A historia dos Garbo contra Hitler

Redacción.- A historia de Joan Pujol e a lucense Araceli González foi “a dun matrimonio que un día decidiron que ían tombar a Hitler" e, tras "moitas peripecias", conseguírono", unha "historia incrible" que agora José de Cora retoma na súa última novela, El estornudo de la mariposa.

O libro presentouse onte na librería Couceiro de Santiago. Ademais do autor, interviu o seu sobriño e tamén xornalista e escritor, Diego de Cora, que fixo unha descrición dos protagonistas da novela.

Froito dun traballo documental realizado polo autor, o libro "dá corpo" a modo de novela á historia do matrimonio formado por Pujol e González que, en plena II Guerra Mundial, convenceron ao Goberno alemán de que eran espías ao seu servizo para axudar aos aliados a que se desenvolvese con éxito o Desembarco de Normandía. 

"A historia atrápache porque é incrible", dixo, nunha entrevista concedida a Europa Press, o autor, que traballou durante anos na recopilación de información. O seu vencello cos protagonistas nace de Lugo, dado que o pai de José de Cora era "curmán de Araceli", mentres que a súa nai era "amiga de mocidade". 

Coa protagonista da súa novela tivo o seu primeiro contacto en Madrid, cando se trasladou para estudar xornalismo e, máis tarde, cando era director do diario El Progreso e Araceli González chamouno para poñer unha esquela para Joan Pujol. "Eu non sabía que estivera casada con el", indicou o escritor, que lembra que naquel momento, a finais dos anos 80, xa era coñecido que Pujol exercera como espía dobre durante a II Guerra Mundial. Aínda que José de Cora entrevistou a Araceli con posterioridade, ela mentiulle" e díxolle que "nunca soubo a que se dedicaba" o seu marido. O resto desta apaixoante historia, nas páxinas de El estornudo de la mariposa.

______________

Foto: Moncho Paz

15/12/2016

0 comentários :

Danos a túa opinión