Inaugúrase DIDAC con Specchio Paulo Reis

Redacción.-

O vindeiro venres 3 de marzo ás 20.00 horas terá lugar a inauguración de DIDAC (DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas) coa exposición Specchio Paulo Reis.

DIDAC (DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas) é unha nova Fundación sen ánimo de lucro, con sede física en Santiago de Compostela, que nace coa intención de divulgar e proxectar o deseño e a arte contemporánea.

DIDAC producirá exposicións e proxectos, programas de conferencias, talleres e cursos. Ademais traballará na construción dun arquivo dixital en constante actualización que será conformado a partir dunha selección de artistas novos, deseñadores, arquitectos, cineastas axentes culturais e por outro físico, capaz de reunir catálogos, revistas, carteis, fotografías e libros de artista que contribúen ao estudo do deseño e a arte contemporánea de España e Portugal no últimos cincuenta anos.

DIDAC inaugura a súa actividade coa exposición Specchio Paulo Reis, unha mostra colectiva comisariada por David Barro, Director de DIDAC, que reúne unha serie de obras de artistas craves dos panoramas portugués e español. Specchio Paulo Reis foi concibida ao redor da figura de Paulo Reis, cofundador xunto a David Barro de DARDOmagazine no ano 2006 e falecido no ano 2011. Con esta exposición, David Barro quere renderlle homenaxe recuperando para DIDAC o espírito e actitude de Paulo Reis en relación das artes, buscando a aproximación entre persoas, tender pontes, construír proxectos comúns e facelo todo desde a máis profunda afectividade.

Paulo Reis sempre reivindicou a posibilidade de soñar porque entendía que o espazo do soño era o espazo da arte, un lugar onde o artista se soña a si mesmo, un lugar para imaxinar, para dar renda solta ás utopías coa intención de transformar a realidade. O conxunto de artistas de Specchio Paulo Reis están próximos a esas premisas: Albano Alfonso e os seus xogos de sombras, a fraxilidade da liña desdobrada dos debuxos de Lygia Pape, o humilde minimalismo do vendedor ambulante de Cildo Meireles, a escura e enigmática escultura de Rui Chafes. Todas estas obras, como as paisaxes debuxadas de Sandra Cinto ou a escultura íntima de Ernesto Neto, convidan a perderse na beleza do inconmensurable. Tamén os traballos de Iran do Espírito Santo, Rui Calçada Bastos, Fernanda Gomes e José Pedro Croft están marcados por unha intensidade enigmática. Ou irónica, como é o caso de Nelson Leirner. Como na pintura de José Bechara todo foxe do noso control e a xeometría se alía co elemento orgánico e incorpora evidencias do accidental, do mesmo xeito en que se expande a pintura na intervención site-specific sobre cristal de Carlos Maciá.

Ademais, para completar a homenaxe inaugural o día 23 de abril, Día do Libro e aniversario do falecemento de Paulo Reis presentarase un libro dedicado á súa memoria, que recolle os traballos desta exposición e algunhas imaxes e fragmentos de textos da súa autoría.
Ás 21.15 horas sesión musical a cargo de Primitivo Eirís con orquestras latinas despeiteadas, rock&roll marciano, yeyeísmo e moito máis

DIDAC.
Pérez Costanti 12 baixo
15702. Santiago de Compostela.
Inauguración Specchio Paulo Reis.
3 de marzo. 20:00 horas.
Entrada libre.

21 de feb. de 2017

DARDOmagazine Anuaria de Ouro

Redacción.-

A revista galega DARDOmagazine foi recoñecida co Anuaria de Ouro ao mellor deseño dunha publicación periódica.

Os recoñecidos Premios Nacionais de Deseño Anuaria contan cun gran soporte do sector do deseño, o que lles outorga unha importantísima difusión e convérteos nun referente de calidade dentro desta profesión.

Ademais deste recoñecemento, a editorial e estudo de deseño DARDO obtivo unha Selección Anuaria en dúas categorías, unha á mellor cuberta de libro -co catálogo deseñado para a exposición Impulsores do movemento abstracto celebrada na Casa da Parra e organizada pola Xunta de Galicia- e outra ao mellor catálogo -Raúl Artiles. Black Hole, deseñado para o CAAM-Centro Atlántico de Arte Moderna de Las Palmas de Gran Canaria.

O xurado destes premios está formado exclusivamente por representantes das asociacións profesionais e centros de deseño nacionais, que valoran a creatividade, a coherencia entre función, mensaxe, público e estratexia, a innovación, o valor comercial e a interrelación entre as diferentes disciplinas profesionais.

DARDOmagazine, que hai uns meses foi tamén recoñecida cun diploma ao Mellor Deseño de Diario ou Revista nos latinoamericanos Premios CLAP, Premios Internacionais de Deseño Industrial e Deseño Gráfico, presentará o seu próximo número –nº 30- a próxima semana en Madrid, cun stand individual na Feira Internacional de Arte Contemporánea - ARCO.

16 de feb. de 2017

Aldaolado na Casa Museo Manuel María

Redacción.-

O auditorio da Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei acolle este venres 17 de febreiro ás 20.30 horas o espectáculo de ALDAOLADO tituladoPendanca e oso. Poesía, música e humor son os eixos sobre os que xira esta proposta, cuxa temática é o amor.

ALDAOLADO é un proxecto formado polas poetas Lucía Aldao e María Lado onde se entremesturan a poesía, o humor e a música a partes iguais nunha posta en escena cargada de orixinalidade e espontaneidade.

En palabras das creadoras e protagonistas desta proposta, o espectáculo que o vindeiro venres se poderá ver en Outeiro de Rei é “unha narración das aventuras ou desventuras amorosas de cada un e de cada unha, da que xorden paixóns desenfreadas, anos de martirio, cotas altas de felicidade, ansiedades varias, gozos e sombras.” Os poemas que ALDAOLADO recitarán neste espectáculo “xorden precisamente dese caldo de cultivo, póndolle moita música e moito humor ao amor máis romántico e ao amor máis miserábel”. Se houbese que definir brevemente o que é Pendanca e oso sería así: “dúas poetas no escenario co corazón aberto en canal e escarallándose. Unha fábula que conta e canta o peor e o mellor do currículo amoroso da humanidade”.

O prezo da entrada para este espectáculo é de 5 €. Os billetes pódense reservar desde xa mesmo a través do correo electrónicocontacto@casamuseomanuelmaria.galou do teléfono 698 177 621, sendo esta a opción que a Casa-Museo recomenda tendo en conta o aforo limitado do auditorio. As entradas retiraranse desde 1 hora e até 10 minutos antes do inicio da función na mesma Casa-Museo. Poranse á venda nese momento as entradas sobrantes, se as houber, até completar o aforo dispoñíbel.

15 de feb. de 2017

Residencias artísticas MAC

Redacción.-

Xa están dispoñibles as bases do Programa de Residencias Artísticas Locais e Internacionais para esta primavera. Catro artistas ou profesionais da cultura menores de 45 anos poderán desenvolver o seu proxecto nas instalacións do MAC entre o 2 de maio e o 30 de xuño de 2017.

Para iso, cada un dos residentes seleccionados recibirá, ademais dun espazo de traballo nas instalacións do museo, un apoio total de 3000 € en concepto de honorarios e até 400 € destinados a produción de obra. Para non interromper a dinámica de traballo e fomentar a interacción cos demais residentes, estarán incluídos tamén todos os xantares de luns a venres.

Se tes un proxecto en mente e queres compartir o teu proceso con outros artistas e creadores, envíanos a túa solicitude até o 27 de febreiro a través do formulario que atoparás na web.

Consulta as bases completas de cada convocatoria:
www.mac.gasnaturalfenosa.com

11 de feb. de 2017

Volver a Otero


Mario Paz González.-

De entre todas as novidades editoriais saídas do prelo en Galicia o ano pasado, hai unha que penso que non foi comentada tan abondo como debía. Refírome á reedición por parte da editorial Galaxia e da Fundación Otero Pedrayo de Parladoiro. Trátase da recompilación de artigos literarios publicados na prensa polo señor de Trasalba, o gran don Ramón Otero Pedrayo, e que hai máis de corenta anos, en 1973, realizara o profesor Carlos Baliñas Fernández. Este volume é, sen dúbida, imprescindible para todos aqueles lectores ávidos da obra do ourensán, pero, tamén, para os que non a coñezan abondo, pois trátase unha escolma máis que representativa que, por riba, o propio autor revisou e aprobou en vida.

O título da mesma está tomado da sección homónima que Otero iniciara, en galego, no diario vespertino de Santiago La Noche en 1946, sendo así, segundo lembra Carlos Baliñas, “a primeira e, daquela, única presenza da nosa lingua na prensa diaria”, o que demostra a valentía e o compromiso do autor de O fidalgo naquelas décadas escuras. Con todo, aínda sendo os artigos desa etapa maioría, a súa procedencia é moi diversa. Inclúe, por exemplo, textos dos anos vinte e trinta publicados en A Nosa Terra, Céltiga, Nós, El Pueblo Gallego e tamén algúns outros posteriores á etapa do xornal compostelán. No libro non están agrupados en orde cronolóxica, senón temática, en diferentes seccións cuxos títulos están tomados de textos do propio autor. A diversidade de temas que abrangue, e que estes títulos revelan é, como o conxunto da súa propia obra, inesgotable, ofrecendo todos, ou case todos, os asuntos máis habituais da mesma: “Xentiña na cidade”, “Nova Galicia”,”Cavilacións”, “Faíscas da Historia”, “O engado dos libros” son algúns deles. Pero tamén os dedicados á literatura, á amizade ou ás viaxes: “Escritores”, “Pelerinaxes”, “Buenos Aires”, “Letras de fóra”…

Mesmo para o lector de hoxe os artigos de Otero escollidos (e, probablemente, os miles que quedaron fóra da antoloxía) presentan unha enorme forza literaria, mostra da grandeza dun escritor que foi (que dúbida cabe) o creador da prosa culta en galego. Neles don Ramón observa, unhas veces con ironía e distancia, outras con tenrura e comprensión, o mundo que o rodea e ao que non é alleo, malia vivir agochado no seu refuxio de ideas, libros e amizades. Achéganos, así, a súa visión da vida a través dun labirinto de palabras e imaxes prodixiosas que lle serven para ires reconstruíndoa diante dos nosos ollos, mais non cun desexo de inventariar a realidade, senón de ofrecérnola a través da arte tan sutil como difícil da concisión e a suxestión, retratando o instante cunha beleza impresionista. Móstranos, como suxire Carlos Baliñas, “unha fotografía en palabras” que, engade, vén ser “un complemento da outra Guía de Galicia, da que publicou desde enfoque xeográfico, administrativo e artístico”.

A angueira compiladora levada a cabo en 1973 por Baliñas é máis que meritoria. Segundo el mesmo recoñece, os artigos anteriores á guerra nin sequera podían atoparse nas hemerotecas, “soamente sabían deles os vellos galeguistas, que tiñan bo coidado de non dicilo en público”. Grazas a eles e ás pescudas realizadas en bibliotecas específicas, como a da Real Academia Galega, puido facerse un amplo inventario e a recompilación final.

Haberá quen poida pensar, se cadra, que os máis de cento trinta artigos escolmados son poucos tendo en conta a amplitude da obra xornalística de Otero Pedrayo. Cómpre lembrar que hai xa tempo que o Centro Ramón Piñeiro recompilou e transcribiu algo máis de setecentos artigos publicados en La Noche entre 1946 e1949. Precisamente hai un par de anos outro grande, Xesús Alonso Montero, declaraba patrimonio da Humanidade o “Parladoiro” de Otero e pedía a publicación íntegra do mesmo. Aínda que iso non teña sido posible até a data, alomenos este libro é un adianto máis que significativo.

Cando se publicou por vez primeira, en 1973, este Parladoiro constituía o primeiro tomo dun intento de editar as “Obras selectas” en galego de Otero Pedrayo que ía ficar finalmente malogrado, malia chegar a saír do prelo en 1983 outra recompilación, neste caso baixo o título de Ensaios e algunha que outra novela, como Os camiños da vida nunha magnífica edición de Carlos Casares. Por sorte, desde hai uns anos a editorial Galaxia retomou o proxecto e, en colaboración coa Fundación Otero Pedrayo, anda a recuperar en edicións modernas algúns dos títulos máis importantes que conforman a inmensa obra deste prolífico poeta, novelista, ensaísta, autor de teatro, historiador, xeógrafo, memorialista, articulista e orador, entre outras moitas cousas. E, sempre, autor imprescindible das nosas letras.


Ramón Otero Pedrayo
Parladoiro
Edición e prólogo Carlos Amable Baliñas Fernández
Vigo: Galaxia. 2016
488 pp.

8 de feb. de 2017

Antonio Castro, cableado da memoria

Antón de Guizán.-

As treboadas destes días, esas que agora levan o rinbombante nome de cicloxénese explosiva -manda carallo-, ademáis de facernos lembrar con bastante mala ostia do compadreo do goberno de Rajoy coas eléctricas (a última proba, a porta xiratoria para "Cuco" Fernández de Mesa no Consello de Red Eléctrica Española), traeme tamén á memória un nome relacionado coa luz eléctrica por razóns moito máis positivas: Antonio Castro.

No 2019, cumpriranse 60 anos da chegada da luz eléctrica aos Vilares e por eses tempos, tamén, a outras moitas parroquias da comarca pola iniciativa dun home autodidacta, formado na Habana na instalación de cableado telefónico na capital da illa, amante da música e das artes e preocupado por levar calidade de vida a un rural naqueles tempos sumido na escuridade. Lembrao a sua filla carretando postes por montes e corredoiras co seu Ford, sabedor de que máis aló duns troncos e uns fíos de cable estaba clavando os peares da calidade de vida futura. A luz eléctrica, supuxo un adianto repentino que levou ao rural ao cambio, a abrirse ao mundo tecnolóxico despois de séculos. Non exento de problemas pola precariedade de materiais e recursos hidráulicos para xerar corriente, debeu tamén enfrentarse, xa daquela aos intereses de compañías máis interesadas no negocio que no servizo. Antonio Castro ten realizado instalacións sen contador en numerosas vivendas sen recursos e sofrido boicots mesmo en datas tan emblemáticas como A Pascua daquel 1959 na que tiña previsto sacar das tebras dos candís e das velas á súa parroquia. António, como tantos xenios, foi un mal negociante do que compañías como FENOSA e Barras Eléctricas teñen sacado rendimento do seu emprendemento e ao que debemos rescatar para a memória colectiva. Pensemos só cos apagóns destes días, na heroicidade cotián dos nosos avós até os anos 60 (hai nada) sen ter siquera unha bombilla.

Aqueles que coñeceron e traballaron con Antonio Castro, constatan a súa intelixencia e bondade, o seu mérito e tamén o rápido que o paso do tempo fai esquecer que o que hoxe é un servizo básico (un grande negocio para quén o explota), tivo orixe en numerosas parroquias de Guitiriz, Aranga ou Vilalba nun home adiantado ao seu tempo, na tecnoloxía e na humanidade, Antonio Castro, que nestas treboadas debemos rescatar para a memória. Si naqueles tempos o precario servizo supuxo un antes e un despois na vida das persoas, hoxe non se xustifica a pesima calidade do mesmo nin os prezos nun país no que somos excedentarios de enerxía eléctrica. O mundo precisa de moitos Antonio Castro.

7 de feb. de 2017

Rede Galega de Música ao Vivo

Redacción.-

A Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación en colaboración cunha trintena de salas das catro provincias, programará durante este primeiro semestre do ano 87 concertos e monólogos dun total de 32 formacións artísticas, galegas na súa meirande parte.
Esta rede, para a que se conta tamén coa implicación da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, dispón de espazos asociados en 19 localidades e dun orzamento para esta carteleira semestral de 44.600 euros, dos que 37.910,85 son achegados pola Agadic e os 6.690,15 restantes polos espazos que programan durante este período.
O obxectivo prioritario do circuíto é atender as necesidades de distribución dos grupos e intérpretes musicais galegos de moi diferentes estilos, ademais de contribuír á estabilidade na programación das salas galegas de música en directo.
Oitenta e catro concertos e tres monólogos

Neste sentido, os concertos constitúen a oferta predominante da RGMV, que ata xuño programará un total de 84 concertos e tres monólogos. Cunha media de tres actuacións por grupo, destacan nesta relación artística nomes como The Lákazans, con seis concertos, Villanueva con cinco e Igloo e Ivy Moon con catro cada un. A rede programará tamén a Adrián Costa, Aló Djangó, Andhrea & The Black Cats, Banda Crebinsky, Brigada Bravo & Díaz, Clave de Fado, Dakidarría, Eladio y los Seres Queridos, Faltriqueira, Far Away Place, Ith, Maryland, MJ Pérez, Piña, Por Placer, Secho y los Invisibles, Sinestesia, Sonia Lebedynski, Sumrrá, The Llolipops, Tincho Fernán, Tonichi y Pacheco, Tractor Troy, Helena Goch, The Lines e Frankie Chávez. A oferta complétase cos monólogos de Alberte Montes e Padre Merino.
Xunto coa Rede Galega de Salas, a Rede Galega de Teatros e Auditorios e Cultura no Camiño (os outros tres circuítos de distribución de espectáculos xestionados pola Agadic), a RGMV ofrécelles aos grupos musicais galegos unha canle estable de exhibición, ao tempo que lles achega aos espectadores unha moi variada oferta, tanto no que se refire aos estilos musicais como á descentralización xeográfica.
Este calendario cultural, que pode consultarse en www.cultura.gal/axenda e www.agadic.gal/Axenda, esténdese polas seguintes salas: BâBâ Bar da Coruña, Fórum Celticum de Culleredo, Sala Super 8 de Ferrol, A Ventana de Laxe, A Fundación e Pub Gatos de Melide, Borriquita de Belém, Casa das Crechas, Moon Music Club, Sala Capitol e Sala Sónar de Santiago de Compostela, Sala O Muíño de Cervo, Club Clavicémbalo de Lugo, Café Bar Cultural Roi Xordo de Allariz, Sala Baranda do Barco de Valdeorras, Café Cultural Auriense de Ourense, O Con do Moucho da Illa de Arousa, Aturuxo de Bueu, SalaSon de Cangas, Var con Uve de Moaña, Náutico do Grove, Sala Karma de Pontevedra, El Contrabajo, La Casa de Arriba, La Fábrica de Chocolate Club e La Iguana Club de Vigo e Sala Bianco Sama de Vilagarcía de Arousa.

Obradoiros da Rede Museística


Redacción.-

Desde o luns, 6 de febreiro e ata o venres, 10 de febreiro, queda aberto o prazo de inscrición no MPLugo para participar en dous obradoiros dirixidos aos membros do Club Sénior da Rede Museística
Obradoiros
1.-Pintamos e creamos
Como funciona a cor! Como se representa a forma! Que debemos ter en conta á hora de pintar un cadro.
2.-Memoria
A memoria visual e a auditiva; a cor e a forma. Onde almacenamos as lembranzas!
Dirixido a: Club Sénior da Rede Museística
Calendario: Todos os xoves, desde o 23 de febreiro ao 27 de abril.
Horario: de 17:00 a 18:30 h.
Inscricións: Departamento de Didáctica do MPLugo (desde o 6 ao 10 de febrero).
***
Museo Provincial de Lugo. Tfno..: 982 24 23 00 / 982 24 21 12 / didactica@museolugo.org
Xerencia da Rede Museística: Tfno.: 699 836 883 / xerencia-redemuseos@deputacionlugo.org
+ info

5 de feb. de 2017