Inaugúrase DIDAC con Specchio Paulo Reis

Redacción.-

O vindeiro venres 3 de marzo ás 20.00 horas terá lugar a inauguración de DIDAC (DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas) coa exposición Specchio Paulo Reis.

DIDAC (DARDO Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas) é unha nova Fundación sen ánimo de lucro, con sede física en Santiago de Compostela, que nace coa intención de divulgar e proxectar o deseño e a arte contemporánea.

DIDAC producirá exposicións e proxectos, programas de conferencias, talleres e cursos. Ademais traballará na construción dun arquivo dixital en constante actualización que será conformado a partir dunha selección de artistas novos, deseñadores, arquitectos, cineastas axentes culturais e por outro físico, capaz de reunir catálogos, revistas, carteis, fotografías e libros de artista que contribúen ao estudo do deseño e a arte contemporánea de España e Portugal no últimos cincuenta anos.

DIDAC inaugura a súa actividade coa exposición Specchio Paulo Reis, unha mostra colectiva comisariada por David Barro, Director de DIDAC, que reúne unha serie de obras de artistas craves dos panoramas portugués e español. Specchio Paulo Reis foi concibida ao redor da figura de Paulo Reis, cofundador xunto a David Barro de DARDOmagazine no ano 2006 e falecido no ano 2011. Con esta exposición, David Barro quere renderlle homenaxe recuperando para DIDAC o espírito e actitude de Paulo Reis en relación das artes, buscando a aproximación entre persoas, tender pontes, construír proxectos comúns e facelo todo desde a máis profunda afectividade.

Paulo Reis sempre reivindicou a posibilidade de soñar porque entendía que o espazo do soño era o espazo da arte, un lugar onde o artista se soña a si mesmo, un lugar para imaxinar, para dar renda solta ás utopías coa intención de transformar a realidade. O conxunto de artistas de Specchio Paulo Reis están próximos a esas premisas: Albano Alfonso e os seus xogos de sombras, a fraxilidade da liña desdobrada dos debuxos de Lygia Pape, o humilde minimalismo do vendedor ambulante de Cildo Meireles, a escura e enigmática escultura de Rui Chafes. Todas estas obras, como as paisaxes debuxadas de Sandra Cinto ou a escultura íntima de Ernesto Neto, convidan a perderse na beleza do inconmensurable. Tamén os traballos de Iran do Espírito Santo, Rui Calçada Bastos, Fernanda Gomes e José Pedro Croft están marcados por unha intensidade enigmática. Ou irónica, como é o caso de Nelson Leirner. Como na pintura de José Bechara todo foxe do noso control e a xeometría se alía co elemento orgánico e incorpora evidencias do accidental, do mesmo xeito en que se expande a pintura na intervención site-specific sobre cristal de Carlos Maciá.

Ademais, para completar a homenaxe inaugural o día 23 de abril, Día do Libro e aniversario do falecemento de Paulo Reis presentarase un libro dedicado á súa memoria, que recolle os traballos desta exposición e algunhas imaxes e fragmentos de textos da súa autoría.
Ás 21.15 horas sesión musical a cargo de Primitivo Eirís con orquestras latinas despeiteadas, rock&roll marciano, yeyeísmo e moito máis

DIDAC.
Pérez Costanti 12 baixo
15702. Santiago de Compostela.
Inauguración Specchio Paulo Reis.
3 de marzo. 20:00 horas.
Entrada libre.

21 de feb. de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión