Agustín Fernández Paz, bo e xeneroso


Mario Paz González.- O pasado 12 de xullo foise para sempre Agustín Fernández Paz, un dos máis grandes escritores da literatura galega, amais dun exemplo constante de coherencia, de bondade, de xenerosidade, de entusiasmo e de loita a prol da nosa lingua, da literatura e da vida. 

Nado en Vilalba (Lugo) en 1947, poderíase dicir que a súa primera formación literaria tivo lugar neses anos de infancia na vila, escoitando os contos ao pé da cociña de ferro ou da lareira no inverno, ou na porta da casa no verán, como el mesmo lembraría en O rastro que deixamos. Tamén nese libro fala do papel fundamental que tivo a figura do pai, músico e carpinteiro, que levaba á casa libros de Verne, Cunqueiro ou Fole. O cine e os cómics, que lía con afervoamento, completarían esa primeira formación do escritor. 

Co título de perito industrial mecánico, que obtivera na Universidade Laboral de  Xixón, marchou a Barcelona onde comezaría os estudos de Maxisterio, que remataría na Coruña, iniciando a súa andaina profesional a mediados da década dos setenta, primeiro na Coruña e despois en Mugardos. 

Como el mesmo dixo en máis dunha ocasión, naqueles anos finais da ditadura e primeiros da democracia, aspiraban "a cambiar o mundo desde as aulas". Por iso, mergullado de cheo na súa labor pedagóxica, cofundou, xunto con otros ensinantes concienciados, os colectivos Avantar e Nova Escola Galega. Impartiu cursos relacionados coa didáctica da lingua, a normalización lingüística e os medios de comunicación e colaborou en numerosas revistas sobre eses mesmos temas. Foi tamén entón cando, vendo o baleiro existente, xurdiu entre moitos docentes como el a necesidade de elaborar un material pedagóxico en galego. Neste senso, cómpre lembrar que o libro CANLES 5, do que é coautor, recibiu o Premio Emilia Pardo Bazán, do Ministerio de Educación, para libros de texto non sexistas. 

Tamén nese tempo fixo crítica de literatura infantil e xuvenil e máis do mundo do cómic acadando en 1992, o Premio Ourense de Banda Deseñada. 

E foi así, froito das súas preocupacións pedagóxicas, como foi chegando á literatura, decatándose da utilidade das ficcións como complemento indispensable para a nosa formación na vida. Dese xeito, superando os prexuizos existentes respecto a ese tipo de literatura, comezou a escribir para os máis mozos demostrando que, ademais de entreter, a literatura xuvenil pode ser boa tamén para pensar, os seus poden ser libros críticos, intelixentes, cheos tamén de humor e ironía. Tiña precedentes como Maria Gripe, Michael Ende, John Christopher, Roald Dahl e, sobre todo, o seu admirado Gianni Rodari. Porque a literatura xuvenil, como a el lle gustaba dicir, non é outra cousa que literatura que tamén poden ler os máis mozos da casa. Segundo dixo nunha entrevista que lle fixen neste mesmo medio "o que pode definir unha novela como de adultos ou non son as técnicas narrativas máis complexas que farán que o hipotético lector teña que ter unha madurez lectora que, moitas veces, os mozos non teñen". 

Moitas destas premisas configuran a súa obra: a perfecta arquitectura das tramas, certa experimentación no que atinxe á técnica narrativa e a mistura de xéneros como a fantasía, as aventuras, a ciencia ficción ou o terror, herdado de autores como Lovecraft. Pero tamén a novela de compromiso coa memoria colectiva, como esa triloxía da memoria histórica que, ao meu modo de ver, conforman Noite de voraces sombras, Corredores de sombra e Non hai noite tan longa. Ou esa novela xeracional, máis recente, A viaxe de Gagarin. 

Todas as historias técense cos fíos da vida, gustaba dicir Agustín. A súa obra, escrita sempre en galego e traducida a varias linguas, ten merecido numerosos premios como o Merlín, o Lazarillo (concedido ese año de 1991 por vez primeira a un libro en galego), Edebé Xuvenil, Rañolas, Raíña Lupa, White Ravens, Barco de Vapor, lista de honra do IBBY, Frei Martín Sarmiento, Premio da Crítica, Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil ou VII Premio Iberoamericano SM en recoñecemento a toda a súa carreira literaria, entre outros. 

Agustín foise "cando aínda tiña historias que contar" como dixo estes días Xavier Alcalá nas redes sociais. O autor foise, fica connosco a súa obra. Tamén o seu exemplo pois, máis aló da figura do escritor, está o home. Agustín foi e será sempre un referente cívico para todos nós como demostrou ao rexeitar no ano 2010 o Premio da Cultura Galega, outorgado pola Xunta, en protesta pola súa política lingüística en coherencia coas reivindicacións feitas pola aociación Prolingua da que era tamén cofundador. 

Da súa grandeza humana falaba hai pouco o novelista Pedro Feijoo ao lembrar que poucas figuras vivas da nosa cultura acadan unha aceptación tan unánime como a que tiña Agustín. Calquera, non só os que admirabamos a súa persona e éramos lectores afervoados da súa obra, senon calquera que o coñecese ou que tivese contacto con el, por mínimo que fose, pode dar fe de todo isto. Da súa bondade, da súa xenerosidade, do seu entusiasmo. O home morreu. A súa obra imperecedeira ficará para sempre entre nós

14/07/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión