A música amorosa das palabras

Redacción.-

Este xoves día 15 ás 20 no Teatro Colón da Coruña a Casa-Museo Manuel María e a Fundación Manuel María de Estudos Galegos clausurarán o intenso ano de actividades que viñeron desenvolvolvendo con ocasión do Ano Manuel María cun concerto, A música amorosa das palabras, que será de entrada libre até completar o aforo, en que os versos de Manuel María serán interpretados e musicados por tres grandes da música galega: Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández.

Estes repasarán a través de vinte pezas a poética máis diversa de Manuel María, desde os poemas amorosos e máis íntimos até aqueles outros máis comprometidos coa defensa da lingua galega, pasando polos máis irónicos e mesmo polo canto emocionado á súa casa natal de Outeiro de Rei, hoxe convertida en Casa-Museo do escritor. Non faltarán tampouco as adaptacións de poemas, xa cancións emblemáticas, como “O carro” ou “Breve manual para deprender a señorito”.

O concerto é o broche final a un ano intensísimo, ao tempo que un recoñecemento, por parte da Fundación Manuel María e a Casa-Museo Manuel María ás entidades culturais, veciñais ou deportivas, bibliotecas públicas, centros de ensino e profesorado, xente do teatro que puxo en escena nove pezas da súa autoría, grupos musicais que fixeron cancións dos seus poemas, medios de comunicación e tantísimas persoas que contribuíron de forma decisiva para que a sociedade galega siga percibindo a Manuel María como un intérprete dos soños colectivos das galegas e galegos.

Para asistir a este concerto é preciso retirar o billete-invitación na billeteira do Teatro Colón o mesmo día 15 en horario de 12 a 14 h ou de 17 a 20 horas.

14 de dec. de 2016

0 comentários :

Danos a túa opinión