Sacar a lingua é de mala educación

Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos, seguindo cos actos programados co gallo das Letras Galegas, organiza para o vindeiro venres 2 de xuño de 2017, ás sete e media da tarde, na Casa de Cultura de Vilalba, a presentación do libro de Manuel Núñez Singala “Sacar a lingua é de mala educación. Oportunidades do multilingüísmo na infancia e na idade adulta”, editado por Galaxia. 

O libro -segundo podemos ler na páxina web do autor- procura argumentos e estratexias para aproveitar as posibilidades que, tanto a adultos como a nenos, lles brinda a vida nunha comunidade bilingüe que se insire nunha Europa multilingüe e nun mundo cunha extraordinaria riqueza idiomática.

Ao longo deste volume expóñense de maneira sinxela e clara os motivos polos que todos os habitantes de Galicia deberían ser competentes nas dúas linguas oficiais da comunidade e empregar esa destreza como trampolín para adquirir outras o antes posible. Porque en cuestión de linguas o importante é sumar.

O acto contará coa intervención de Manuel Núñez Singala, o autor do libro, e Marisa Barreiro Mejuto, presidenta do Iescha.

O autor
Manuel Núñez Singala naceu en Lugo en 1963, pero en Vilalba é onde transcorre a súa infancia e adolescencia. A Terra Cha é a súa primeira patria. Estuda, traballa e vive máis tarde en Compostela, que é como el mesmo di a súa segunda patria.

Sempre foi un gran afeccionado á lectura, pero a súa inclinación pola escrita, di que quizais lla deba aos certames literarios do instituto de bacharelato vilalbés. Nese centro estreou as primeiras obras de teatro, ata tres montaxes aló contra final dos anos setenta. Despois estudou en Santiago onde ficou. En Galaxia ten publicado O achado do castro (1991, Premio Xiria de Creación Teatral 1987), Comedia bífida (2007), Planificación estratéxica (2009). Narrativa: Mar de fondo (1997), Menú de enganos (2010, Premio Frei Martín Sarmiento 2011). Tamén o ensaio e os traballos de investigación sobre cuestións relacionadas coa normalización do idioma ocuparon boa parte do seu tempo, como se recolle no libro En galego, por que non? (2009).

01/06/2017

0 comentários :

Danos a túa opinión