A escola habaneira dos Vilares

Antón Manuel Tenreiro Ferreiro.-

Sinto sana envexa ao ver escolas habaneras da Terra Chá e mesmo de Guitiriz restauradas e cheas de actividade. Cheas tamén de historia e de sacrificios, algunhas foron restauradas e postas en valor con actividades culturais e sociais desenvolvidas polas entidades parroquiais. A escola da Conchada, que data de 1923, e que da que conta a súa historia Segundo López nunha publicación, languidece con un uso limitado a algunha reunión, actos moi puntuais e escaso mantemento. Mentras outras se convertiron en centros cheos de vida e actividade, Os Vilares asiste á paulatina degradación do seu patrimonio. Os tempos de descargar responsabilidades en terceiros deben rematar e poñermos todos os esforzos en sumar a favor da parroquia e non só intereses de parte. Independentemente dos titulos de propiedade, o patrimonio é responsabilidade de todos e debe estar para uso e disfrute do conxunto da parroquia. A súa infrautilización e escaso coidado perxudica a todos. A escola da Conchada debera ser o núcleo de revitalización social dos Vilares. A Conchada foi escola de numerosas xeneracións, algunhas delas ainda vivas que deben ver honrada a súa memoria e para eso precísase investir en mellorar a accesibilidade e habitabilidade, adecuala para un uso acaído aos tempos.
Hai modelos, exemplos a seguir de casas escola habaneras por Galiza adiante restauradas e con actividade. Hai convenios que chegaría con adaptar á parroquia. Falta o máis importante, vontade real. Os Vilares precisa dun tempo novo e positivo que sume, de diálogo e entendemento polo ben común. Precisamos aprender da lección daqueles vilaregos que desde a emigracion en ultramar investiron en cultura na parroquia, en escolarizar a quen deixaron na aldea cando cruzaron o Atlántico para gañar o pan. Hoxe máis que nunca, son un exemplo e a Conchada o seu legado. Poñela en valor é a mellor homenaxe a aqueles veciños, moito mellor que ningunha placa ou estatua... Aínda estamos a tempo.

05/10/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión