Hoxe concerto do Trío do Acivro

Redacción.-

Hoxe xoves ás 18/30 h na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, VII concerto de Nadal a cargo do Trío do Acivro. 

Luis Soto, (Frauta traveseira)  e os seus fillos Lucas (Violín) e  Cecilia (Violoncello).

Os nen@s que asistan poden traer o seu instrumento. 

29 de dec. de 2016

XXXI Festival de Polifonía e Panxoliñas

Redacción.-

O domingo, día 8 de xaneiro de 2016, no Auditorio Municipal de Vilalba, a partir das 20:30 horas, terá lugar o XXXI FESTIVAL DE POLIFONÍA E PANXOLIÑAS que organiza a CORAL POLIFÓNICA VILALBESA en colaboración co CONCELLO DE VILALBA.

22 de dec. de 2016

A historia dos Garbo contra Hitler

Redacción.- A historia de Joan Pujol e a lucense Araceli González foi “a dun matrimonio que un día decidiron que ían tombar a Hitler" e, tras "moitas peripecias", conseguírono", unha "historia incrible" que agora José de Cora retoma na súa última novela, El estornudo de la mariposa.

O libro presentouse onte na librería Couceiro de Santiago. Ademais do autor, interviu o seu sobriño e tamén xornalista e escritor, Diego de Cora, que fixo unha descrición dos protagonistas da novela.

Froito dun traballo documental realizado polo autor, o libro "dá corpo" a modo de novela á historia do matrimonio formado por Pujol e González que, en plena II Guerra Mundial, convenceron ao Goberno alemán de que eran espías ao seu servizo para axudar aos aliados a que se desenvolvese con éxito o Desembarco de Normandía. 

"A historia atrápache porque é incrible", dixo, nunha entrevista concedida a Europa Press, o autor, que traballou durante anos na recopilación de información. O seu vencello cos protagonistas nace de Lugo, dado que o pai de José de Cora era "curmán de Araceli", mentres que a súa nai era "amiga de mocidade". 

Coa protagonista da súa novela tivo o seu primeiro contacto en Madrid, cando se trasladou para estudar xornalismo e, máis tarde, cando era director do diario El Progreso e Araceli González chamouno para poñer unha esquela para Joan Pujol. "Eu non sabía que estivera casada con el", indicou o escritor, que lembra que naquel momento, a finais dos anos 80, xa era coñecido que Pujol exercera como espía dobre durante a II Guerra Mundial. Aínda que José de Cora entrevistou a Araceli con posterioridade, ela mentiulle" e díxolle que "nunca soubo a que se dedicaba" o seu marido. O resto desta apaixoante historia, nas páxinas de El estornudo de la mariposa.

______________

Foto: Moncho Paz

15 de dec. de 2016

Museos para todos tamén no Nadal

Redacción.-

Os museos integrados na Rede Museística da Deputación de Lugo convocan o programa de obradoiros e actividades para este Nadal 2016.

Cada un dos museos desta Rede (Museo Provincial de Lugo, Museo Provincial do Mar, Museo Fortaleza San Paio de Narla e Museo Pazo de Tor) desenvolven diferentes actividades nas respectivas sedes e para todas as idades, tendo en conta as peculiaridades das coleccións que albergan e as demandas do seu público visitante.

O prazo de inscrición paras as actividades que o precisan comeza o 15 e remata o 17 de decembro, e esta debe formalizarse no Museo onde se vaia realizar a actividade.

Achéganse os programas individualizados de cada un dos Museos.

14 de dec. de 2016

A música amorosa das palabras

Redacción.-

Este xoves día 15 ás 20 no Teatro Colón da Coruña a Casa-Museo Manuel María e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos clausurarán o intenso ano de actividades que viñeron desenvolvolvendo con ocasión do Ano Manuel María cun concerto, A música amorosa das palabras, que será de entrada libre até completar o aforo, en que os versos de Manuel María serán interpretados e musicados por tres grandes da música galega: Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández.

Estes repasarán a través de vinte pezas a poética máis diversa de Manuel María, desde os poemas amorosos e máis íntimos até aqueles outros máis comprometidos coa defensa da lingua galega, pasando polos máis irónicos e mesmo polo canto emocionado á súa casa natal de Outeiro de Rei, hoxe convertida en Casa-Museo do escritor. Non faltarán tampouco as adaptacións de poemas, xa cancións emblemáticas, como “O carro” ou “Breve manual para deprender a señorito”.

O concerto é o broche final a un ano intensísimo, ao tempo que un recoñecemento, por parte da Fundación Manuel María e a Casa-Museo Manuel María ás entidades culturais, veciñais ou deportivas, bibliotecas públicas, centros de ensino e profesorado, xente do teatro que puxo en escena nove pezas da súa autoría, grupos musicais que fixeron cancións dos seus poemas, medios de comunicación e tantísimas persoas que contribuíron de forma decisiva para que a sociedade galega siga percibindo a Manuel María como un intérprete dos soños colectivos das galegas e galegos.

Para asistir a este concerto é preciso retirar o billete-invitación na billeteira do Teatro Colón o mesmo día 15 en horario de 12 a 14 h ou de 17 a 20 horas.

Xermolos en Bruxelas

Alfonso Blanco.-

Ao recibir o convite para participar no encontro sobre “A situación da cultura galega”  no Parlamento Europeo, en Bruxelas, o 7 e 8 de decembro, Xermolos decidiu plantexar nel a situación da Casa de Díaz Castro, en ruinas, na voz dos dous nosos representantes que viaxan na comisión que elaborou a “Declaración” que imos ler alí “sobre a situación da cultura galega e das e dos profesionais do sector”, e solicitar a súa axuda para a recuperación, un reflexo máis da falla de apoios que sofre a nosa cultura, sobre todo no rural. É unha teima non doada para unha Asociación Cultural sen fin de lucro, que leva 40 anos loitando pola cultura coma unha ferramenta para crear vida no noso país, mantendo o Festival de Pardiñas, 37 edicións, abrindo unha biblioteca todos os días, encontros dinamizadores das nosas raíces... Cando o poeta retorna a Galicia despois de vivir en Madrid a maior parte da súa vida, converte a nosa asociación no seu segundo fogar, e Xermolos comprometeuse a reivindicar a súa poesía e compromiso co noso pobo. Era un escritor descoñecido para as e os veciños e un dos cumios da literatura galega para os criticos literarios. Para nosoutros a súa casa natal ten espírito e futuro, non son só unhas paredes, e aínda que loitamos para que todas as casas teñan vida e non haxa ninguén que non teña casa, temos a garantía de que este espazo máxico vai converterse nun manancial de enerxía para visualizar e revitalizar a nosa cultura rural.

Partimos da experiencia que tivemos coa obra do poeta. O pobo non a coñecía. Cando finou deixounos os seus versos inéditos, pertenzas persoais, apuntes..., e cando no 2014 a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia lle dedicaron a Festa das Nosas Letras e o Ano Díaz Castro, Xermolos sinteu a responsabilidade de devolver ao pobo a súa obra inédita, e os investigadores publicaron a súa poesía completa e outros escritos. Non podíamos ser egoistas e seguir gardando esta herdanza literaria, só para nosoutras e nosoutros.

Agora queremos facer o mesmo coa súa casa, devolvela ao pobo porque lle pertence, non para convertela nun museo nin nun campo temático, senón nun espazo de iniciativas para todas as asociacións do pais que queiran facer algo polo noso rural: debates sobre cooperativismo, montes comunais, os nosos sinais de identidade, olimpiadas populares, ecoloxía, e todas as facianas da nosa cultura..., ademáis de ser o lugar para dar a coñecer a obra de Díaz Castro e dos outros autores da Terra Cha que consideramos as e os poetas dos ríos, porque son e foron os que cantaron a súa importancia vital na nosa paisaxe e queremos que esta casa sexa unha chamada a conservalos dun xeito sostible.

Diaz Castro é un facho aceso para as novas xeracións: foi o coordinador de tradutores do Consello de Investigacións Científicas de Madrid pois domainaba 17 idiomas europeos, e por esta profesión traducía todas as temáticas da ciencia, literatura, tecnoloxía actuais, e ata que finou o seu idioma cotián foi o galego que mamou, e foi un entusiasta da cultura, ciencia e tecnoloxía das e dos labregos que nós agora queremos conservar nesta casa: o tear da súa irmá, as butacas do desaparecido cinema de Guitiriz xa que a súa afección era ir ao cinema, os pupitres dunha vella escola pois a súa vivenda foi a primeira escola dos Vilares, a primeira biblioteca de Xermolos que el converteu no seu lecer, e ferramentas de labregos e artesáns de comezos do s. XX que conformaron a súa familia: carpinteiros, canteiros, escribintes.

3 de dec. de 2016