Palabra de Ramón Chao

Moncho Paz.- Ramón Chao é un home de palabra. No seu reencontro con Vilalba, que se produciu en abril de 2011, recibiu unha agarimosa acollida por parte do público que se deu cita aquela tarde primaveral na Casa da Cultura. Chegou para desfacer os malentendidos xerados coa publicación de "O lago de Como", a novela que o afastou de Vilalba. "Eu sempre estiven presente, nunca me fun", afirmou con rotundidade. E así é, porque a capital chairega aparece unha e outra vez en toda a súa obra literaria. Aplausos e máis aplausos. Nese ambiente, os asistentes ao acto, encabezados polo lembrado Bernardo García Cendán, pediron a Ramón dúas cousas: que trouxera a Vilalba aos seus fillos Manu e Antoine, e que voltara tamén á capital chairega co seu inseparable Ignacio Ramonet, outro mestre do xornalismo e icono do movemento antiglobalización.

Este último visitou Vilalba por vez primeira en novembro de 2011, onde pronunciou a conferencia “A explosión do xornalismo”, título do seu libro homónimo. Foi outra xornada entrañable. Chao e Ramonet camiñaron previamente pola vila e, antes de dirixirse ao Centro Cultural e Recreativo –onde tiña lugar o evento- pararon de súpeto fronte á sede da Fundación Manuel Fraga. Ramón comentaba nese intre que algún día gustaríalle ser nomeado “Fillo Predilecto de Vilalba”. E Ignacio, ollando cara a placa colocada na fachada do edificio, tumbou de súpeto as aspiracións do seu amigo: “Sinto dicirche, Ramón, que non poderás ser fillo predilecto da túa vila; porque nesta inscrición pon que Manuel Fraga ten a consideración de O Fillo Predilecto de Vilalba (con artigo determinado), co cal xa non pode haber outro”. Ao que Chao, inxenioso coma sempre, respostou: “Xa non me interesa, prefiro ser Fillo Pródigo”. Agora está a piques de publicar a súa última novela, con carácter autobiográfico, baixo ese mesmo título.

Pola súa banda, Manu veu a Vilalba ao ano seguinte, no mes de maio. Aproveitando a súa presenza no Festival Reperkusión, en Bemposta, sorprendeu ao seu pai en Ourense e díxolle: “Facemos esa excursión a Vilalba que temos pendente?”. Atopámonos no xardín de Casa Anduriña, nun encontro de amigos. Percorrimos as rúas da vila e visitamos a Bernardo, que xa estaba moi maliño. Despedímonos del. Ese día Manu ía coa idea de tocar a guitarra e cantarlle ao amigo do seu pai e ao final deixouna no chan.

Aquela xornada, Ramón decidiu que voltaría a Vilalba cada ano a finais do mes de agosto, co gallo das festas de San Ramón. E así foi, palabra de Chao. O 28 de agosto de 2015 dedicámoslle unha escultura no Hectómetro Literario, formando parte –xa para sempre- da contorna máxica do Paseo dos Soños.

Nesa ocasión dixo que regresaría para ensinarlle á súa familia o piano de pedra (obra de Valdi), onde o pasado sábado interpretou “O lago de Como”, de Gallas. Ese fora o título do libro publicado en 1982, finalista do Premio Nacional de Narrativa, que provocou unha serie de malentendidos e o seu distanciamento con Vilalba durante lustros. Estivo unha vez máis connosco ao longo da fin de semana, acompañado do seu inseparable Ignacio Ramonet, a súa dona Felisa Ortega (algún día traducirei ao galego o conto de Eduardo Galeano), o seu fillo Antoine (quen levaba anos sen vir por Vilalba, dende a adolescencia) e os seus netos Merlin e Margarita. Palabra de Chao. Querémoste moito, Ramón. Volta cando queiras. Ata sempre, compañeiro.

30 de maio de 2017

0 comentários :

Danos a túa opinión