Nace "Olga", voceiro do Grupo Bilbao

Manuel París.- O Grupo Bilbao de escritores galegos afincados en Madrid ultima a xestación de Olga, a súa Revista de poesía galega na capital do Estado. Hai uns días, o equipo responsable da súa edición e redacción daba luz verde á impresión do seu primeiro volume, que constitúe unha antoloxía da obra literaria dunha quincena de poetas galegos residentes na capital de España.

Todos eles son membros do faladoiro mensual que o Grupo Bilbao realizou ininterrumpidamente no emblemático Café Comercial de Madrid -radicado na Glorieta de Bilbao, da que toma o seu nome o grupo- desde 1996 ata o 27 de xullo de 2015. Entón, o grupo asistiu á sorprendente pechadura deste emblemático local, fundado en 1887 e outrora frecuentado por escritores tan ilustres como Antonio Machado, Blas de Otero, Gabriel Celaya, Gloria Fuertes, José Hierro, José Manuel Caballero Bonald, Luis García Montero ou Ana Rosseti. Tras o peche do Comercial, as xuntanzas continuaron cada último sábado de mes; agora, na Cafetería Santander, moi próxima á Glorieta de Bilbao.

Nas páxinas da revista Olga fan uso da lingua galega como antorcha os seguintes escritores galegos afincados en Madrid: os chairegos Miguel Barrera e Rafael Yáñez, Vicente Araguas, Fermín Bouza, Xosé Galán, Yolanda López, Verónica Martínez, Pilar Mera, Claudio Pato, Manuel Pereira Valcárcel, Luz Pichel (no seu día Premio Esquío de Poesía), Begoña Regueiro, Xosé Soto, Lidia Teixeiro e Sabino Torres. A nova publicación nace coa pretensión de que a literatura galega deixe a súa impronta -a pegada na neve que significa "olga" en galego- na vida cultural madrileña.

29/06/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión