Obradoiros para mulleres

Redacción.-

A Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego organiza esta semana na Terra Chá dous obradoiros dirixidos a labregas no marco dunha campaña formativa que se está a desenvolver por toda Galiza.

O primeiro deles levará o título “Para que falar de sexo e de xénero”, e terá lugar na Casa de Cultura de Meira este mércores, 16 de novembro, ás 16:00 horas. Con este obradoiro, preténdese que as participantes experimenten unha vivencia reflexiva sobre as relacións de poder, os roles sociais e os estereotipos na nosa sociedade.

O segundo obradoiro titúlase “Por que as mulleres se rebelan?” e será no propio local que ten o Sindicato Labrego Galego en Vilalba, en horario de mañá e tarde. Desta vez, aproposta consiste en proporcionar ás asistentes un espazo de reflexión e debate sobre diferentes aspectos das opresións de xénero e das formas polas cales as mulleres teñen reaccionado e transformado as súas vidas e a sociedade ao longo da historia.

A encargada de impartir ambos obradoiros será Rebeca Raso, dinamizadora da Secretaría das Mulleres do SLG, especialista en movementos sociais e feminismo pola USC, actriz e dinamizadora do "Grupo de Teatro dxs Oprimidxs 100 Tolas". Rebeca conta cunha ampla traxectoria no traballo con metodoloxías participativas relacionadas coa educación popular en diferentes grupos e colectivos.

15 de nov. de 2016

0 comentários :

Danos a túa opinión