Os soños na gaiola

Redacción.-

O auditorio da Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei acollerá este sábado 19 de novembro ás 18 horas o espectáculo de monicreques Os soños na gaiola, da compañía Títeres Alakrán. Trátase dunha función para todos os públicos, especialmente dirixida a público familiar.

Baixo o mesmo título que un dos máis clásicos poemarios do autor a quen este ano se lle dedican as Letras Galegas, a obra, con dirección e dramaturxia a cargo de Roi Vidal Ponte e montaxe escénica a cargo de Borja Ínsua Lema, quere ser a particular homenaxe de Títeres Alakrán ao poeta. Estreada o 1 de abril do presente ano, leva xa percorrida boa parte da xeografía galega e chega agora á Casa-Museo Manuel María logo de ter pasado por espazos tan importantes como a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a Mostra internacional de títeres Galicreques de Santiago de Compostela ou a Mostra de Títeres de Ribeira.

Os soños na gaiola de Títeres Alakrán parte dunha particular visión dos poemas que en 1968 Manuel María publicou por vez primeira para mostrarlle ás nenas e nenos de Galiza como era o mundo labrego do que el procedía. Ao mesmo tempo, a historia bebe tamén do clásico Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll. Desta unión surxe a historia: a nena Alicia, nacida nunha contorna urbana, ao comezo non coñece nin entende moi ben ese mundo labrego de Manuel María, mais acabará por comprendelo e por amalo.

A función, de 50 minutos de duración, comezará ás 18 horas. O prezo das entradas é de 2 €. Estas pódense reservar xa a través do correo electrónicocontacto@casamuseomanuelmaria.galou do teléfono 698 177 621. Poderanse retirar na Casa-Museo o propio sábado desde as 17 horas e até 10 minutos antes do comezo do espectáculo. As entradas non vendidas serán postas á venda nese momento até completar o aforo do auditorio.

17 de nov. de 2016

0 comentários :

Danos a túa opinión