A Xulio

David Otero.-

Hoxe viñemos ao pé do Madalena
a recibir os soños como as raiolas deste día.
Raiolas azucradas mornas
que escriben palabras de marabillosa caligrafía.
Palabras pois dimensionadas de profundo significado,
que din afectos, que din amizade…
que abren corazóns,
que abren portas.

Son palabras de irmandade,
palabras de tribu,
que concretizan verdade.
que determinan Terra
En ton sostido…
de música…
e de poesía.

Hoxe viñemos ao pé do Madalena
En abrazos de emocións sentidas
coas mans delicadas e puras, traballadoras do canteiro,
dicindo mañá
nos ollos que afirman este presente

Presente para camiños limpos
e nomes de postín
e de respecto
propios…necesarios…

E así dicimos Xulio
para que ese dicir Xulio
apoie as nosas palabras
e faga panca de enerxética conquista
na luz soleira das nosas vidas
escoitando os pasos das maiores gratitudes.

Hoxe viñemos ao pé do Madalena
no sumar dos hectómetros merecidos
poñéndolle color de campar ben
ás palabras que se moven nesta roda,
cando setembro a pouco deixa irse
a canción comunal das ardentías
e o outono acode noviño e fresco
para coller lugar ao quente nas nosas casas
na lembranza dos froitos madurados,
e onde os recoñecementos coma o de hoxe
marcan a evocación amical serena
que conforma o fondo que sustenta
a memoria de fidelidade de Xulio…
O seu ben ser…
O seu ben facer…

Hoxe viñemos ao pé do Madalena
collidos da man dos tempos persoais
que escribiremos nos corazóns
dos que aprendemos…
que o que importa
son os soñares de pobo compartidos
e asemade as dignidades…
que nos marcan os andares do camiño…

e así construíndo máis ca nunca
a memoria persoal e colectiva,
unindo pasado e presente
no futuro da nosa mellor obra realizada
a que volve o vivido… magnífica obra de intensidade
escribindo sen mentiras, claramente,
os remites das nosas cartas desexadas.

18/9/MMXVI

Xulio:
a túa e nosa Irmandade Manuel María,
na querencia solidaria de Xermolos como casa de ben e comunal,
queremos dicirche…
e logo do poema lido…,
que este hectómetro de merecido recoñecemento
faise rúa nova de marabillosa frescura
que na pureza do teu exemplo
afortece ao vello camiño interminable deste proxecto compartido
mentres vaiamos teimosamente co amor a esta tribu nosa
na disposición de acoller por sempre a nosa maior verdade:
o noso pobo,
a nosa cidadanía.
Hoxe, irmán Xulio,
imos do eu ao ti
e somos máis nós.
Velaí o noso aporte
nesta sinxela emoción xigante
que avala calquera sentimento
que asina este recoñecemento.
Xa que logo…
ben e disfrute para ti por sempre.
Así…
Xulio…contigo
os soños non acaban nunca
Celebremos pois o momento.
Sigamos anotando posibilidades
E sigamos facendo deste teu día Xulio…
Un día vivo
Un día vivo tal bandeira…
que colocar no mastro da nosa maior irmandade

02/10/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión