O contexto internacional das Irmandades

Redacción.- Os vindeiros 6 e 7 de outubro celebrarase en Compostela o Congreso Internacional "As nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios e nacións", coincidindo cos cen anos da fundación da primeira organización nacionalista galega, as Irmandades da Fala. 

Este congreso aspira a pór de relevo as circunstancias externas e o contexto internacional que acompañaron a súa creación e primeira andaina. Pois as Irmandades da Fala non foron un produto illado nin excepcional na Europa do seu tempo, mergullada nunha cruel guerra mundial na que a cuestión das nacionalidades pasou a desempeñar un papel sobranceiro na propaganda e obxectivos dos contendentes.

Os movementos nacionalistas de Europa Central e Oriental, mais tamén algúns da Europa Occidental, coma o irlandés, experimentaron un pulo decisivo e viron chegada a súa hora. Noutros casos, grupos rexionalistas ou que reivindicaban linguas e culturas minoritarias deron o salto á plena afirmación nacionalista, dende Frisia e Gales a Galicia e Sardeña.

Dende 1917, os revolucionarios soviéticos tamén incorporaron a liberdade das nacionalidades á súa axenda reivindicativa. E ao rematar a I Guerra Mundial, das ruínas dos imperios austrohúngaro, otomán e tsarista xurdiron novos Estados “nacionalizadores”, nos que os triunfantes movementos nacionalistas reproduciron adoito os erros dos nacionalismos homoxeneizadores do século XIX e viron nas minorías etnolingüísticas unha ameaza.


A opinión pública europea amosou unha nova sensibilidade cara á cuestión das minorías, e no mundo académico inzaron os debates teóricos verbo dos dereitos das nacionalidades e as orixes do nacionalismo. Nese escenario europeo, o emerxente nacionalismo galego fixou as súas prioridades e reivindicacións, inspirándose nos exemplos coetáneos pero seguindo o seu propio camiño.

26 de xul. de 2016

0 comentários :

Danos a túa opinión