Estévez e o futuro de Compostela

Redacción.- O restaurante compostelán Mesón de Lázaro acollerá o vindeiro xoves 1 de decembro, ás 21 horas, unha cea-coloquio con Xerardo Estévez, arquitecto e ex alcalde de Compostela, que será o protagonista da III edición das Noite(s) Xove(s), un evento no que diserta un convidado de prestixio sobre cultura e actualidade, cun produto gastronómico de tempada como desculpa para a xuntanza e mailo posterior debate. O prezo do menú, elaborado especialmente para a ocasión, é de 20 euros, previa inscrición no teléfono 981 576525.

Esta “maridaxe de gastronomía e cultura”, así calificada por Pepe Mata, propietario do Mesón de Lázaro, está coordinada polos xornalistas Moncho Paz e Fermín Galindo, e nesta ocasión contará coa presenza do escritor e filósofo Antón Baamonde, que será o encargado de presentar a Xerardo Estévez e contextualizar as súas etapas como alcalde da cidade.
Xerardo Denís Estévez Fernández (Compostela, 1948) é arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Barcelona. Establecido en 1972 en capital de Galicia, exerceu como arquitecto e urbanista formando con outros profesionais o equipo Oikos, e realizou traballos de investigación sobre arquitectura, planeamento e patrimonio.
Foi deputado polo PSdeG-PSOE no Parlamento galego entre 1981 e 1983 e, como membro da Comisión de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, participou na redacción da primeira Lei do Solo de Galicia. Así mesmo, foi alcalde de Santiago de Compostela nos períodos 1983-1986 e 1987-1998. Ademais, foi elixido deputado no Congreso dos Deputados de España entre 1993 e 1996.
En 1999 reintegrouse á práctica profesional, que simultanea coa súa actividade como conferenciante e escritor e como profesor de másteres de urbanismo e patrimonio. É membro do Padroado do Museo Nacional de Arquitectura e Urbanismo. 

28 de nov. de 2016

0 comentários :

Danos a túa opinión