En defensa da nosa toponimia

Redacción.- En relación á publicación, o pasado luns 26 de setembro, dunha peza informativa sobre os resultados das eleccións ao Parlamento de Galicia en El Mundo, na que se recollían unha serie de topónimos deturpados, a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia lembra que a lei 3/1983 de Normalización Lingüística, no seu artigo 10, establece que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega". Tendo en conta que lle corresponde á Xunta de Galicia determinar os nomes oficiais dos concellos, núcleos de poboación e demais topónimos, as denominacións na lingua autóctona son as únicas legais a todos os efectos.

O Colexio de Xornalistas é consciente de que esta norma está destinada á administración pública, mais semella coherente que os topónimos oficiais sexan usados de forma xeralizada, cando menos por aqueles medios presentes na Comunidade Autónoma Gallega. Asemade, mesmo tendo en conta que o Libro de estilo de El Mundo establece que "os nomes de poboacións de España [...] escribiranse en castelán, incluídas as poboacións daquelas comunidades autónomas con outras lenguas oficiais, sempre e cando esta denominación estea acreditada historicamente", e obviando a dificultade en moitos casos de tal acreditación, resulta imposíbel considerar "acreditadas historicamente" denominacións como "Guinzo de Limia", "Pollo" ou "Nieves".


Esta non é a primeira vez que o Colexio de Xornalistas tense que pronunciar diante da insistencia dalgúns medios que tenden a castelanizar os topónimos galegos. Por iso, o Colexio de Xornalistas chama a El Mundo e ao resto de medios de comunicación presentes en Galicia a usar en todo caso os topónimos galegos na súa forma oficial, en lingua galega, que é aquela fixada pola Xunta de Galicia. 

29/09/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión