Feijóo acada a terceira maioría absoluta

Moncho Paz.- Feijoo logra a súa terceira maioría absoluta, mentres En Marea acada a segunda forza e liderará a oposición ata 2020. Cos resultados electorais desta noite e case o 100 % escrutado, Feijoo superaría os seus resultados do 2012 en número de votos e pontos porcentuais, mantendo o mesmo número de deputados, o cal permite afirmar que o PP non sofre o desgaste da súa acción de Goberno na Xunta de Galicia. En clave estatal, Feijóo ve reforzada aínda máis a súa posición no PP ao converterse no único presidente autonómico que gobernará con maioría absoluta. 

Por outra banda, confirmouse o sorpasso de En Marea que se converteu na segunda forza política no Parlamento do Hórreo ao superar ao PSdeG en número de votos, aínda que estean empatados con 14 escanos. A candidatura de Luís Villares lograría ademais unha maior porcentaxe de votos, un 19,03 % fronte ao 17,89 % dos socialistas. 

En resume, o PP logrou 41 escanos, En Marea 14, o PSOE 14, e o BNG 6. A continuación incluimos unha análise por partidos políticos e unhas breves conclusións.

PP
Triunfo de Feijóo, que esqueceu as siglas do PP. Traballaron desde o principio o concepto MARCA PERSOAL. Non se veu afectado polo tema da corrupción e a mala valoración de Mariano, que recibe un balón de osíxeno. Mensaxe clara e repetitiva: estabilidade fronte a provisionalidade.

PSdeG
Leiceaga é un candidato pouco coñecido socialmente, sentenciado polo proceso de primarias e sobre todo polo “efecto Caballero”. Elección do candidato tardía, cun proceso de primarias fratricida.

En Marea
Luis Villares partía dun escenario difícil como candidato improvisado, de última hora e tamén descoñecido para o conxunto do electorado. Superou todas esas trabas e chegou a moita xente, ten mérito que conseguira tanto en tan pouco tempo.En Marea perde 25.000 votos nas tres ciudades onde goberna.

BNG
Boa campaña, especialmente na segunda semana. Ana Pontón xerou expectativas e conseguiu obxectivos. Mensaxes dirixidas “á súa parroquia”. Rendabilizou o debate.

Conclusións:

O PP é primeira forza nas ciudades, sendo a lista máis votada en 304 concellos de Galicia, o PSdeG con 9, En Marea arrebata un a CxG e o BNG xa non ten hexemonía nin en Allariz.
Confusión xeralizada e cansanzo por parte da opinión pública.

Hai que discernir entre participación política e movilización social. A sociedade galega presenta un perfil de escasa politicación, que se traduce NUN ALTO ÍNDICE DE MOBILIZACIÓN E NUN BAIXO ÍNDICE DE PARTICIPACIÓN (entendida desde o compromiso político).

A oposición reflicte a carencia dun proceso organizativo que sexa suficiente para influir –de forma directa ou indirecta- nos ostentadores do poder, ou para orientar o progreso material e cultural da propia sociedade.

25/09/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión