Marexada de cores. Hipólito Xeada

Redacción.-

O xoves, 23 de marzo, ás 20:00 horas, tivo lugar na Sala de Exposicións do MPLugo o acto de inauguración da exposición “Marexada de cores” con obras do artista de Adelán, Hipólito Xeada. Esta mostra poderá visitarse no horario habitual do MPLugo ata o 14 de maio. O acto contou coa presenza de Pilar García Porto, deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico Deseño, Artesanía e Educación da Deputación de Lugo, de Encarna Lago, xerente da Rede Museística, e de Hipólito Xeada.

Hipólito Xeada naceu en Adelán, concello de Alfoz (Lugo) en 1955. Iniciou os seus estudios de Talla de Madeira, Modelado, Debuxo, Pintura…en 1965, no Colexio de Xordomudos de Santiago de Compostela, da man dos mestres Acuña e Bonome. En 1975, ingresa na Escola de Artes Aplicadas e Oficios de Lugo.

Hipólito Xeada fai arte ata dos anaquiños de cortiza ciscados pola mesa ó remate do xantar. Gusta do inmediato. Do instante preciso en que abrolla a idea. Pensa e fai. O talento únese ao oficio e a técnica adquirida durante anos de estudo á xa dilatada experiencia dun recrear e innovar constante. A súa arte pode cobrar corpo en lenzos diminutos, en grandes composicións ou en figuras de táboa labrada, ergue o ánimo do cartón e modela a area amollada honrando o fugaz da beleza. Tennos abraiado con paisaxes coñecidas, referentes compartidos, motivos naturais, mulleres e homes con anchoas e redes, e tamén con escenas máis persoais, momentos íntimos, espellos que esculcan portas adentro. Obras de realismo que non deixa de relevar a man do retratismo, ou dunha figuración inconfundible de trazos áxiles que xoga coas cores e peneira a emoción dos escudos. Hipólito Xeada naceu en Adelán. Grazas a iso non temos que viaxar a Nova York a buscar as súas obras no MOMA.

EXPOSICIÓN: Marexada de cores. Hipólito Xeada

Sala de Exposicións do MPLugo  (do 23 de marzo ao 14 de maio de 2017)

Horario de visitas MPLugo

Luns a venres: 9:00 a 21:00 h.

Sábados: 10:30 a 14 e de 16:30 a 20 h.

Domingos e festivos: 11 a 14 h.

Entrada gratuíta

24 de mar. de 2017

Hoxe conferencia de Anik Nandi

Redacción.-
Hoxe venres, 24 de marzo de 2017, ás oito e media do serán, na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos organiza unha conferencia do bengalí Anik Nandi que leva por título "Estratexias para a transmisión interxeracional do galego no contexto familiar".

O acto será presentado por Rebeca Leal Eimil, licenciada en Filoloxía Clásica, e Marisa Barreiro Mejuto, presidenta do Iescha, estando previsto tamén ao final do mesmo un coloquio co conferenciante e un pequeno recital de poemas en galego e bengalí, coa participación de Ainé e Marcos Novo. 

Anik Nandi (Burdwan-A India, 1981) é un sociolingüísta de orixe bengalí -aínda que el di “bengalego”-, doutor nesa especialidade pola Heriot-Watt University de Edimburgo.

Foi licenciado en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Burdwan (A India) e estudou Diploma de Estudos Avanzados ma Unversidade de Santiago de Compostela coa especialización de Filoloxía Galega. É investigador en formación no proxecto da Unión Europea New Speakers in a Multilingual Europe sobre os neofalantes de galego. Tamén é investigardor asociado no Equipo de Sociolingüística do Instituto da Lingua Galega (USC) e colaborador na Cátedra UNESCO de Patrimonio Lingüístico Mundial da Universidade do País Vasco. Anik Nandi é especialista nas áreas de política lingüística, sociolingüística india e galega, linguas minoritarias/ameazadas e no ensino de linguas estranxeiras e participa activamente en conferencias nacioanais e internacionais. É tamén autor de diversas publicacións científicas recollidas en revistas prestixiosas. É importante resaltar tamén que o relator ten ampla experiencia en realizar obradoiros sobre linguas e culturas da India en diferentes institucións nacionais e internacionais. 

Un dos obxectivos que busca Anik con estas charlas é a de ofrecer argumentos para que os galegos e galegas utilicen a lingua propia do país en todos os ámbitos da vida.

Nandi, que fala nun galego moi correcto e fluído, tentará por de manifesto o maltrato que sofren as linguas minorizadas, especialmente o galego, por mor dos prexuízos que seguen presentes na actualidade.

Anik pensa que aínda que o goberno quere botarlle a culpa ás familias, non se lles pode responsabilizar completamente. Quen é realmente necesario que teña un papel favorable á lingua é o goberno, comenta. Asi mesmo cre que cómpre un traballo por parte dos pais.

Hoxe Correa Corredoira en Didac

Redacción.-

Somentes hoxe poderá verse na galería Didac unha mostra retrospectiva de Correa Corredoira.

Unha das facetas menos coñecidas de Correa Corredoira (A Coruña, 1952) é o seu labor editorial, como deseñador de libros e impulsor de proxectos editoriais. Pintor, gravador, escultor, escritor, etc., Correa Corredoira é unha das forzas creativas de Galicia máis representativas desde mediados dos anos setenta ata os nosos días.

Fundador, xunto con outros compañeiros, do colectivo A Galga, e figura chave na súa traxectoria, formará parte do movemento de vangarda Atlántica e da asociación Gruporzán, participando con esta última na edición de 1987 de ARCO. Tras unha primeira etapa naif, expresionista e conceptual, da que quedan como testemuñas algunhas publicacións de carácter singular, a obra de Correa Corredoira evoluciona cara unha figuración pictórica na que o corpo humano e a paisaxe converteránse no seu principal protagonista.

Esta exposición, que terá a duración dun día, permitirá dialogar co artista para entender como funcionaba o contexto da arte nos anos setenta, de que maneira concibían cada unha das súas publicacións, realizadas polos propios artistas e como foi cambiando o contexto creativo a través das súas publicacións.

18 de mar. de 2017

A nosa casa do Vilariño

Antón de Guizán.-

Xermolos acaba de comenzar a campaña «salvemos a casa de Díaz Castro» para recuperala como espazo de uso social e cultural, vinculada á poesía e a auga, moi presentes na vida do poeta. Trabúcanse aqueles que desprezan esta iniciativa aducindo a clásica retaíla de que hai cousas máis urxentes e importantes que facer, como si esta recuperación impedira acometer outras prioridades. Non é a casa de Díaz Castro nun sentido reduccionista e privativo, moi ao contrário, é a casa de todos, "a nósa casa dodo Vilariño" igual que o poeta é xa do común dos galegos e galegas. E si alguén sae beneficiado desta iniciativa, será o pobo de Guitiriz e nomeadamente a parroquia dos Vilares neste intre no que tanta falta fai revitalizar o rural, poñelo en valor con actuacións que o volvan a convertir no centro da cultura dun país que sen rural camiña inevitablemente cara á extinción. Xermolos, depositaria do legado de Pepe do Vilariño, pula por manter este legado vivo máis aló do ano en que se lle adicaron as letras galegas e que sexa a súa casa un lugar de referencia, de encontro, o espazo depositario de todo o referente a Diaz Castro pero tamén un lugar vivo, de interacción diaria entre persoas e colectivos, esa "herba pequerrechiña" que desde Os Vilares, encha de perfume o mundo. Nesta importante iniciativa, estanse a implicar artistas, asociacións, xente do común, cada quén na medida das súas posibilidades, uns con videos, outros con obras de arte, outros cantando ou recitando e outros con cartos, de maneira comunal, como sempre se fixeron as cousas...

Bótase en falta, se cadra, unha maior implicación institucional que garanta ese pulo definitivo como ocorre con outras actuacións necesarias e demandadas no rural referidas á conservación do património.

Os Vilares, cos frescos da igrexa en serio perigo, a escola habaneira da Conchada con necesidades básicas para a súa posta en valor e uso veciñal, os cobertizos e a casa do sindicato en estado ruinoso e o patrimonio etnográfico secuestrado polas silveiras, precisa que se actúe con urxencia, comenzando pola casa de Díaz Castro, "a nosa casa do Vilariño". Aí estaremos.

16 de mar. de 2017

Rosalía sempre viva na CM Manuel María

Redacción.-

A Casa-Museo Manuel María ten xa todo preparado para acoller este vindeiro sábado, 18 de marzo, a final do concurso escolar de recitado poéticoRosalía sempre viva, dirixido a todo o alumnado de ensino non universitario de Galiza, desde 1º de Primaria até 2º de Bacharelato.

Por terceiro ano consecutivo a Casa-Museo do escritor chairego convoca este certame, que ten como obxectivo central potenciar a expresión oral e a creatividade do alumnado a través do coñecemento e o recitado da poesía en galego de Rosalía de Castro e da ampla obra poética de Manuel María, dúas das voces máis importantes e populares da nosa literatura.

Previamente á fase final deste sábado en Outeiro de Rei desenvolveuse durante as semanas previas unha fase nos centros de ensino inscritos no concurso, na maioría dos casos por volta do 24 de febreiro, Día de Rosalía, da que saíron as e os máis de cen finalistas que o sábado optan aos premios e mencións honoríficas que concederá o xurado, composto por persoas do ámbito do ensino ou do teatro.

Rosalía sempre viva estrutúrase en catro categorías diferentes, en función da idade e a etapa educativa do alumnado participante: na 1ª e na 2ª participa o estudantado de Primaria e nas categorías 3 e 4 o de Secundaria, Bacharelato e Ciclos Formativos. Os recitados finalistas son todos de carácter individual, agás na categoría 1, na que as bases permiten a participación en grupo.

Dado que este ano volve ser moi alto o número de participantes na fase final, a xornada estruturarase en quendas de mañá e de tarde: durante a mañá recitarán as categorías 1 e 2 e durante a tarde a 3 e a 4. Os recitados da mañá darán comezo ás 11 e os da tarde ás 16.45. O acto de entrega de premios e diplomas terá lugar a partir das 12.30 para a quenda de mañá e ás 18.10 para a de tarde.

Mentres o xurado delibera a Casa-Museo organizará percorridos guiados polo seu interior para o alumnado participante así como para o profesorado e familias que os acompañaren.

21 de marzo. Día da Poesía

Redacción.-

O vindeiro martes, 21 de marzo, en Vilalba convídase á cidadanía, en xeral, e á comunidade educativa, en particular, a que participe na proxección poética que mane do seu interior.

Baixo o lema SENTE A POESÍA, quen así o desexe, pode recitar poemas de autoría propia ou allea, co gallo de establecer un fío de comunicación entre os distintos colectivos da comunidade vilalbesa.

15 de mar. de 2017

O pergamiño Vindel en Vigo

Redacción.-

A Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, representados polo reitor, Salustiano Mato, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciaron en rolda de prensa a exposición do ‘Pergamiño Vindel’, un dos cumios da literatura medieval galego-portuguesa, no Museo do Mar de Galicia en Vigo. A mostra, que estará aberta ao público entre outubro de 2017 e marzo de 2018, terá como peza central o pergamiño orixinal, datado a finais do século XIII ou principios do XIV, que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax (seis delas con notación musical), no que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar.

Despois de corenta anos depositado na Morgan Library Museum, de Nova York, o ‘Pergamiño Vindel’ abandonará por primeira vez a cidade dos rañaceos para retornar a Vigo, á contorna que lle serviu de inspiración ao trobador. Atrás quedan máis de dous anos de negociacións entre os responsables da prestixiosa biblioteca e a Universidade de Vigo, que fixo súa a suxestión da asociación cultural viguesa Pertenza para que o ‘Pergamiño Vindel’ puidese ser exposto na cidade olívica, o que suporía algo que ata entón nunca ocorrera: a saída do pergamiño do museo do que é propiedade desde a década de 1970.

Desde o mesmo momento no que a Universidade de Vigo propuxo como sede para albergar o pergamiño o Museo do Mar de Galicia, a institución académica e a Xunta de Galicia, propietaria do inmoble, traballaron contra reloxo para validar tecnicamente a ubicación perante a Morgan, que deu o visto e prace ao Museo, que satisfai todos os requirimentos técnicos e adáptase perfectamente á temática das cantigas do Vindel.

“Ondas do mar de Vigo”

Román Rodríguez referiuse tamén ao feito de que o Museo do Mar de Galicia, sito en Alcabre, ao pé da ría viguesa, sexa o lugar perfecto para amosar esta xoia literaria “que, como saben comeza co célebre verso ‘Ondas do mar de Vigo...’, o primeiro da primeira cantiga de amigo recollida no ‘Pergamiño Vindel’. E rematou a súa intervención subliñando que “estamos a falar dun fito cultural da máxima importancia para Galicia. ”O regreso do ‘Pergamiño Vindel’ a Vigo, cruzando de novo o Atlántico para retornar ao lugar que serviu de inspiración ao propio Martín Códax”.

O ‘Pergamiño Vindel’, no que o nome de Martín Códax aparece na parte superior, foi escrito en tinta negra e os pentagramas en vermello, mentres que as iniciais están ornamentadas en vermello e azul.

Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada se soubo da obra de Martín Códax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiis de Cicerón. O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana comprou o pergamiño con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres, onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977 coa sinatura MSM.979, a disposición dos estudosos que desexen traballar con el.

Exposición Berce da nosa cultura e actividades paralelas

O retorno a Vigo da obra de Martín Códax vai moito máis aló da exposición ao público do ‘Pergamiño Vindel’ entre o 6 de outubro de 2017 e o 4 de marzo de 2018. De feito serán cinco meses nos que se desenvolverá un ambicioso programa de actividades para facer partícipe a toda a cidadanía deste acontecemento cultural único, que permitirá estimular a curiosidade e o interese da sociedade sobre a figura de Martín Códax e a súa obra.

Así, ademais de acoller o ‘Pergamiño Vindel’, nunha furna especialmente deseñada para a ocasión, o Museo do Mar ofrecerá, nunha sala especialmente acondicionada, a exposición Berce da nosa cultura con obras vencelladas ao pergamiño, ao mar, aos trobadores galegos, a súa obra e a súa época. Concertos, congresos internacionais e visitas escolares, son outras actividades que se desenvolverán con motivo do retorno do ‘Pergamiño Vindel’ a Galicia.

Andoni Canela na Casa das Insuas

Redacción.-

O vindeiro sábado 18 de marzo ás 20:00 h. no C.E.N "Casa das Insuas" (Rábade, Lugo) contaremos coa presenza do fotógrafoAndoni Canela que nos presentará a súa película-documental "El viaje de Unai". 

A película é unha historia persoal na busca do salvaxe coa súa familia como protagonista. Relata a aventura de máis de dous anos visitando cada un dos 7 continentes para fotografiar a 7 animais ameazados e desta forma reivindicar a conservación dos seus hábitats.

14 de mar. de 2017

VilarEXPO de Luís de Fabete

Redacción.-

Valentín Purriños, Fotógrafo distinguido da Fepfi e nominado aos Goya de fotografía 2005, será o convidado ao acto de inauguración da exposición de VilarEXPO, de Luís de Fabete, sobre natureza e etnografía da parroquia dos Vilares.

Valentín, nado en Guitiriz, amosará o seu apoio á iniciativa de Luís de Fabete, co que coincide en idade, o dia 18 de marzo ás 21:00 na Casa Habanera de Guitiriz. Teremos a sorte de disfrutar de 33 espectacurares imaxes e de escoitar ao seu autor e ao prestixioso fotógrafo chairego, que xuntamente coas súas fillas foi premiado e recoñecido en numerosas ocasións.

Ademáis de Luís de Fabete e Valentín Purriños falarán o presidente da Asociacion Sociocultural Lareira de soños, (entidade organizadora) Antón de Guizán e a alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín.

A exposición conta co patrocinio de GADIS e aa colaboración da Reserva da Biosfera Terras do Miño, o concello de Guitiriz e Copitec Dixital.

Permanecerá un mes en Guitiriz, na Casa Habanera e posteriormente está xa solicitada para a parroquia vilalbesa de Lanzós e o espazo Biblos de Betanzos

José Luís Teijido Comba "Luís de Fabete" (1949) é un fotografo tardío, un vilarego que como outros moitos da parroquia, desenvolveu variados oficios: barbeiro, agricultor, técnico de rádio, o primeiro montador de televisións da parroquia, floricultor e incluso presidente do monte comunal dos Vilares, o que o convirteu nun dos mellores coñecedores do território do lugar. Dotado dunha sensibilidade especial, Luís é un grande amante da natureza e da etnografía, descubridor tamén de pezas arqueolóxicas como un machado prehistórico ou a mámoa das Carriceiras, é un paciente observador das criaturas do nóso hábitat, ás que "caza" en instantaneas únicas como as que se poden observar nesta VilarEXPO, pequenísima mostra do que os ollos de Luís poden captar detrás da súa cámara. 33 imaxes impactantes tamaño 70x50 cms que non deixarán indiferente a ninguén. O retiro profesional de Luís, agasallou á parroquia un artista e unha persoa comprometida co seu entorno a través da Asociación Sociocultural Lareira de soños. As súas fotografías axudannos a todos a coñecer e valorar a nosa riqueza máis próxima, a aumentar a estima do nóso e a corroborar que as "herbas pequerrechiñas" das que falaba Díaz Castro, desde Os Vilares, enchen de perfume o mundo.

Mulleres sobranceiras: María Moreira

Redacción.-

O Arquivo de Galicia pon en valor o labor pioneiro da deseñadora galega María Moreira a través da exposición ‘Mulleres sobranceiras’. A mostra documental, que se pode visitar desde hoxe na Cidade da Cultura, foi presentada esta mañá pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e pola directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, co gallo do Día Internacional da Muller.

Durante o acto de presentación, a secretaria xeral da Igualdade apelou á importancia de facer visible o papel que as mulleres desenvolven na sociedade galega, así como á necesidade de poñer en valor as súas contribucións históricas. Destacou que, con iniciativas como esta, conséguese poñer de relevo a capacidade e saber facer de figuras como María Moreira e de todas as mulleres galegas; ao tempo que se dota ás xeracións actuais de referentes femininos, o que contribúe a seguir avanzando no camiño cara unha sociedade máis integradora e igualitaria.

En alusión ao lema proposto este ano pola ONU para a celebración do Día da Muller, ‘As mulleres nun mundo laboral en transformación: cara a un planeta 50-50 en 2030’, Anxo Lorenzo referiuse ao labor pioneiro de María Moreira como “un exemplo para avanzar nesa transformación que permita gañar a igualdade entre homes e mulleres no mundo laboral e que nos conduza á construción dunha sociedade xusta e libre”.

Percorrido documental

A mostra confórmana un total de 55 pezas –entre as que se inclúen fotografías, contratos, correspondencia e bocexos das súas creacións–, que ilustran a destacada contribución de Moreira ao impulso do sector téxtil galego, ao tempo que se achegan ao seu proceso de creación e á conexión do mundo da moda coa sociedade. Todas as pezas proceden do arquivo profesional de María Moreira, que a deseñadora lle doou recentemente ao Arquivo de Galicia.

A través da serie ‘Mulleres sobranceiras’, posta en marcha en 2016 cunha exposición dedicada á arquiveira Olga Gallego, a Xunta de Galicia pretende contribuír a darlle visibilidade ao traballo e ao papel desenvolvido polas mulleres en diversos ámbitos, ao tempo que se difunde a importancia dos arquivos como institucións garantes de dereitos e da memoria da sociedade.

Unha muller pioneira

Nacida en Vilaza, no municipio pontevedrés de Gondomar, María Moreira comeza en 1952 a súa traxectoria profesional de forma autodidacta para converterse nun referente da moda galega na década dos oitenta. A súa primeira tenda na rúa Marqués de Valladares de Vigo é o escaparate que lle abre as portas para trasladarse a Barcelona e introducirse no deseño industrial da man de recoñecidas firmas, como Daniel G. Bamboo ou Closed, entre outras. Despois dunha estancia de cinco anos nesta cidade, en 1980 regresa a Galicia e lanza as súas creacións co seu propio nome: María Moreira (MM). Cinco anos máis tarde, en 1985, inaugura a pasarela Cibeles, á que acudirá durante máis dunha década.

As súas creacións, na gran pantalla

María Moreira establecera unha estreita vinculación coa denominada Movida viguesa e madrileña. É nese marco no que entra en contacto co mundo do cine colaborando con Pedro Almodóvar en películas como ‘Pepi, Luci, Bom y otras chicas del montón’ e ‘Mujeres al borde de un ataque de nervios’, na que se ocupou do vestiario de Carmen Maura; ou con Rafael Moleón en ‘Baton Rouge’.

En 1990 fusiónase con Creacións Foque S.L., unha empresa dedicada ao deseño e fabricación de prendas infantís e, en 1997, amplía as súas actividades coa creación dun taller integral de deseño e prototipos: a empresa Diseño, Corte y Confección de Moda.
Algunhas das súas creacións exhibíronse na exposición ‘Con-Fío en Galicia. Vestir Galicia, vestir o mundo’, que tivo lugar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia de marzo a setembro de 2016, baixo o comisariado de Miguel Anxo Seixas Seoane. En 2010, o Instituto de Estudos Miñoranos tamén lle dedicou a mostra ‘María Moreira. 30 anos de deseño de moda galega’, comisariada por Rosalía Pazo Maside.

Na actualidade vive en Cabo Verde, onde inaugurou o seu primeiro pase en xullo de 2016.

 

13 de mar. de 2017

O primeiro Valle-Inclán


Mario Paz González.-

Pescudar a influencia que a contorna familiar, cultural ou social poida ter na formación dun individuo ou, máis comunmente, na dun artista, non é tarefa doada para calquera biógrafo ou estudoso que se prece. Se cadra por iso, tentar albiscar canto poida haber do herdado por parte de antepasados móstrase como algo case imposible. “Cómpre pensar que na orixe daquela estrañeza no mundo non houbese outra cousa que unha mestura fatal de predisposicións incompatibles?”, pregúntase Reiner Stach na súa recente biografía de Kafka ao tratar de profundar no posible influxo na visión do mundo do escritor checo de todos os Kafka e todos os Löwy anteriores a el.

Pretender afirmar a importancia dese influxo no caso de Valle-Inclán pode resultar dun atrevemento tan ousado como atraínte. Ou, en calquera caso, un entretemento baleiro para xoves filólogos ociosos. Acaso puidera ser que as abundantes referencias á Revolución de 1868 na súa obra veñan pola participación na mesma do seu tío José Cuevas del Valle, digno herdeiro de Rocambole? Ou a do seu pai, don Ramón del Valle Bermúdez, poeta, xornalista e arqueólogo, ao tempo que concelleiro, fidalgo e empresario? Cómpre pensar que todo ese mundo de reviravoltas caciquís que retrata nalgunha das súas obras máis senlleiras puidera deberse ás vivencias do seu avó Francisco Peña?

En calquera caso, dous signos distintivos da personalidade do autor de Tirano Banderas, a súa barba e o seu apelido, remítennos a un dos seus antepasados máis afastados no tempo, o máis senlleiro, o máis “raro” no sentido rubeniano do termo, o máis parecido ao noso escritor en moitos eidos da súa personalidade: Francisco del Valle Inclán. Habería de ser el quen dera orixe ao apelido que tanto Valle como o seu pai, irmáns, fillos e netos seguirían, aínda hoxe estes últimos, a utilizar.

Naceu este personaxe en San Martiño de Sobrán (Pontevedra) en 1736. Era fillo de Pablo del Valle e María Antonia Inclán, de aí o famoso apelido. En palabras do noso escritor, citado por Gómez de la Serna en 1924 na revista Nuevo Mundo, este antepasado “era como todos os da miña raza: un xigante, un home aposto, moi xentil”, que levara a súa elegancia ao extremo de facerse amputar o dedo dun pé polas molestias que lle ocasionaba o calzado ao camiñar. Arroutadas aparte, del sabemos que foi experto en linguas mortas, catedrático universitario de Leis, reitor do Colexio de San Clemente, fundador da biblioteca da Universidade de Santiago e tamén creador do primeiro xornal de Galicia, El Catón Compostelano, un panfleto de periodicidade semanal editado en oitavo.

El Catón Compostelano comezou a publicarse en 1800 e a súa filosofía non responde de ningún xeito ao que hoxe en día entendemos por un xornal. Non tiña como finalidade principal a información. O seu ton discursivo e erudito fai pensar que, entre mofa e befa, procuraba máis ben o adoutrinamento (ou o entretemento) dun público escollido. Contiña, en palabras de Filgueira Valverde, “unha estraña amálgama de humor e erudición, de reformismo galicista e de apego ao tradicional”. Con todo, aínda hoxe descoñécese quen ou quenes eran o autor ou autores dos textos que incluía, é dicir, se había algún outro redactor ademais do propio Francisco del Valle Inclán ou todos os textos proviñan da súa fecunda e imaxinativa pluma. O feito de que aparezan asinados por diferentes siglas ou por alcumes tan extravagantes como “El Incógnito”, “El Imbrujoleable” ou “Él”, a secas, non resulta máis tranquilizador a este respecto.

Un ton irónico, que lembra ao do creador do Esperpento, domina toda a publicación. Mesmo nos “discursos” (que así se chamaban os textos que incluía) máis serios, como os adicados á educación, a paz, os avances científicos ou a importancia da aprendizaxe das matemáticas ou da lectura, tamén para as mulleres, adiantándose en varias décadas ao feminismo decimonónico. Un bo número ten un ton disparatado, mesmo entre a ciencia e a ficción científica, como o asinado polo “Marinero del Ayre”, onde se describe con todo luxo de detalles unha máquina voadora da súa invención e exponse a necesidade de buscar financiamento para poder levar a cabo o proxecto.

Algúns destes discursos resultaron certamente polémicos, como aqueles nos que atacaba ao historiador Juan Francisco de Masdeu, ou no que afirmaba que todas as linguas de España eran anteriores ao latín e que lle valeu a inclusión do Catón no Index librorum prohibitorum editado polo Santo Oficio. Ou outro no que analiza o odio recíproco entre todas as nacionalidades do mundo, atribuído, segundo el, á diferenza de costumes entre as distintas culturas e do que dá un bo número de exemplos, na súa maior parte inventados. Aínda que don Francisco del Valle Inclán non lucía barba, como o seu descendente, o insigne escritor, iso non lle impediu afirmar, como un hipster calquera e adornándoo con innumerables citas eruditas, que a barba era signo de distinción e poder, amais de contribuír a preservar a boa saúde. Este texto ía valerlle unha contestación nun folleto baixo o título “Desagravio del clero latino, insultado en las mismas barbas, por El Catón Compostelano”.

A figura e as achegas deste personaxe foron estudadas con profusión por diferentes autores como o citado Filgueira, o Marqués del Saltillo, Teodomiro Cardalda ou os propios descendentes de Valle, Joaquín e Javier del Valle-Inclán Alsina, entre outros. Tamén con enorme amplitude por Víctor Viana o cal, en Los otros Valle Inclán (2007), analiza a figura dalgúns outros antecesores e descendentes citando, mesmo, “aqueles afastados familiares que por casamento chegaron a ser persoas extraordinariamente ricas nos Estados Unidos e que ata tiveron a intención de invadir México para devolverllo a España”.

Quen pense, como Zola e os naturalistas, que a existencia do ser humano está marcada polo Determinismo, polo influxo de forzas incontrolables, polos instintos, as paixóns, a herdanza ou a contorna social e económica podería ter un amplo campo de estudo na figura de Valle, na que vida e obra tenden a confundirse ata facerse, ás veces, indistinguibles. Con todo, cómpre pensar que todo iso sexa algo baleiro. Algo que non nos afasta do esencial, a idea de que, por riba de todo, a súa dilatada e complexa literatura é universal e eterna e sitúao para a posteridade como un dos grandes artífices da literatura hispánica moderna.

Artigo publicado no último número da revista La Galerna. Tabloide crítico (marzo, 2017), pp. 13-14, adicado na súa integridade a Valle-Inclán, xunto a outros textos de Andrés Trapiello, José Luis Puerto ou Bruno Marcos.

9 de mar. de 2017

O CDG ensaia Martes de Carnaval

Redacción.-

O equipo artístico e técnico do espectáculo ‘Martes de Carnaval’ iniciou en Santiago os ensaios da que será a nova produción propia do Centro Dramático Galego (CDG), que suporá ademais a primeira posta en escena en galego das pezas de Ramón María del Valle-Inclán ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’. Con esta montaxe, a compañía pública galega contribúe á incorporación do gran autor arousán ao repertorio teatral en galego no ano en que quedaron liberados os dereitos da súa obra.
A súa directora artística é a creadora pontevedresa Marta Pazos, quen traballa xa co elenco de 10 intérpretes que foron elixidos para encarnar os máis de 30 personaxes destas dúas obras tras superar un proceso de selección pública ao que concorreron 244 persoas. Trátase de catro actrices (Iria Azevedo, Mercedes Castro, Anabell Gago e María Roja) e de seis actores (César Cambeiro, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, Machi Salgado e Sergio Zearreta), con traxectorias dentro e fóra de Galicia que dan conta da versatilidade e experiencia da nosa profesión teatral.

Rutina corporal e traballo co texto
Agárdanlles agora case dous meses de ensaios cara á estrea de ‘Martes de Carnaval’ o venres 20 de abril no Salón Teatro, sede do CDG en Compostela. As sesións, que nestes primeiros días inclúen rutina corporal e traballo co texto en mesa, comezarán pola montaxe de ‘As galas do defunto’ para centrarse despois en ‘A filla do capitán’.

Xunto con eles e co equipo técnico da compañía pública, participan tamén nesta produción Manolo Cortés, na tradución ao galego; Fernando Ribeiro, no deseño da escenografía; Rui Monteiro, da iluminación; Uxía Vaello, do vestiario; José Díaz e Hugo Torres, na composición da música orixinal; Rut Balbís como asesora de movemento, e Gena Baamonde, na asistencia de dirección, entre outros profesionais.

5 de mar. de 2017

O necesario contexto

Helena Villar Janeiro.-

Por un deses apuros que nos mete o Entroido cando hai xente noviña á que se lle ha preparar un disfrace que nos guste e lle guste, mando un mozo mercar á mercería 1m. de vivo e el pregúntame abraiado que é iso. E chócame moito que mo pregunte, porque o mozo ten antecedentes de catro xeracións de homes e tres de mulleres relacionados coa confección artesanal das prendas de vestir. Non caera na conta de que el xa non estivo en contacto con ese traballo, porque antes –veremos que pasa no futuro- as familias ían ascendendo socialmente e porque o traballo artesanal tamén vai camiño de desaparecer se non se fai algo que o valore debidamente. Acabo entendendo, xa que logo, que a mensaxe o deixe descolocado. Para que se atrevese a pedir algo así sen recorrer eu á definición dunha palabra que ata no oficio de coser é polisémica, inda que con moitas semellanzas de uso, asegureille que a tendeira o entendería sen lle el dar máis que o  anaquiño do tecido que levaba para que casase a color. E, como eu supoñía, volveu morto coa risa de que unha tira xa preparada para facer o remate dun escote se chamase vivo e do ben que entendera a vendedora o que pedía a pesar dun significante tan estraño. O contexto é fundamental para a comprensión plena das mensaxes. Unha estrutura tan simple como “a parella”, significaría ata hai ben pouco –porque a realidade tamén muda- para un labrego, as vacas ou bois que se xoncían xuntos para traballar e para unha familia de xitanos nómades, a garda civil coa que preferían non bater. Hoxe fai referencia xeralizada á persoa coa que se convive afectivamente, sexa cónxuxe de dereito ou non. E para unha destas parellas, usada en diminutivo, viría a indicar que teñen nena e neno como descendentes. O contexto é o que nos permite aprender as palabras do noso contorno para ir adquirindo un dominio, cando menos parcial, da que ha ser a nosa lingua. E sucederá cando as escoitamos por primeira vez, cando aumentamos a nosa riqueza idiomática nese mesmo código e cando aprendemos un novo idioma. Na vida cotiá ese contexto dáse doadamente, e cada criatura aportará á escola palabras relacionadas co oficio e modo de vida das persoas coas que se cría, verdadeira confluencia dun pequeno universo. Tamén adquirirá certa complexidade idiomática se o nivel conversacional que lle serve de modelo ten estruturas  relacionadas cos procesos mentais que fomenta a escola a partir da lingua. Por iso, os centros de ensino deben ser igualadores para nivelar aquel alumnado que aporta estruturas máis elementais na súa expresión coa axuda de quen xa as posúe que, ben encamiñado, será fermento facilitador da aprendizaxe dos demais canda o da súa.

A palabra contexto hoxe é o comodín co que xente pública pretende enmendar o que xa pronunciou e non lle conviña ter feito. Daquela, di que se sacaron de contexto as súas palabras e pensa que a fórmula enmenda todo. Pero este contexto descontextualizado non lle vale de desculpa.

Publicado en  El Correo Gallego (03-03-17)

4 de mar. de 2017

Valle-Inclán en galego

Redacción.-

Producións Teatràis Excéntricas estrea este venres no Teatro Principal de Santiago ‘A cabeza do dragón’, primeira versión en galego dunha peza de Ramón María del Valle-Inclán. Tras a liberación dos dereitos da obra do autor arousán, a compañía compostelá escolleu esta farsa esperpéntica para poñer en escena a Valle nun espectáculo de oito actrices e actores, con Quico Cadaval na dirección.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) colabora nesta estrea a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto no que se inclúen as tres primeiras funcións de ‘A cabeza do dragón’ no Principal, onde permanecerá dúas semanas: días 3, 4, 5, 9, 10 e 11 de marzo, ás 20.30 horas.

Así o destacou hoxe Jacobo Sutil, director da Agadic, quen participou na presentación da estrea xunto á Martiño Noriega, alcalde de Santiago; Quico Cadaval, director da montaxe, e todo o seu equipo artístico. Sutil tamén explicou que o apoio da Agadic a este primeiro Valle en galego materialízase, así mesmo, a través da subvención que a compañía recibiu para poñer en pé esta proposta a través da convocatoria de axudas á produción escénica de 2016, na modalidade de gran formato.

Fito para o teatro galego

O responsable da Agadic cualificou de fito para o noso teatro esta estrea, ao tempo que expresou o seu desexo de que a esta lle sigan outras moitas oportunidades para normalizar o tratamento en galego do repertorio de Valle-Inclán. Neste sentido, aproveitou para anunciar que o Centro Dramático Galego comezará a ensaiar esta mesma semana o seu ‘Martes de Carnaval’, que inclúe as pezas ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’, cara á súa estrea o 20 de abril no Salón Teatro, tamén en Santiago.

Iván Marcos, Yelena Molina, Víctor Mosqueira, Patrica Vázquez, María Costas, Josito Porto, Marcos Orsi e o propio Quico Cadaval interpretan a historia da viaxe ao corazón do dragón que se narra en todas as culturas do mundo. Trátase dunha fábula que Valle-Inclán manipulou brillantemente con elementos actuais, crítica social, brincadeiras políticas ou anacronismos argumentais para levala cara ao esperpento.

Máscaras e combates acrobáticos

No 80º aniversario da morte do gran escritor galego, ‘A cabeza do dragón’ que propón Excéntricas móvese entre a influencia xaponesa e a tradición da farsa europea para construír un espectáculo cheo de máscaras e combates acrobáticos. A crear esta atmosfera contribúen a escenografía e a iluminación de Baltasar Patiño, o vestiario e o deseño gráfico de Suso Montero, a música composta ad hoc por Javier María López e gravada polo Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) baixo a batuta de Diego García, e as coreografías de loitas e combates ideadas por Iván Marcos, entre outras achegas.

As entradas para as seis representacións da nova produción de Excéntricas en Santiago están xa á venda no Teatro Principal, aberto de martes a xoves de 18.00 a 21.00 horas e de venres a domingo (só para as funcións do día) de 18.00 a 20.00 horas. Tamén se poden adquirir na web entradas.abanca.com ou no teléfono 902 434 443.

Tras a súa estadía Compostela, ‘A cabeza do dragón’ emprenderá unha ampla xira galego-portuguesa para a que xa ten confirmadas unha vintena de datas na Coruña, O Barco de Valdeorras, Cangas, Carballo, Muros, Vigo, Oleiros, Ames, Noia, A Pobra do Caramiñal, A estrada, Rianxo, Cariño, Lalín, Matoshinhos (Portugal), Narón e A Illa de Arousa, moitas delas cofinanciadas pola Agadic e os concellos como parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Todas as funcións pódense consultar na Axenda de Cultura de Galicia.

3 de mar. de 2017

Barriga Verde na Casa Manuel María

Redacción.-

Este sábado 4 de marzo ás 18 horas o auditorio da Casa-Museo Manuel María en Outeiro de Rei acolle a representación do espectáculo "O conto de Barriga Verde"a cargo do actor Fran Rei. Unha historia escrita por Avelino González a partir de tres obras de Manuel María (Barriga Verde, Os soños na gaiola e Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela). A dirección escénica da montaxe é de Tereixa Campo.

Este espectáculo, que xa leva arredor de cincuenta representacións, conta a historia de Fiz, un mozo labrego galego, que terá que se enfrontar ao Serrador e ao Demo polo namoramento da sempre belida Moza. Coa axuda da maxia do seu padriño Barriga Verde, vello e neno ao mesmo tempo demostrarán que nada é máis forte que o amor verdadeiro.

O conto de Barriga Verde” dura pouco menos de unha hora e está dirixido especialmente a público infantil e familiar. O prezo do billete é de 2 euros e pódense facer xa reservas a través do enderezo electrónicocontacto@casamuseomanuelmaria.galou chamando ao tel. 698177621.

Esta actividade é programada pola Casa-Museo Manuel María, a ANPA do CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei e a ANPA do CEIP Otero Pedrayo de Rábade e conta coa colaboración da Deputación de Lugo.

[Ex]posicións críticas 1975-1995

Redacción.-

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) presenta ‘[Ex]posicións críticas. Discursos críticos na arte española, 1975-1995’, un proxecto no que se pon de manifesto o xurdimento, durante esa época, de novos enfoques críticos e interpretativos no panorama artístico do país.

Para abordar as liñas de pensamento nesas dúas décadas, esta “exposición de exposicións” revisa 11 mostras con artistas e comisarios españois realizadas entre 1975 e 1995, co fin de ir trazando o camiño percorrido pola arte nesas dúas décadas, e o pensamento crítico que o sustentou. A mostra conta con dous comisarios: Mariano Navarro e Armando Montesinos.

‘[Ex]posicións críticas’, que abrangue todas as salas do CGAC, estrutúrase en tres grandes bloques, constituídos á súa vez por diferentes proxectos. Cada parte da exposición foi recreada co sentido de evocar as intencións críticas e a atmosfera dunha época de profundas transformacións sociais, culturais e xeracionais, con cambios como a nova figura do comisario de exposicións, a plena incorporación das mulleres ás artes plásticas, a creación de museos e centros de arte contemporánea, o carácter universitario dos estudos de belas artes ou as problemáticas do mercado.

Unha “exposición de exposicións”

O primeiro dos bloques, ‘Criterios interpretativos’, que abrangue os anos setenta e oitenta do século XX, reconstrúe de xeito visual e documental o proceso seguido para incorporar os artistas contemporáneos a escena e nel están representados creadores e creadoras como Carlos Alcolea, Eulàlia Grau, Eva Lootz e os galegos Menchu Lamas, Antón Patiño, Antón Lamazares, Francisco Leiro e Ignacio Basallo, entre outros. As exposicións que contempla esta primeira parte do proxecto son ‘Propac’, ‘1980’, ‘Madrid D.F.’, ‘Fóra de formato’ e ‘Atlántica’, esta última sobre o proxecto do mesmo nome xestionado e impulsado por artistas na década dos oitenta en Galicia, co obxectivo principal de chamar a atención sobre a diversidade da forza creativa galega neses anos.

A segunda parte do proxecto, ‘Interpretacións críticas’, presenta catro exposicións realizadas entre 1990 e 1994: ‘Madrid. Espazo de interferencias’, ‘O soño imperativo’, ‘100%’ e ‘Espazos públicos, soños privados. Trátase de catro proxectos curatoriais, que representan exemplos da verdadeira consolidación do concepto de comisariado no noso país. Finalmente, o terceiro bloque, ‘Desprazamentos teóricos’, comeza cunha exposición, paradoxalmente celebrada no estranxeiro, que aspiraba a marcar o camiño da arte no país nos anos noventa a partir dunha dobre mirada, cara ao pasado e cara ao futuro: ‘Antes e despois do entusiasmo’, comisariada por José Luis Brea. Súas son tamén as outras dúas propostas que conforman esta terceira parte: ‘Iluminacións profanas’ e ‘O punto cego’.

Actividades relacionadas

O proxecto expositivo complétase con ‘Tentativas críticas’, un ciclo de debates que fará un repaso polas principais problemáticas do pensamento crítico actual. Constará de 10 mesas redondas que reunirán máis de 40 artistas, críticos e comisario españois. Esta tarde, ás ás 18:00 horas, previamente á inauguración do proxecto expositivo, celebrarase a primeira sesión, coa participación de Dora García, Martí Manen e Isidoro Valcárcel Medina, e moderado por Juan Bosco Díaz Urmeneta. Nela abordaranse os referentes intelectuais sobre os que os críticos e artistas configuran o seu propio territorio persoal e social.

O escenario destes debebates serán as salas de exposición, nunha das pezas que a conforman: uns bancos realizados por Laboratorio de Luz que configuran un hexagrama do I-Ching e que foran deseñados para acoller uns debates en ARCO 93. As intervencións dos participantes no ciclo publicaranse, xunto con outros contidos, nunha revista dirixida polos comisarios do proxecto e coordinada por Natalia Poncela.

Os comisarios: Armando Montesinos e Mariano Navarro

Armando Montesinos é profesor desde 1989 na Facultade de Belas Artes de Cuenca. Especialista en arte contemporánea, organizou máis de 100 exposicións de artistas nacionais e internacionais, como comisario independente e como director da galería Fernando Vijande nos oitenta, e das galerías Juana Mordó e Helga de Alvear nos noventa. Entre 1983 e 1985 foi subdirector do programa de TVE ‘La edad de oro’, dedicado ás artes e á música. Publicou numerosos textos en catálogos, prensa e revistas especializadas. É membro do Consello de Críticos e Comisarios de Artes Visuais, que actualmente presidente.

Crítico de arte e comisario de exposicións, Mariano Navarro presidiu entre 2005 e 2009 o Consello de Críticos e Comisarios de Artes Visuais, do que é vogal. Desempeñou o seu labor crítico en medios xornalísticos como ‘El País’, ‘ABC’, ‘La Razón’ e, na actualidade, no suplemento ‘El Cultural’ do xornal ‘El Mundo’. Colabora tamén en ‘Artecontexto’, ‘Solar’, ‘Campo de relámpagos’ etc. Comisario de máis de 50 exposicións, é autor do libro ‘La luz y las sombras en la pintura española’ (Espasa-Calpe, 1999). Desde o ano 2000, é membro do xurado do Premio Altadis, España / Francia, do que foi comisario nas edicións 2001 e 2006-2007. Guionista de programas culturais en televisión como ‘Trazos’, ‘Imágenes’, ‘Tiempo de papel’ e ‘La gran galería’, colabora coas editoriais Espasa-Calpe e Anaya, Acento e Ediciónes B, entre outras.

1 de mar. de 2017