Boa viaxe, Narf!!

Manuel París.- Esta tarde finou a causa dun cancro o músico Fran Pérez 'Narf'. Nado en Silleda, o artista deixounos aos 48 anos de idade, tras unha intensa traxectoria que o converteu nun dos nomes imprescindibles e máis prezados da música do país. Levou tamén as súas cancións a palcos de Brasil, Arxentina, África... Creou música de teatro, formou parte da Psicofónica de Conxo, foi un dos fundadores da Sala Nasa, publicou o disco 'Aló irmao' co músico Manecas Costa, xirou nos últimos meses coa cantante Uxía e o seu derradeiro concerto celebrouse hai unhas semanas no Teatro Principal de Santiago, coa compaña dos africanos Timbila Muzimba, no marco da Feira Womex.
Presentou os seus traballos en festivais de todo o mundo como o Mercado Cultural de Salvador Baía, Câmbio Sonoro (Recife), Antídoto (Sao Paulo), varias edicións do Festival d'Agosto (Maputo), Festival de Mindelo, ou Cantos na maré, en Pontevedra, Bafim (Bos Aires), London City Festival (Londres) ou Liet Lavlut (Östersund), onde acadou o segundo posto no concurso da canción en linguas minorizadas europeas. Ademais, tamén deixou a súa impronta en Porto Alegre, Río de Xaneiro, Polonia, Guinea, Barcelona ou Reino Unido. Indica a Galipedia que foi membro de grupos como Psicofónica de ConxoOs Quinindiolas ou Nicho Varullo, e que compuxo máis dunha trintena de bandas sonoras para producións teatrais de diferentes compañías en Galicia e Portugal, como Salomé ou A boa persoa de Sezuán, co Centro Dramático Galego.

No mundo do audiovisual, destaca a súa participación como compositor no filme de animación para nenos O labirinto dos soños, con texto e dirección de Pepe Sendón, ademais de diversos traballos no ámbito dos documentais, como Galicia Une. Tamén se achegou ao mundo do teatro, e foi un dos catro fundadores da Sala Nasa en 1992, compoñendo, entre outros labores, cancións para a Banda da Nasa até 1998, ano no que abandonou o proxecto. Alén disto, ten participado como actor nalgunhas montaxes teatrais, orixinalmente como membro da compañía Chévere (Máquina totalAnnus Horribilis e outros).
_______________
Foto.- Luis Soto

15/11/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión