Volver a Otero


Mario Paz González.-

De entre todas as novidades editoriais saídas do prelo en Galicia o ano pasado, hai unha que penso que non foi comentada tan abondo como debía. Refírome á reedición por parte da editorial Galaxia e da Fundación Otero Pedrayo de Parladoiro. Trátase da recompilación de artigos literarios publicados na prensa polo señor de Trasalba, o gran don Ramón Otero Pedrayo, e que hai máis de corenta anos, en 1973, realizara o profesor Carlos Baliñas Fernández. Este volume é, sen dúbida, imprescindible para todos aqueles lectores ávidos da obra do ourensán, pero, tamén, para os que non a coñezan abondo, pois trátase unha escolma máis que representativa que, por riba, o propio autor revisou e aprobou en vida.

O título da mesma está tomado da sección homónima que Otero iniciara, en galego, no diario vespertino de Santiago La Noche en 1946, sendo así, segundo lembra Carlos Baliñas, “a primeira e, daquela, única presenza da nosa lingua na prensa diaria”, o que demostra a valentía e o compromiso do autor de O fidalgo naquelas décadas escuras. Con todo, aínda sendo os artigos desa etapa maioría, a súa procedencia é moi diversa. Inclúe, por exemplo, textos dos anos vinte e trinta publicados en A Nosa Terra, Céltiga, Nós, El Pueblo Gallego e tamén algúns outros posteriores á etapa do xornal compostelán. No libro non están agrupados en orde cronolóxica, senón temática, en diferentes seccións cuxos títulos están tomados de textos do propio autor. A diversidade de temas que abrangue, e que estes títulos revelan é, como o conxunto da súa propia obra, inesgotable, ofrecendo todos, ou case todos, os asuntos máis habituais da mesma: “Xentiña na cidade”, “Nova Galicia”,”Cavilacións”, “Faíscas da Historia”, “O engado dos libros” son algúns deles. Pero tamén os dedicados á literatura, á amizade ou ás viaxes: “Escritores”, “Pelerinaxes”, “Buenos Aires”, “Letras de fóra”…

Mesmo para o lector de hoxe os artigos de Otero escollidos (e, probablemente, os miles que quedaron fóra da antoloxía) presentan unha enorme forza literaria, mostra da grandeza dun escritor que foi (que dúbida cabe) o creador da prosa culta en galego. Neles don Ramón observa, unhas veces con ironía e distancia, outras con tenrura e comprensión, o mundo que o rodea e ao que non é alleo, malia vivir agochado no seu refuxio de ideas, libros e amizades. Achéganos, así, a súa visión da vida a través dun labirinto de palabras e imaxes prodixiosas que lle serven para ires reconstruíndoa diante dos nosos ollos, mais non cun desexo de inventariar a realidade, senón de ofrecérnola a través da arte tan sutil como difícil da concisión e a suxestión, retratando o instante cunha beleza impresionista. Móstranos, como suxire Carlos Baliñas, “unha fotografía en palabras” que, engade, vén ser “un complemento da outra Guía de Galicia, da que publicou desde enfoque xeográfico, administrativo e artístico”.

A angueira compiladora levada a cabo en 1973 por Baliñas é máis que meritoria. Segundo el mesmo recoñece, os artigos anteriores á guerra nin sequera podían atoparse nas hemerotecas, “soamente sabían deles os vellos galeguistas, que tiñan bo coidado de non dicilo en público”. Grazas a eles e ás pescudas realizadas en bibliotecas específicas, como a da Real Academia Galega, puido facerse un amplo inventario e a recompilación final.

Haberá quen poida pensar, se cadra, que os máis de cento trinta artigos escolmados son poucos tendo en conta a amplitude da obra xornalística de Otero Pedrayo. Cómpre lembrar que hai xa tempo que o Centro Ramón Piñeiro recompilou e transcribiu algo máis de setecentos artigos publicados en La Noche entre 1946 e1949. Precisamente hai un par de anos outro grande, Xesús Alonso Montero, declaraba patrimonio da Humanidade o “Parladoiro” de Otero e pedía a publicación íntegra do mesmo. Aínda que iso non teña sido posible até a data, alomenos este libro é un adianto máis que significativo.

Cando se publicou por vez primeira, en 1973, este Parladoiro constituía o primeiro tomo dun intento de editar as “Obras selectas” en galego de Otero Pedrayo que ía ficar finalmente malogrado, malia chegar a saír do prelo en 1983 outra recompilación, neste caso baixo o título de Ensaios e algunha que outra novela, como Os camiños da vida nunha magnífica edición de Carlos Casares. Por sorte, desde hai uns anos a editorial Galaxia retomou o proxecto e, en colaboración coa Fundación Otero Pedrayo, anda a recuperar en edicións modernas algúns dos títulos máis importantes que conforman a inmensa obra deste prolífico poeta, novelista, ensaísta, autor de teatro, historiador, xeógrafo, memorialista, articulista e orador, entre outras moitas cousas. E, sempre, autor imprescindible das nosas letras.


Ramón Otero Pedrayo
Parladoiro
Edición e prólogo Carlos Amable Baliñas Fernández
Vigo: Galaxia. 2016
488 pp.

08/02/2017

0 comentários :

Danos a túa opinión