Helena Villar escritora na súa terra

Redacción.-

A Asemblea de Socias/os da AELG aprobou por unanimidade outorgar a Letra E de 2016 a Helena Villar Janeiro. Entregaráselle en Rianxo o 25 de xuño, na que será a vixésimo segunda edición.

Escribir, tirar do fío para dispoñelo en urdas, para pasar a trama, para facer a tea: tecer. Tecer a vida cara adiante como as hedras da clepsidra poboan o tempo que flúe. Tecer a vida cara atrás como quen remonta o río e volve a onde só a palabra recupera os instantes. Recoller palabras de noso, tal abelorios, e nomear o mundo igual que se bordara as formas dos soños que fabula. Tiña que ser así porque Helena medrou entre fíos na xastrería familiar, primeiro ensino, primeiro ateneo, onde se recitaban os clásicos, se interpretaba bel canto e desfilaban historias e personaxes, segundo ela mesma refire. 

A Homenaxe O/A Escritor/a na súa Terra, impulsada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), chega en 2016 á súa XXII edición recaendo na figura de Helena Villar Janeiro, que será homenaxeada no Concello de Rianxo, a terra que ela elixiu para vivir os solpores da ría de Arousa.

Esta iniciativa anual conforma xa unha tradición na traxectoria da Asociación, e tense constituído ao longo de dúas décadas como unha celebración na que a terra de orixe ou adopción do homenaxeado/a cobra un protagonismo fundamental. É vontade da AELG honrar escritores/as  procurando o contacto directo co autor/a e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular na que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor/a (unha peza escultórica de Caxigueiro), a plantación dunha árbore simbólica (un loureiro elixido pola propia autora) e a colocación dun monólito conmemorativo.

 

Programa

11.30h (Paseo Marítimo no Peirao de Sete Fogas)

Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do loureiro (árbore simbólica da escritora). Interveñen:

Cesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELGAdolfo Muíños Sánchez, Alcalde de RianxoHelena Villar Janeiro

 

Acto de entrega da "Letra E" (Escola da I República - Cuartel vello) Interveñen:

Adolfo Muíños Sánchez, Alcalde de RianxoMercedes Queixas Zas, Secretaria xeral da AELGCesáreo Sánchez Iglesias, Presidente da AELGMarica Campo: Laudatio

Entrega da peza escultórica do artista Caxigueiro

Intervención da homenaxeada: Resposta á laudatio por parte de Helena Villar Janeiro     

 

14.00h Xantar no Pazo de Rianxiño

Xantar de confraternidade. Aberto aos/ás socios/as da AELG, á veciñanza de Rianxo e demais persoas interesadas.

O prezo por persoa é de 30€, que se pagarán no propio restaurante nunha mesa que habilitaremos ao efecto. As prazas no restaurante son limitadas: agradecemos que fagas a túa reserva canto antes. De estardes interesados/as en asistir ao xantar confirmádenolo chamando até as 14.30 do venres 17 de xuño ao teléfono 981 133 233 ou enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org.

 

Nota: O traxecto desde o Peirao de Sete Fogas  até o Pazo Rianxiño pódese facer a pé en 15 minutos 

 

23/06/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión