo


Redacción.- Compareceron hoxe en rolda de prensa, diante da Deputación de Lugo: Antonio Veiga, vicepresidente da entidade; Xosé Ferreiro, voceiro do BNG; Bieito Lobeira, responsábel da área do organización do BNG e Noa Presas, responsábel da área de política institucional da forza nacionalista, para dar conta da decisión adoptada onte pola executiva nacional do BNG e para informar da entrega dun escrito na secretaría da Deputación de Lugo na que os deputados do BNG renunciaban a todos os cargos e reponsabilidades de goberno nesta Deputación e nos órganos correspondentes.
Antonio Veiga sinalou que os orzamentos aprobados onte son “as prevendas do PP apoiados polo PSOE e polo tránsfuga Manuel Martínez” e engadiu que “a provincia estivo paralizada polos intereses dun partido político e dun tránsfuga”. O BNG está nas institucións para favorecer o interese xeral “dende o gobernó ou dende a oposición”. Veiga indicou que “o BNG non estivo na fotos das Azores que se produciu onte na Deputación e non imos ser participes da política de chantaxes que algún pretenden imponer”.
Xosé Ferreiro afirmou “a satisfacción polo traballo feito na Deputación durante estes anos” e aclarou que “o BNG está nas institucións para tentar transformar a sociedade e non para ocupar sillas nin pisar moquetas”. Ferreiro indicou que “os papeis quedaron nas mesas e os ordenadores acesos porque o BNG non ten nada que ocultar sobre a súa acción de goberno” e recalcou que “nós non formateamos nin pisoteamos os discos duros como fixo o PP despois do seu paso polo goberno provincial”. Ademais Ferreiro destacou a coherencia do BNG na Deputación de Lugo e dixo que “defenderemos o mesmo na oposición que defendemos no goberno”.
Bieito Lobeira, responsábel da área do organización do BNG, manifestou o “respaldo político da dirección á decisión do grupo provincial na Deputación de Lugo” e puxoos como “exemplo de coherencia e dignidade” ademais de indicar que “o BNG non participa en repartos de cartos e sillóns”. Lembrou que “o pacto asinado polo BNG e o PSOE ficou en papel mollado e por iso o BNG tomou esta decisión”.

________________________
Antonio Veiga, á dereita, o día da toma de posesión (Arquivo AVV)

28/06/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión