Homenaxe ás Irmandades da fala

Redacción.-
No presente ano 2016 está a celebrarse o centenario da fundación das "Irmandades da Fala", agrupación de carácter fundamentalmente cultural que tiña como obxectivo principal a defensa dos valores do noso país. A cuarta Irmandade de Galicia constituíuse en Vilalba o 24 de novembro de 1916 na sede do periódico local "Heraldo de Villalba", situada na casa número 7 da rúa Valeriano Valdesuso, acaroada até a súa expropiación en 1965 á Torre da Homenaxe do Castelo, actualmente edificio emblemático do Parador.

Por todo elo, O VENRES, 25 DE NOVEMBRO, o IESCHA, coa colaboración do Concello e do Parador de Vilalba, organiza os actos conmemorativos do CENTENARIO da constitución DA IRMANDADE DA FALA DE VILALBA, co seguinte programa:

• Ás 20:00 horas, inauguración dun monolito no lugar no que se fundou esta Irmandade, na redacción do “Heraldo de Villalba”, sito na rúa Valeriano Valdesuso, nº 7, fronte á entrada á Torre da Homenaxe do Castelo. O acompañamento musical estará a cargo do grupo BUXOS VERDES.

• Ás 20:30 horas, conferencia de Emilio Xosé Insua sobre O CENTENARIO DAS IRMANDADES DA FALA, no salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba.

Con este acto o Iescha pretende o recoñecemento das 19 persoas que fundaron esta Irmandade da Fala, poñendo a súa pedra no milladoiro:

- Do autogoberno galego
- Na baril defensa e o traballo a prol do recoñecemento oficial do noso idioma propio.
- Na loita pola igualdade de mulleres e homes, que xa recoñeceron na I Asemblea Nacionalista (Lugo, novembro de 1918).

20/11/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión