Volve o Festiclown de Vilagarcía

Redacción.-

O Festival Internacional de Clown de Galicia, Festiclown, volve ter lugar por terceiro ano consecutivo en Vilagarcía de Arousa, onde do 10 ao 15 agosto celebrará a súa edición máis internacional a prol da difusión e da reivindicación das artes escénicas do circo e dos pallasos a través dun programa maioritario de teatro de rúa.

De feito, o cruzamento de dúas vías principais da zona peonil da localidade arousá acolleu esta mañá unha pequena actuación da compañía Os Sete Magníficos Máis Un para a presentar os contidos do Festiclown 2017, un dos nove festivais escénicos galegos que contan este ano con subvención da Xunta de Galicia a través das axudas da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
 
Para deixar testemuño deste apoio, participou no acto o director da Agadic, Jacobo Sutil, xunto co alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, o cordinador do Festiclown, Nacho Fungairiño, da cooperativa Culturactiva, e demais representantes institucionais e privados que colaboran co certame.
 
Solidario e lúdico
Na súa intervención, Jacobo Sutil, incidiu na posta en valor do xénero clown que se fai anualmente desde este evento, tanto pola función social e reivindicativa do teatro que tradicionalmente representa, como polas súas posibilidades de achegamento escénico que lle brinda a todos os públicos en calquera tipo de escenario, “sempre buscando o sorriso, pero propiciando tamén a reflexión”, dixo.  O director da Agadic apelou tamén as características solidarias, participativas e lúdicas do Festiclown.
 
Na súa vindeira edición, o Festiclown desenvolverase practicamente na súa totalidade nas rúas para chegar a toda a cidadanía. Ademais, este ano recibe algúns dos nomes máis destacados da escena internacional, como a compañía belga Okidok, coa cómica Slips, a  Fundación Tchyminigagua, que trae desde Colombia os seus impresionantes números de zancos sobre patíns, ou a brasileira Circo no Ato, que xira por Galicia co seu espectáculo realizado tras un ano de traballo en colaboración coa Central del Circ de Barcelona, o Circo Crescer e Viver e a Escola Nacional de Circo do Brasil. Tamén estará Desastronauts, compañía integrada polo británico Girisho Gordon e por Raquel Veganzones, con sede en Galicia, que presentará o seu espectáculo Máis alto aínda.
 
Nos apartados Certame Intergaláctico Superroquiños participarán algúns dos máis recoñecidos grupos de clown, malabares e maxia, como a pallasa Natalia Outeiro “Pajarito”, con A vida tola; a compañía asturiana Vaques, con Ye orbayu; a vasca Malas compañías, con Txatarra; ou as galegas Píscore, co seu Concerto singular (e plural), e mais Circo Chosco,con Forzu2.
 
O Festiclown, que tamén ofrece un programa formativo mediante tres cursos a cargo de Antón Valén, Laura Muñoz e Mago Teto, estenderase ás parroquias da vila e a outras localizacións pola súa vocación de achegar a cultura a todos os destinos. Así, os lugares de Guillán, Carril, Castroagudín, Solobeira e Cornazo poderán gozar tamén de actuacións do mago Dani García ou de Fran Rei; os nenos e nenas ingresados no Hospital do Salnés recibirán a pallasa Laura Mandarina; e os que asisten ao campamento urbano municipal vivirán a acción inaugural do festival o 10 de agosto.  
 
O carácter solidario do Festiclown quedará tamén patente na parte do programa relacionada coa acción social. Así, a a Gala Solidaria Infantil, o domingo 13 no Salón García, presentará os magos Teto e Dani García, Os Sete Magníficos Máis Un e Jano Costas. A recadación destinarase aos proxectos que Pallasos en Rebeldía desenvolven en diferentes lugares do mundo.

-Programa de man do Festiclown 2

29 de xul. de 2017

O retorno do Pergamiño Vindel

Redacción.-

A Universidade de Vigo e a Xunta de Galicia, representados polo reitor, Salustiano Mato, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, veñen de asinar o acordo de colaboración para organizar a programación das actividades derivadas da chegada a Vigo do Pergamiño Vindel, un dos cumios da literatura medieval galego-portuguesa e un documento de excepcional relevancia para a historia cultural de Galicia. A colaboración entre ambas institucións permitiu que a primeira exposición pública da que se ten constancia deste documento de incalculable valor se realice en Galicia.

O conselleiro cualificou este fito como “moito máis que unha exposición bibliográfica, un proxecto de país”. Neste sentido, explicou que na exposición o Pergamiño Vindel estará acompañado doutras importantes pezas que axudarán a contextualizar e pór de relevancia a súa importancia no marco da lírica medieval galego-portuguesa, berce das nosa literatura e tradición musical culta, ademais de ser un fenómeno estudado en profundidade dentro e fóra das nosas fronteiras.

O conselleiro rematou a súa intervención lembrando unhas palabras de Ramón Piñeiro pronunciadas no seu ingreso na Real Academia Galega: “o pobo é a unidade natural de convivencia, a cultura é a súa forma e a lingua é o seu vehículo.”

No acto presentouse tanto a identidade corporativa deste fito cultural e deuse a coñecer a páxina web que albergará toda a información sobre a chegada do Vindel a Galicia e o ambicioso proxecto expositivo e programación cultural que se está a preparar ao seu redor, que xa está dispoñible e accesible no enderezohttps://uvigo.gal/eventos/proxecto-vindel/ .

O Pergamiño Vindel será exposto no Museo do Mar de Galicia, en Alcabre, un lugar idóneo tanto polas súas condicións técnicas –que foron validadas pola Morgan Library Museum, onde permanece depositado o pergamiño– como pola súa situación, na entrada do mar de Vigo que inspirou as sete cantigas de amigo que Martín Códax plasmou no Vindel. Ao seu carón, poderanse contemplar unhas 40 pezas de relevancia histórico-cultural datadas entre os séculos XII ao XV, distribuídas nas sete partes que conforman a mostra – comisariada por Francisco Singul- e que se corresponden coas sete cantigas recollidas no pergamiño. A mostra estará aberta ao público entre outubro de 2017 e marzo de 2018.

O acordo asinado recolle que a Consellería asume os gastos derivados da exposición do Pergamiño Vindel no Museo do Mar de Galicia como poden ser o acondicionamento dos espazos, o comisariado e o deseño da exposición, incluída a edición do libro-catálogo. Pola súa banda, a universidade faise cargo dos gastos derivados do Agreement for Outgoing Loans que inclúe, entre outros aspectos, o transporte, a mensaxería, as taxas de rexistro ou os complementos da póliza de seguro.

Asemade, contémplase a colaboración entre ambas institucións na elaboración dun programa de actividades que, xunto coa mostra, constituirá o proxectoPergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas.

Historia dun retorno
Ao abeiro da colaboración entre Xunta de Galicia e Universidade de Vigo o Pergamiño Vindel, que leva 40 anos depositado na Morgan Library Museum (Nova York), sairá por primeira vez da cidade dos rañaceos para retornar a Vigo, á contorna que as inspirou.

O Pergamiño Vindel, no que o nome de Martín Códax aparece na parte superior, foi escrito en tinta negra e os pentagramas en vermello, mentres que as iniciais están ornamentadas en vermello e azul.

Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada se soubo da obra de Martín Códax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiisde Cicerón. O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana comprou o pergamiño con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres, onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977 coa sinatura MSM.979, a disposición dos estudosos que desexen traballar con el.

XXXVIII Festival de Pardiñas

Redacción.-

Os vindeiros 4, 5 e 6 agosto vaise celebrar o Festival de Pardiñas 2017 constitúe sen dúbida unha boa oportunidade para gozar en directo das actuacións de recoñecidos grupos tanto do panorama nacional como internacional.

Ao longo de dúas intensas xornadas musicais nesta nova edición do festival, declarado de Interese Turístico de Galicia, todos os asistentes poderán gozar coa mellor música no mellor ambiente.

Este certame musical está organizado pola Asociación cultural Xermolos de Guitiriz, e vense celebrando desde o ano 1979.

Programa

venres 4 agosto

20:30h V Certame de Cantos de Taberna polos bares de Guitiriz

sábado 5 agosto

17:00h XXVIII Mostra de instrumentos de música tradicional

              Pregón por Antón Corral

             XXXVIII Mostra de Artesanía

18:00h Concerto Fernando Meireles (Portugal)

19:00h XXXVIII Carreira Popular

21:00h Concerto Bloquinhos de Xermolos(Galiza)

22:15h Concerto Os Melidaos (Galiza)

23:35h Concerto Quique Escamilla (Chiapas – México)

00:10h Concerto Kalakan & Luís Peixoto (Euskadi – Portugal)

01:45h Concerto Cúig (Irlanda)

04:00h Concerto Skandalo Gz (Galiza)

 

domingo 6 Agosto

11:30h XXVIII Mostra de Instrumentos de música tradicional

             XXXVIII Mostra de Artesanía

13:00h Vermú no campo con  Vintenbaio

16:30h Concerto Kote Malabar

18:30h Concerto os viqueiras de ordes na mostra de instrumentos

19:00h Pregón con Fina Casalderre

20:30h Concerto Abobriga (Galiza)

22:00h  Concerto Davide Salvado e Banda (Galiza)

23:30h Concerto Ives Labert Trio (Canadá)

01:45h Concerto Sacha na Horta (Galiza)

27 de xul. de 2017

XVI edición do FestiGal

Redacción.-

A XVI edición do FestiGal trae artistas como Guadi Galego, Nao, Raiba, Os Amigos dos Músicos e Son da Rúa para actuar na véspera do Día da Patria en Santiago de Compostela. Na presentación, Guadi Galego, sinalou que o Festigal “reivindica un país normalizado neste espazo político, social, musical e cultural” e representa “a ilusión dun país que quere chegar a ser algo máis”.

Tania Ameneiro, da Fundación Galiza Sempre, anunciou as bandas e agradeceu o voluntariado que traballa na organización do Festigal e o autor do cartaz deste ano, Leandro Lamas. “Un pintor de referencia que fixo esta serea que está no mar, dende o seu país e coa forza e valentía da estrela que ergue na man, como quere transmitir o Festigal, nun país de artistas e creadoras”, explicou.

A xornada do 24 comeza cunha sesión de DJ con Bigote Mix; Son da Rúa, composto por Álex Arnoso e Hugo Guezeta, de Ponteareas, que foron os gañadores do concurso “Novos Valores”; Os Amigos dos Músicos, con folk-rock inspirado na canción protesta; Guadi Galego presentará o seu último traballo “O mundo está parado”; actuará Nao como banda de referencia do rock galego e Raiba que traerá o seu último disco “Marxinación” de rock-metal con letras reivindicativas.

Alberte Fernández, de Galiza Nova, explicou que os gañadores do concurso Novos Valores participaron co tema retranqueiro “O galego non mola” para denunciaren a situación da lingua galega, seguindo a liña de crítica social nas súas letras. Destacou tamén o éxito deste vídeo que chegou a máis de 10.000 reproducións de Youtube en dous días. “O Festigal ponse en marcha grazas a 200 persoas voluntarias que fan posíbel este evento que cumpre 15 anos, dispostas a traballaren na organización dun cento de actividades para festexar o Día da Patria Galega”, engadiu.

Pola súa parte, Lucía López Sobrado presentou os actos previstos para o 25 de xullo nunha aposta en feminino no café concerto cunha exhibición de regueifeiras por cortesía da asociación Oral. O punto máis cómico e desenfadado virá da man de Isa Risco, co seu espectáculo Nabiza Girl, “quen sen dúbida nos fará rir coa historia desta superheroína rural galega”. No apartado musical, o público poderá descubrir o proxecto de Áureas “En Voga”, o que será un concerto-espectáculo “co que viaxaremos ás músicas dos anos 20, coas que poderemos bailar en pleno século XXI cos ritmos das nosas avoas e avós traídos aos nosos tempos”. Rematará coas potentes voces das Tanxugueiras, chegadas desde a zona de Teo e da Barbanza e que son xa un dos grupos revelación da música tradicional galega, sinalou.

Por suposto, terán tamén espazo no Festigal “multitude de colectivos sociais que desenvolven traballo a prol do noso país”, eventos deportivos, postos de artesanía, o espazo infantil con propostas culturais para os máis cativos, un espazo de venda de libro con variedade de editoras e librarías galegas e unha completa Galería das Letras e das Ideas nas que contaremos con palestras sobre temas de actualidade política e social e un grande abano de libros a presentar. Entre eles, pódense adiantar a presentación do libro “Na casa da avoa” da poeta viguesa Marta Dacosta ou a conversa entre os escritores Carlos Callón e Nacho Taibo arredor dos seus novos libros: “Galegofalantes e galegocalantes” e “Os tres de nunca”, respectivamente.

O Festigal vén cargado un ano máis de variadas propostas culturais en todos os estilos e disciplinas e encherá na noite do 24 e durante todo o día 25 o espazo do Campus Sur de reivindicación “para celebramos o Día da Patria Galega, para celebrarmos que somos galegas e galegos orgullosos de selo”. “Por iso o Festigal é un escaparate da cultura feita desde Galiza e en galego, que conxuga e beleza e o poder da tradición coa modernidade máis punteira e amosa que queremos estar no mundo en pé de igualdade con outras nacións e que temos talento a esgalla”, concluíu Lucía López.

21 de xul. de 2017

Portugal no Culturgal

Redacción.-

A organización de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, adiantou hoxe algunhas das que serán as liñas mestras da súa edición de 2017, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra do 1 ao 3 de decembro, coa cultura portuguesa como convidada especial para a celebración do décimo aniversario do encontro.

Promovido pola Asociación Culturgal, o evento, que aglutina os principais colectivos profesionais das industrias culturais galegas, volverá contar co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da renovación do convenio de colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Os preparativos para Culturgal 2017 parten con algunhas novidades como son a creación dun espazo propio dedicado á arte contemporánea (con presenza de artistas, galerías, estudantes, docentes e críticos), o incremento de actividades de dinamización desde os stands do recinto expositivo e, sobre todo, o reforzo na liña de internacionalización mediante a apertura do programa a culturas exteriores convidadas. Portugal é o país escollido para iniciar este percorrido, o que implica que institucións, empresas e creadores lusos participarán no décimo Culturgal cunha marca conxunta baixo a que circunscribirán concertos, expositores e presentacións. A acción conta co apoio da Secretaría de Estado da Cultura de Portugal e da Bienal de Arte de Vilanova de Cerveira.

Culturgal 2017 mantén nestes momentos aberto o prazo de reserva de stands, así como a convocatoria para creadores e profesionais, que teñen ata o 2 de outubro para facer chegar as súas propostas para configurar o programa de actividades das distintas disciplinas artísticas e para todos os públicos.

Dez anos de Culturgal

A primeira edición de Culturgal tivo lugar en 2007 en Pontevedra, impulsada fundamentalmente polos editores de Galicia. En 2008 celebrouse na Coruña. Dous anos despois, diferentes asociacións gremiais deciden constituír a asociación Culturgal para darlle estabilidade ao proxecto, que en 2010 volve a Pontevedra, onde continúa a celebrarse desde entón. Nesta década, Culturgal converteuse para persoas, colectivos e entidades públicas e privadas nun espazo de referencia para conectar os creadores culturais coas 15.000 persoas que teñen visitado cada último ano o recinto.

Hoxe forman parte de Culturgal as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Dedicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Culturgal consolida ademais un modelo de colaboración entre as industrias culturais e as institucións que achegan o seu patrocinio: a Xunta de Galicia como principal apoio, ademais do Concello de Pontevedra, Deputación Provincial de Pontevedra e Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

7 de xul. de 2017

IV Convivio da Cultura Galega

Redacción.-

O Convivio é unha xornada festiva, impulsada desde a Casa-Museo Manuel María, xunto á federación Galiza Cultura de asociacións culturais galegas e a Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, entendida como un punto de encontro aberto a todo o asociacionismo cultural de base que se move en Galiza a calquera nivel: colectivos, creadoras e creadores artísticos, conxuntos musicais...

O Convivio da Cultura Galega desenvolverase entre a Casa-Museo Manuel María, no centro da vila de Outeiro, onde se recibirá os participantes a partir das 11 da mañá, e a Carballeira de Santa Isabel, unha fermosa paraxe natural situada a menos de 1 quilómetro da casa natal do escritor onde as augas do Río Ladra conflúen coas do Miño. Transformada hoxe nunha magnífica área recreativa, o Campo da Santa Isabel foi tradicionalmente o lugar da festa na “tribo” natal do poeta (como el chamaba a Outeiro de Rei) e tamén o lugar dos xogos infantís e das descubertas da natureza: de aí que para Manuel María fose sempre un lugar moi querido e tan presente sempre na súa obra.

Na Carballeira desenvolverase o Convivio durante boa parte da xornada, con actuacións musicais pola mañá de, entre outras, da banda de música de Begonte-Rábade-Outeiro e da banda de música de Solfa, o xantar colectivo (cada quen deberá traer o seu), foliada aberta a grupos e persoas que queiran animar a sobremesa libremente (Milesios, Reviravolta,Cantareir@s.comTIGO, Maraxe, Parabéns...), xogos populares...

Durante a mañá, no auditorio da Casa-Museo, haberá un encontro das directivas dos colectivos culturais presentes no Convivio para compartir experiencias de traballo no ámbito cultural e tecer redes de colaboración para o futuro que poidan dar no desenvolvemento de iniciativas conxuntas e axuden a afortalar o movemento asociativo cultural galego de base.

4 de xul. de 2017

Biodiversidade e patrimonio nos Ancares

Redacción.-

Vaise celebrar unha nova edición do curso de verán "Biodiversidade e patrimonio nos Ancares lucenses: pasado, presente e perspectivas de futuro" en Piornedo (Cervantes, Os Ancares lucenses) organizado pola USC e no que colabora a AGCT.
"Biodiversidade e patrimonio nos Ancares lucenses: pasado, presente e perspectivas de futuro" ten como obxectivo formar para conservar e promover o desenvolvemento socioeconómico, utilizando a biodiversidade e o patrimonio cultural como obxectos de estudo e aproveitamento, así como expoñer experiencias de xestión na montaña galega ou en áreas con características semellantes e mostrar as posibilidades didácticas da montaña ancaresa. 

Número máximos de alumnos: 30
Número de horas: 26

Convalidable por 2 créditos para titulacións de grao e 1 crédito para licenciaturas, diplomaturas e enxeñerías.

Datas de celebración: 13 ó 16 de xullo do 2017.
Lugar de celebración: Piornedo de Ancares – Concello de Cervantes (Lugo).
Ás 13:30 do día 13 sairá un autobús gratuíto desde a parada da EPS, campus de Lugo, ata Piornedo. O día 16 ás 16:30 sairá un bus que fará a viaxe de volta a Lugo.

Matriculación:
Do 10 de maio ó 30 de xuño.
Matriculación on-line premendo no botón MATRICÚLATE na páxina web dos cursos de verán da USC ou de forma presencial nas oficinas da área de cultura da USC en Santiago ou en Lugo.
Xeral: 120 €
Reducida (estudantes, pensionistas, desempregados e persoal da USC): 70 €
Becas de matrícula: os 14 primeiros matriculados na modalidade reducida que, por medio de correo electrónico ó secretario ou ó director do curso, manifesten interese en ser becados, recibirán o reintegro do importe da matrícula unha vez que a entidade patrocinadora o poña a disposición dos organizadores.
Existe a posibilidade de aloxamento de balde no local da asociación cultural “O Teixeiro” de Piornedo.

Dirixido a:
Estudantes e titulados de carreiras ambientais e de humanidades, así como ó profesorado que imparta docencia relacionada co medio natural e co patrimonio. Tamén á poboación local interesada nos valores naturais e patrimoniais da comarca e no seu aproveitamento socioeconómico. En xeral a calquera cidadán, profesional ou non, interesado no medio natural e na cultura popular.

E-mail de contacto: a.decastro@usc.es / elena.freire@usc.es / orivaslopez@gmail.com

Máis información:
cursodeveranpiornedo2017.blogspot.com.es
http://www.usc.es/gl/servizos/cultura/veran/

2 de xul. de 2017