Fermín Bouza Álvarez, in memoriam

Moncho Paz.- O sociólogo e escritor galego Fermín Bouza Álvarez finou o pasado sábado aos 70 anos en Madrid. Fillo do intelectual Fermín Bouza Brey e neto do escritor Luis Bouza Trillo, era licenciado en Filosofía e Psicoloxía. Casado coa vilalbesa Carme Pena López, tiveron un fillo, tamén chamado Fermín, "para manter a tradición familiar", segundo recoñeceu en certa ocasión. Como catedrático de Socioloxía e profesor de Opinión Pública na Universidade Complutense, foi un dos referentes académicos e intelectuais que tivemos na miña xeración. 

Nado en Compostela en 1946 -malia vivir en Madrid desde 1969- mantiña unha actitude política fondamente comprometida co galeguismo de esquerdas e escribiu varias obras no noso idioma, como as novelas Memoria do Diaño (Edicións do Rueiro, 1980), Longo voo de paxaro (Xerais, 1987) e os poemarios O tempo na auga (Xerais, 1985) e Labirinto de inverno (Sotelo Blanco, 1990). Este último mereceu o premio da crítica española en lingua galega no mesmo ano da súa publicación.

As redes sociais enchéronse onte de mensaxes lembrando a súa figura como profesor, analista, amigo e compañeiro de viaxe. Entre as numerosas mostras de condolencia, persoeiros como Martiño Noriega, Xavier Vence, Manolo Rivas ou Xosé Manuel Pereiro lanzaron mensaxes de dor polo seu pasamento. Fixémolo tamén moitos xornalistas, ex-alumnos, colaboradores e admiradores seus, así como compañeiros do mundo universitario.

Fermín Bouza tiña un blog (El voto con botas) onde compartía a súa opinión sobre a situación política galega e española. Os seus textos, moi críticos co neoliberalismo excesivo e o populismo carente de ideoloxía, foron publicados puntualmente en A Voz de Vilalba desde 2009, cando se produciu a caída do Goberno bipartito da Xunta de Galicia e o regreso do Partido Popular ao poder autonómico. Na súa primeira colaboración na nosa edición dixital, publicada o 20 de abril de 2009, Fermín reclamaba "un novo activismo lingüístico, máis amplo e sofisticado", que "debería cargar de desexo e esperanza á conciencia popular galega, e levala cara a políticas non liquidacionistas que manteñan á nosa terra na liña da dignidade histórica".

A continuación, reproducimos a súa derradeira reflexión na rede, consciente do seu grave estado de saúde, mais sen perder a súa fina ironía: “Acabo de deixar a UCI, na que segue o PSOE. A UCI é un lugar pouco recomendable para ninguén. Libérenme dese relato e procuren non pasar por aí. No meu é eficaz, pero estaba pensando na política torpe que reduciu ao PSOE á súa estrita caricatura na mesma sala lúgubre na que me rebautizaron. Convertérono definitivamente nun partido máis que engana á súa militancia para que catro gañáns fagan as cousas ao seu gusto e ao da dereita á que queren servir. O dano está feito. As vellas cousas da política, nas que o PSOE quería asentarse, recomendaban que os partidos de dereitas fosen realmente de dereitas e os de esquerda de esquerda. Agora non é así: os partidos de esquerda deben facilitar o goberno da dereita e agardar algunha propiniña desta benemérita institución. Calquera outra cousa será castigada por Susana Díaz, da casta de Rosa Luxemburgo e dos Grandes Expresos Europeos”.

A despedida a Fermín Bouza Álvarez celébrase hoxe luns en Madrid, a partir das 10 horas, no cemiterio da Almudena, onde será incinerado. Ata sempre, mestre. DEP.

31/10/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión