"Sorpasso" popular

Manuel París.- Incrible, pero certo. Ao final o "sorpasso" foi de Mariano; e o tanto ao seu favor vai para Moragas, o seu xefe de gabinete e tamén de campaña, que negociou ben o debate a catro e as sondaxes previas. Non esquezamos que as enquisas inflúen no resultado e no electorado; en concreto, serviron para mobilizar aos seus votantes e insuflar medo aos indecisos. A estratexia de sempre. No caso de Galicia, os resultados foron unha vitoria persoal de Feijóo, aínda que atendendo á extrapolación de datos precise do apoio de Ciudadanos para gobernar. E a situación de Andalucía, xa non digamos: Susana Díaz terá que tragarse as súas palabras e os seus xestos, mentres Pedro Sánchez sae reforzado, a pesar de obter o peor resultado da historia do PSOE. A esquerda terá que reflexionar (e moito, ademais). De novo, esquecéronse de mobilizar aos seus insistindo na importancia de votar na elección do Senado, mentres os militantes e simpatizantes do PP acudiron en masa, outorgándolle unha nova maioría absoluta á forza conservadora na Cámara Alta.

Os vellos comunistas non lle perdoaron a Pablo Iglesias que falase en nome da "nova" socialdemocracia durante toda a campaña; tampouco que non baixase á rúa, obsesionado con facer campaña desde as televisións. De feito, o primeiro que fixeron a noite electoral en Atocha foi amosarlle a bandeira coa fouce e o martelo, xunto á tricolor republicana. A sorpresa -e certa incomodidade- foi patente nalgúns dirixentes de Podemos, non afeitos nos seus mitins a estes emblemas, que colisionan coa estética e a posta en escena dos seus actos, afastada da identificación na esquerda e baseada no concepto "transversalidade". Hai que lembrar agora o aviso de Cayo Lara a Garzón, tralo pacto con Podemos: “Alberto, vaime a custar votar nestas eleccións”. Esta coalición resultou unha auténtica decepción: nin multiplicou o número de votos -ao contrario, perdeu  no camiño máis dun millón- nin gañou un escano adicional aos que tiñan antes por separado. Un complexo encaixe de bolillos que terán que resolver; de entrada, xa encargaron un estudo demoscópico. Estanse a parecer máis aos representantes da “vella política” do que eles pensan.

28/06/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión