Presentación de 'O álbum de Garrincha'

Redacción.-
A Casa da Cultura de Vilalba ía acoller o venres 3 de febreiro, a partir das oito e media do serán, a presentación do libro: O álbum de Garrincha, escrito por Beatriz Maceda Abeleira e ilustrado por Laura Veleiro, mais finalmente a presentación quedou suspendida por problemas de asistencia das autoras debidos á climatoloxía. Malia todo, agárdase que, en breve, poda levarse a cabo.

O libro foi publicado pola Editorial Galaxia na súa colección Árbore e está a ter unha gran acollida polo público; xa que acadou dúas impresións no seu primeiro ano de edición.

A súa autora, Beatriz Maceda Abeleira, viviu en Vilalba a súa infancia, dende os catro anos, e a súa adolescencia e estudou no Instituto Basanta Silva. Na actualidade é profesora de inglés no colexio Raquel Camacho, de A Coruña. Publicou hai uns anos o seu primeiro libro: Man. O alemán de Camelle, tamén con ilustracións de Laura Veleiro e cuxa presentación en Vilalba organizou tamén o IESCHA.
A ilustradora do libro, Laura Veleiro, asturiana de nacemento e residente na Coruña, ten unha gran relación coa nosa vila xa que a súa parella dirixe desde hai varios anos a Banda de Música de Vilalba.
Os pais do protagonista do libro O álbum de Garrincha emigraron a Galicia cando o seu fillo João era aínda un neno; a través do fútbol, vai conseguir entender o mundo, ás veces hostil, que o rodea na Galicia que o acolleu. João sempre ten en mente a historia de Garrincha, futbolista brasileiro medio coxo, coa columna vertebral como unha interrogación, que chegou a formar parte da selección de Brasil que gañou un Mundial e pasou a ser considerado un dos mellores futbolistas de todos os tempos.

31/01/2017

0 comentários :

Danos a túa opinión