Antonio Castro, cableado da memoria

Antón de Guizán.-

As treboadas destes días, esas que agora levan o rinbombante nome de cicloxénese explosiva -manda carallo-, ademáis de facernos lembrar con bastante mala ostia do compadreo do goberno de Rajoy coas eléctricas (a última proba, a porta xiratoria para "Cuco" Fernández de Mesa no Consello de Red Eléctrica Española), traeme tamén á memória un nome relacionado coa luz eléctrica por razóns moito máis positivas: Antonio Castro.

No 2019, cumpriranse 60 anos da chegada da luz eléctrica aos Vilares e por eses tempos, tamén, a outras moitas parroquias da comarca pola iniciativa dun home autodidacta, formado na Habana na instalación de cableado telefónico na capital da illa, amante da música e das artes e preocupado por levar calidade de vida a un rural naqueles tempos sumido na escuridade. Lembrao a sua filla carretando postes por montes e corredoiras co seu Ford, sabedor de que máis aló duns troncos e uns fíos de cable estaba clavando os peares da calidade de vida futura. A luz eléctrica, supuxo un adianto repentino que levou ao rural ao cambio, a abrirse ao mundo tecnolóxico despois de séculos. Non exento de problemas pola precariedade de materiais e recursos hidráulicos para xerar corriente, debeu tamén enfrentarse, xa daquela aos intereses de compañías máis interesadas no negocio que no servizo. Antonio Castro ten realizado instalacións sen contador en numerosas vivendas sen recursos e sofrido boicots mesmo en datas tan emblemáticas como A Pascua daquel 1959 na que tiña previsto sacar das tebras dos candís e das velas á súa parroquia. António, como tantos xenios, foi un mal negociante do que compañías como FENOSA e Barras Eléctricas teñen sacado rendimento do seu emprendemento e ao que debemos rescatar para a memória colectiva. Pensemos só cos apagóns destes días, na heroicidade cotián dos nosos avós até os anos 60 (hai nada) sen ter siquera unha bombilla.

Aqueles que coñeceron e traballaron con Antonio Castro, constatan a súa intelixencia e bondade, o seu mérito e tamén o rápido que o paso do tempo fai esquecer que o que hoxe é un servizo básico (un grande negocio para quén o explota), tivo orixe en numerosas parroquias de Guitiriz, Aranga ou Vilalba nun home adiantado ao seu tempo, na tecnoloxía e na humanidade, Antonio Castro, que nestas treboadas debemos rescatar para a memória. Si naqueles tempos o precario servizo supuxo un antes e un despois na vida das persoas, hoxe non se xustifica a pesima calidade do mesmo nin os prezos nun país no que somos excedentarios de enerxía eléctrica. O mundo precisa de moitos Antonio Castro.

7 de feb. de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión