Aparece o brinde perdido de Conxo

Redacción.-

Un documento "histórico" que se cría perdido, o "Brindis" que pronunciou o estudante de Menciña Luís Rodríguez Seoane no histórico Banquete de Conxo, foi localizado na Biblioteca Nacional de España. Trátase do terceiro brinde pronunciado no banquete do 2 de marzo de 1856.

A localización do documento, o pasado decembro, foi posible grazas á xestión dos filólogos Damián Suárez e Xurxo Martínez González, conta a editorial. Este último é un dos coautores da obra "Os últimos carballos do Banquete de Conxo", que acaba de publicar Alvarellos Editora e onde este recentemente achado documento incluirase como separata, aínda que para unha segunda edición da obra está previsto que apareza como apéndice especial.

Até hoxe coñecíanse outros dous brindes pronunciados baixo a carballeira de Conxo, os dos poetas Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal, pero críase perdido, mesmo inexistente, o do terceiro dos organizadores daquel encontro, Luís Rodríguez Seoane. Alvarellos resalta que o achado na Biblioteca Nacional do terceiro documento permite completar os tres pronunciamientos feitos naquel insólito acto democrático que convocou nunha mesma mesa a estudantes e artesáns.

O brinde de Rodríguez Seoane está escrito en castelán e estruturado en once cuartetos. Está impreso nunha folla volandera para facilitar a súa difusión de man en man pola cidade e saíu da mesma imprenta que o de Aurelio Aguirre, informan desde Alvarellos.

4 de xan. de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión