Presentación de 'O álbum de Garrincha'

Redacción.-
A Casa da Cultura de Vilalba ía acoller o venres 3 de febreiro, a partir das oito e media do serán, a presentación do libro: O álbum de Garrincha, escrito por Beatriz Maceda Abeleira e ilustrado por Laura Veleiro, mais finalmente a presentación quedou suspendida por problemas de asistencia das autoras debidos á climatoloxía. Malia todo, agárdase que, en breve, poda levarse a cabo.

O libro foi publicado pola Editorial Galaxia na súa colección Árbore e está a ter unha gran acollida polo público; xa que acadou dúas impresións no seu primeiro ano de edición.

A súa autora, Beatriz Maceda Abeleira, viviu en Vilalba a súa infancia, dende os catro anos, e a súa adolescencia e estudou no Instituto Basanta Silva. Na actualidade é profesora de inglés no colexio Raquel Camacho, de A Coruña. Publicou hai uns anos o seu primeiro libro: Man. O alemán de Camelle, tamén con ilustracións de Laura Veleiro e cuxa presentación en Vilalba organizou tamén o IESCHA.
A ilustradora do libro, Laura Veleiro, asturiana de nacemento e residente na Coruña, ten unha gran relación coa nosa vila xa que a súa parella dirixe desde hai varios anos a Banda de Música de Vilalba.
Os pais do protagonista do libro O álbum de Garrincha emigraron a Galicia cando o seu fillo João era aínda un neno; a través do fútbol, vai conseguir entender o mundo, ás veces hostil, que o rodea na Galicia que o acolleu. João sempre ten en mente a historia de Garrincha, futbolista brasileiro medio coxo, coa columna vertebral como unha interrogación, que chegou a formar parte da selección de Brasil que gañou un Mundial e pasou a ser considerado un dos mellores futbolistas de todos os tempos.

31 de xan. de 2017

Homenaxe a Agustín Fernández Paz en Ferrol

Redacción.-

O 17 de febreiro de 2017, ás 20:30h, renderáselle unha sentida homenaxe ao mestre, escritor e amigo Agustín Fernández Paz no Auditorio de Ferrol.

Na gala proxectaranse diferentes partes dun documental sobre as súas vivencias na zona de Ferrolterra e haberá actuacións musicais da man de Guadi Galego, María Manuela, Xabier Díaz, BellónMaceiras, Mini e Mero, Miro Casabella e A banda da Loba.

Recollida de billetes (desde o xoves 9 ao venres 17 de febreiro):
De martes a sábado: Despacho de billetes do Teatro Jofre, de 11 a 13h e de 18 a 20h.
Domingo: Despacho de billetes do Auditorio de Ferrol, de 11 a 13h.
* O día da gala estarán dispoñibles no Teatro Jofre (de 11 a 13h) e no Auditorio de Ferrol desde 2h antes do evento.
A entrada será de balde ata completar aforo.

Agustín e a súa dona Inma chegaron a Mugardos a finais dos anos setenta. Alí traballaron no colexio Unión Mugardesa, centro do que posteriormente Agustín foi director. Alí tamén participaron activamente nas diferentes edicións das Xornadas Pedagóxicas de Mugardos e dende alí promoveron, canda outras persoas mestras da zona, a creación do Grupo Avantar, movemento de renovación pedagóxica que, xunto con outros do país, daría orixe posteriormente –no 1983- á actual Nova Escola Galega.
Tamén desde aquí colaborou na edición de múltiples materiais didácticos, maiormente editados por Edicións Xerais, colaboración que durou ata practicamente a fin dos seus días, e foi un loitador incansable pola defensa da normalización da nosa lingua e por unha educación renovada e galega.
Foi neste ámbito de Ferrolterra onde empezaron a xurdir as súas primeiras obras, que logo acadarían cumes literarios no ámbito da LIX nunca antes vistos na nosa lingua.
De Mugardos marchou vivir a Vigo e son multitude as persoas amigas que deixou nesta zona, ás que sempre tivo no corazón. A súa pegada queda tamén nos nosos e nos de tantos colexios, institutos e entidades culturais que puideron contar sempre coa súa desinteresada e afectiva colaboración.

Premio Modesto R. Figueiredo

Redacción.-

O acto de entrega do premio Modesto R. Figueiredo terá lugar o venres 3 de febreiro ás 20:30 h. no salón de actos da Biblioteca Municipal “Varela Jácome” (Praza do Concello, 1) de Lalín.

O Premio Modesto R. Figueiredo é o nome que recibe o Certame Nacional de Narracións Breves convocado polaFundación do Padroado Pedrón de Ourodesde 1975 para textos en lingua galega dun máximo de trinta páxinas, na actualidade o premio está dotado con 1.000 euros, podendo concederse dous accésits de 240 euros.

Outorgouse pola vez primeira en 1975 co nome de Concurso de Narracións Curtas Pedrón de Ouro pero a morte do seu patrocinador, Modesto Rodríguez Figueiredo vicepresidente do Pedrón de Ouro motivou que o premio adoptase o seu nome desde a terceira edición en 1977.

O Premio é un dos máis importantes do panorama literario galego que nas dúas primeiras edicións da convocatoria (1975 - 1976) premiou a destacados escritores como Xoán Ignacio Taibo,Xavier Alcalá, Xosé Luís Méndez Ferrín,Xavier Rodríguez Barrio, Xosé Manuel Martínez Oca e Carlos Durán.

Posteriormente serviu para dar a coñecer a autores que contribuíron á renovación da literatura galega comoSuso de Toro, Tucho Calvo, Carlos G. Reigosa, Antón Cortizas ou Ramiro Fonte.


26 de xan. de 2017

Homenaxe a Sara Jato

Redacción.-

O IESCHA (Instituto de Estudos Chairegos) organiza o vindeiro sábado 21 de xaneiro de 2017 a partir das oito do serán na Casa da Cultura de Vilalba, un acto de homenaxe a Sara Jato Álvarez que constará dos seguintes apartados:

- PRESENTACIÓN DO CADERNO DE ESTUDOS CHAIREGOS, Nº 8 no que intervirán o presidente do Iescha, Manuel Castro Santamariña, e Martin Pawley, autor dun artigo sobre Agustín Fernández Paz, a quen vai dedicado este Caderno. 

- ACTO DE ENTREGA A SARA JATO DA PLACA E DO DIPLOMA DE SOCIA DE HONRA DO INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS segundo o acordo tomado por unanimidade na última Asemblea Xeral do Iescha. Neste acto intervirán Marisa Barreiro, vicepresidenta do Iescha, Rafa Yáñez, poeta e sobriño da homenaxeada, así como outras persoas.

- APARTADO MUSICAL correrá a cargo do Grupo de Cámara da Banda de Música de Vilalba que interpretarán dúas pezas que seguro serán do agrado do público asistente.

17 de xan. de 2017

Joe Nuñez-Miño na Casa das Insuas

Redacción.-

Este venres 20 de xaneiro ás 19:30 no C.E.N Casa das Insuas (Rábade, Lugo), Joe Núñez-Miño, Doutor en ecoloxía tropical, falaranos do traballo que o Bat Conservation Trust (a maior entidade das que traballan no estudo e conservación dos morcegos en Europa) realiza con estes mamíferos voadores no Reino Unido.

Esta charla encádrase nas actividades previstas polos compañeiros de Drosera neste 2017 para celebrar os 10 anos do seu programa de conservación e estudo dos morcegos "Morcegos de Galicia" .

Poesías penduradas das farolas (2ª ed.)

Redacción.-

Segunda edición de POESÍAS COLGADAS DE FAROLAS, con poemas manuscritos da NPG Nova Poesía Guitirica, Martiño Maseda e Raúl Gómez Pato coa temática contra a viomencia machista.

A partires do vindeiro sabado 7 de xaneiro, Guitiriz será un libro comectivo de poemas contra a violencia de xénero e as farolas as suas páxinas a pé de rúa.

@s poetas da NPG Judiña de Lea, Jaki Quintela, Mar Beres, Fátima Fernández, Antón de Guizán, Pas Veres, Luz Campello, Xelo Teijido, André da Ponte, Xosé Antón Cascudo, Adriana Quijada, o vilalbés Martiño Maseda e o gañador do I Premio de poesía Díaz Castro Raúl Gómez Pato, encherán de versos a vila da pedra e da auga nesta II edición de POESÍAS COLGADAS DE FAROLAS 2017 de poemas achegados á xente e de compromiso contra o terrorismo contra as mulleres.

O mencer do domingo 8 de xaneiro en Guitiriz será un xigantesco poemario de versos libres clamando contra a viencia e as farolas darán luz ademáis de alumear as noites.

5 de xan. de 2017

Aparece o brinde perdido de Conxo

Redacción.-

Un documento "histórico" que se cría perdido, o "Brindis" que pronunciou o estudante de Menciña Luís Rodríguez Seoane no histórico Banquete de Conxo, foi localizado na Biblioteca Nacional de España. Trátase do terceiro brinde pronunciado no banquete do 2 de marzo de 1856.

A localización do documento, o pasado decembro, foi posible grazas á xestión dos filólogos Damián Suárez e Xurxo Martínez González, conta a editorial. Este último é un dos coautores da obra "Os últimos carballos do Banquete de Conxo", que acaba de publicar Alvarellos Editora e onde este recentemente achado documento incluirase como separata, aínda que para unha segunda edición da obra está previsto que apareza como apéndice especial.

Até hoxe coñecíanse outros dous brindes pronunciados baixo a carballeira de Conxo, os dos poetas Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal, pero críase perdido, mesmo inexistente, o do terceiro dos organizadores daquel encontro, Luís Rodríguez Seoane. Alvarellos resalta que o achado na Biblioteca Nacional do terceiro documento permite completar os tres pronunciamientos feitos naquel insólito acto democrático que convocou nunha mesma mesa a estudantes e artesáns.

O brinde de Rodríguez Seoane está escrito en castelán e estruturado en once cuartetos. Está impreso nunha folla volandera para facilitar a súa difusión de man en man pola cidade e saíu da mesma imprenta que o de Aurelio Aguirre, informan desde Alvarellos.

4 de xan. de 2017

Entrar aos Vilares o 3 en Vilalba

Redacción.-

O próximo dia 3 de Xaneiro, preséntase en Vilalba o documental ENTRAR AOS VILARES,de Cibrán Tenreiro e producido pola Asociación Sociocultural Lareira de soños.

A proxección será ás 20:30 da tarde no Centro Cultural e Recreativo de Vilalba e organizado polo IESCHA Instituto de Estudos Chairegos.

Unha vez rematado o pase, de 55' de duración haberá un.coloquio entre o público e os produtores Pas Veres e Antón de Guizán da Lareira de soños.

Comenza así unha serie de proxeccions por Galicia do filme que seguirá por Betanzos, Lugo, Lalín, A Coruña, A Mariña, Costa da Morte, Ourense, e algúns festivais e mostras neste vindeiro ano.

Engadimos sinopse e teaser, e en arquivos adxuntos ficha técnica e cartel.

SINOPSE:

Tres mozos entran a unha parroquia de Guitiriz que descoñecen co encargo de realizar un documental syobre ela. Entón: 

1) Preguntan aos veciños tentando comprender a identidade do lugar seguindo unha cita de Charles Seignobos que leron na universidade: “Lamento non ter podido tratar máis que dunha maneira moi incompleta os feitos da vida cotiá, alimentación, vestido, habitación, usos de familia, dereito privado, diversións, relacións de sociedade, que constituíron o principal interese da vida para a enorme maioría de individuos”.

2) Tentan vincular o que aprenden á súa propia identidade e ás súas propias experiencias, sendo da primeira xeración das súas familias que non naceu na aldea. E cuestionan o resultado: non queren dar outra visión nostálxica do rural pero non teñen claro se o conseguen.

3) Pasean por leiras e casas abandonadas, xogan, distraense mirando aos animais e desvíanse das súas propias intencións como se estiveran facendo un vídeo doméstico.


Watch this video on Vimo:
https://vimeo.com/189907926

3 de xan. de 2017