O pergamiño Vindel en Vigo

Redacción.-

A Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, representados polo reitor, Salustiano Mato, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, anunciaron en rolda de prensa a exposición do ‘Pergamiño Vindel’, un dos cumios da literatura medieval galego-portuguesa, no Museo do Mar de Galicia en Vigo. A mostra, que estará aberta ao público entre outubro de 2017 e marzo de 2018, terá como peza central o pergamiño orixinal, datado a finais do século XIII ou principios do XIV, que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax (seis delas con notación musical), no que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar.

Despois de corenta anos depositado na Morgan Library Museum, de Nova York, o ‘Pergamiño Vindel’ abandonará por primeira vez a cidade dos rañaceos para retornar a Vigo, á contorna que lle serviu de inspiración ao trobador. Atrás quedan máis de dous anos de negociacións entre os responsables da prestixiosa biblioteca e a Universidade de Vigo, que fixo súa a suxestión da asociación cultural viguesa Pertenza para que o ‘Pergamiño Vindel’ puidese ser exposto na cidade olívica, o que suporía algo que ata entón nunca ocorrera: a saída do pergamiño do museo do que é propiedade desde a década de 1970.

Desde o mesmo momento no que a Universidade de Vigo propuxo como sede para albergar o pergamiño o Museo do Mar de Galicia, a institución académica e a Xunta de Galicia, propietaria do inmoble, traballaron contra reloxo para validar tecnicamente a ubicación perante a Morgan, que deu o visto e prace ao Museo, que satisfai todos os requirimentos técnicos e adáptase perfectamente á temática das cantigas do Vindel.

“Ondas do mar de Vigo”

Román Rodríguez referiuse tamén ao feito de que o Museo do Mar de Galicia, sito en Alcabre, ao pé da ría viguesa, sexa o lugar perfecto para amosar esta xoia literaria “que, como saben comeza co célebre verso ‘Ondas do mar de Vigo...’, o primeiro da primeira cantiga de amigo recollida no ‘Pergamiño Vindel’. E rematou a súa intervención subliñando que “estamos a falar dun fito cultural da máxima importancia para Galicia. ”O regreso do ‘Pergamiño Vindel’ a Vigo, cruzando de novo o Atlántico para retornar ao lugar que serviu de inspiración ao propio Martín Códax”.

O ‘Pergamiño Vindel’, no que o nome de Martín Códax aparece na parte superior, foi escrito en tinta negra e os pentagramas en vermello, mentres que as iniciais están ornamentadas en vermello e azul.

Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada se soubo da obra de Martín Códax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiis de Cicerón. O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana comprou o pergamiño con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres, onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977 coa sinatura MSM.979, a disposición dos estudosos que desexen traballar con el.

Exposición Berce da nosa cultura e actividades paralelas

O retorno a Vigo da obra de Martín Códax vai moito máis aló da exposición ao público do ‘Pergamiño Vindel’ entre o 6 de outubro de 2017 e o 4 de marzo de 2018. De feito serán cinco meses nos que se desenvolverá un ambicioso programa de actividades para facer partícipe a toda a cidadanía deste acontecemento cultural único, que permitirá estimular a curiosidade e o interese da sociedade sobre a figura de Martín Códax e a súa obra.

Así, ademais de acoller o ‘Pergamiño Vindel’, nunha furna especialmente deseñada para a ocasión, o Museo do Mar ofrecerá, nunha sala especialmente acondicionada, a exposición Berce da nosa cultura con obras vencelladas ao pergamiño, ao mar, aos trobadores galegos, a súa obra e a súa época. Concertos, congresos internacionais e visitas escolares, son outras actividades que se desenvolverán con motivo do retorno do ‘Pergamiño Vindel’ a Galicia.

15 de mar. de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión